Era moi pequeno e xa facía debuxos con movemento. Moi pequeno e xa dotaba de linguaxe a acción, con onomatopeas. E ademais encantáballe a banda deseñada. Devoraba cómics. Eran sinais de que Maks, nome ficticio deste neno autor dun cómic que publica agora a editorial Onocrótalo, ten madeira para o debuxo. Sinais de que incluso podería ser un creador precoz. Detrás desa máscara, a mesma que a do personaxe protagonista desta historia, agáchase Maks, un neno de só 10 anos que cursa 5º de Primaria no CEIP García Barbón e cuxo nome completo tanto a súa editora, Beatriz Fraga, como a súa familia, Federico e Bea (os seus pais), prefiren protexer.

O cómic titúlase “Aventuras espaciais de T e Ronni”, un libro de 48 páxinas que conta a historia dun cabaleiro e o seu escudeiro, que poden lembrar aos clásicos Don Quixote e Sancho, que navegan cara un planeta chamado Tibi e van atopando perigos e situacións estrañas e sorprendentes. Nesta aventura hai piratas, naves espaciais pero sobre todo moito humor. Foi durante o confinamento cando este neno inventou esta historia. “Si, é quen de imaxinar unha historia completa, de inicio a fin. E crea tanto os debuxos coma os diálogos”, conta Federico, o pai do neno. Expresa que tamén a eles lles sorprende a habilidade do pequeno. O pai indica que a casa sempre estivo chea de libros, de cómics... e todos len. Dende pequeno, Maks estivo rodeado de banda deseñada. “Empezou coa colección 13, Rue del Percebe. E despois: Tintín, Capitán Trueno, os clásicos”, comenta Federico. Pero tamén: Súper Patata o Capitán Calzoncillos, Policán... 

A maiores, Federico é ilustrador e ten publicado varios traballos con Kalandraka.Tamén é profesor de debuxo na Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo. Federico pasa moitas horas traballando, na súa mesa, deseñando, debuxando... e o pequeno sempre está presente. “Claro que algo se lle pega, é o que viu dende pequeno. Supoño que ten moito que ver. Ademais, eu intento motivalo. Porque lle gusta. El mesmo pide. Hai un tempo publicamos unha especie de ‘fanzine’ con debuxos del. Imprimimos uns cantos, a modo de xogo, e el tiña a ilusión de repartilos”, expresa Federico.

Cando Maks creou a historia destas aventuras espaciais de T e Ronni, foi a editora Beatriz Fraga, membro da Fundación Euseino, a que dixo que esa historia era publicable. O neno domina bastante a linguaxe do cómic, e máis se se ten en conta a súa idade. Aí entrou en escena a editorial Onocrótalo, centrada na expresión plástica contemporánea, ante a necesidade de “percibir e sentir o artístico”.

A obra é unha volta ás viñetas que contaban aventuras de piratas e viaxes espaciais. Os debuxos de Maks cambian a orde esperada, introducen a sorpresa. Quen ía pensar que no espazo podería haber un Furancho Subterráneo?

Nas aventuras de T e Ronni amósase, segundo describe a propia editorial, a precocidade dun debuxante con gusto pola composición das viñetas, da páxina e da escena, despreocupándose da marcha da historia, que queda nas mans do humor e fai innecesario respectar a convención da lóxica narrativa, substituída pola alusión humorística a referencias moi presentes na mente de quen le e de quen, sobre todo, mira. Porque, no cómic, a mirada ten unha dirección e un senso, a diferenza da contemplación en pintura, que carece desa intención. Composición de páxina, sintaxe ás veces afouta que non racha coa convención do cómic, papel lúdico e humorístico dos modelos adoptados como referencia: a intuición precoz de Maks xorde dunha aprendizaxe inextricablemente unida á vivencia, non dunha aprendizaxe curricular nin académica. No seu caso, o debuxo forma parte da vida, é un xogo que recupera a anterga relación entre ludus e aprendizaxe, unha relación na que o lúdico da alusión vai indisolublemente unido a ese asumir algo como propio que está na base de toda aprendizaxe xenuína. O libro foi presentado o venres pola tarde na Fundación Euseino (Vigo).