Adrián Torrado, de 32 anos e titulado en Sistemas microinformáticos e redes (un ciclo de FP), é unha persoa con moita forza e inmensa vontade. A súa vida estivo marcada ata hai ben pouco por unha escasa mobilidade.

Cando era un bebé tivo unha meninxite neonatal que lle provocou unha parálise cerebral e quedou con moi pouca mobilidade. Era un neno que utilizaba cadeira de rodas e estaba exento de Educación Física, lembra. Ata que un profesor desta materia, con experiencia en adestramento de equipos deportivos, deu un xiro á situación de Adrián. Por que non probar? Facer exercicio a diario para ver a evolución. Foron moitos anos de adestramento diario. A primeira vez que Adrián conseguiu erguerse da cadeira de rodas tiña 13 anos. “Pasei moito medo, moitísimo. É moita impresión. A sensación de levantarte, que normalmente tes cando es pequeno, eu tívena con 13”, comenta Torrado.

Juan Díaz y Adrián.

Juan Díaz, o profesor de Educación Física, chegou no ano 2000 ao colexio Maximino Romero de Baio, no concello de Zas (A Coruña). Alí atopouse con Adrián, un alumno de 12 anos que estaba exento da materia de Educación Física porque, logo de ter unha meninxite neonatal, quedou afectado cunha parálise cerebral, producíndolle efectos como escasa ou nula mobilidade corporal, sobrepeso e unhas limitacións físicas que facían imprescindible o uso de cadeira de rodas. Juan sempre pensou que estes antecedentes non eran motivo para non facer exercicio. Falou con Adrián, co outro profesor de Educación Física, Marco, coa dirección do centro, cos seus pais e tamén co seu equipo médico. Todos e todas coincidiron na necesidade de cambiar a vida do seu alumno.

Duras sesións durante anos

A partir dese momento, Adrián non saberá en anos escolares o que é ter un recreo, a celebración dunha festa no colexio ou participar nunha excursión. Durante os 13 anos que decidiu apostar pola súa rehabilitación, tiña unha cita diaria no ximnasio para o adestramento deportivo, como se se tratase dun deportista de alta competición.

O exercicio empezou sobre colchóns esparexidos polo chan a modo de tatami, con Adrián arrastrándose sobre eles, con movementos de xiros, boca arriba, boca abaixo,... e aos 2 ou 3 meses xorde a idea de poñelo a camiñar con estabilizadores de xeonllo e bastóns de trípode. Foi un camiño longo, tortuoso e lento. “Chegaba rebentado”, expresaba Adrián para explicar o ritmo das clases, “na ESO, cando empezabamos a saír cos amigos, eu ía para a cama a descansar; non me daba o corpo, tiña que recuperar para estar activo ao cen por cen o luns”.

Constancia e esforzo

As rutinas de exercicios, a constancia, o esforzo, sen deixar de lado a grande implicación do equipo docente e directivo do centro escolar, así como da familia e do equipo médico, foron permitindo que Adrián mellorara pouco a pouco a mobilidade.

“Chegou a estar de pé, camiñando sen ningún tipo de axuda”, explicaba con orgullo Juan. Con 16 anos Adrián cambiou a cadeira de rodas por bastóns e agora usa andador. “Imaxina que a primeira vez que me puxen de pé foi con 13 anos, antes nunca o fixera, gateaba”, explica. E os dous tamén lembran o momento no que sae ao patio camiñando e escoitaron os aplausos e choros de emoción de compañeiros e profesorado.

Formación a outros profesionais

A historia de Adrián acaba de ser presentada no instituto de Baio. O equipo quere que sexa coñecida por futuros profesionais do deporte, estudantes de INEF e por foros especializados na rehabilitación. Que Adrián hoxe en día poida camiñar non é un milagre, como el mesmo recorda: “Teño unha frase que sempre me dicía Juan e é que aquí vense a traballar, non a chorar”. Os vínculos que se forxaron entre os dous sábeno eles “non o considero profesor, considéroo familia porque o que vivimos só o sabemos el e máis eu, foron moitas horas xuntos”.

"Ter a posibilidade de elixir"

Para rematar, quedamos cunha reflexión de Juan, indican desde Cogami: “tes que pelexar por ter posibilidades de elixir, a partir de aí, verei se o fago ou non; Adrián elixiu o esforzo”. De feito, o equipo docente responsable xa impartiu un curso online para profesores de Educación Física de toda España contando esta experiencia para poñela en común.

"Mobilidade reducida pero non minusválido"

Dende hai uns anos Adrián rematou o programa que levou a cabo co profesor Juan Díaz. A súa vida cambiou 100%, ata o punto de que camiña só, normalmente con andador, se ben pode camiñar un percorrido se ten unha persoa agardándoa, con contacto visual, pero para iso ten que ter moita confianza con ela.

É totalmente autónomo, como el mesmo comenta. De feito viaxou a Madrid, Portugal... “sempre con amigos, só necesito algo de axuda en momentos moi puntuais, pero, quen non precisa axuda nalgún momento sexa polo que sexa?”, comenta Adrián, ao que lle gustaría que cambiase o concepto de persoa con discapacidade que se ten na sociedade.

“Eu considero que teño mobilidade reducida, porque si, é certo, ou diversidade funcional. Pero non me gusta que me digan minusválido ou discapacitado porque non me considero, eu non me vexo así”, expresa Torrado. Que engade: “discapacitado? depende para que... hai moito que cambiar nestes conceptos, comenta Torrado, que apunta que é o encargado do club de fans da actriz Estíbaliz Veiga, e ten outros moitos proxectos en marcha.

Evolución de Adrián.

Evolución de Adrián.