"De neno adoraba as historias da Santa Compaña. Aqueles contos que escoitaba na casa aterrorizábanme e atraíanme á vez", conta o autor. Con “Papá Caníbal” (Xerais) Antonio Manuel Fraga (Nogueirosa, Pontedeume-1976) crea unha historia “disparatada, enxeñosa, macabra e tremendamente divertida” incluso na estrutura: hai varios finais posibles, é o lector quen escolle. E parte dun detalle ben significativo: unha nena que está farta de que un abusón se meta con ela...

Como definiría este libro?

Trátase dunha comedia moi fedella e un chisco macabra cuxo punto de partida é unha situación de bullying. Evidentemente non é casual que ese sexa o comezo, porque é un problema moi frecuente nas escolas e, ollándoo con certa sensibilidade, quixen que fose o detonante da acción de “Papá Caníbal”.

A protagonista é quen de darlle a volta inventando un pai caníbal?

Se o inventa ou non é algo que non descubriremos até o final (e até aquí podo ler). Respecto ao de darlle a volta, Fedora consegue nun inicio frear os ataques do Vinagre, o abusón que lle amarga a vida. Mais o asunto complícase cando entra en escena un policía apartado do servizo a quen todo o mundo coñece na vila como o Efebeí. Devagar, a lea do papá caníbal medra coma unha bola de neve que estoura na mesma noite do Samaín.

Que agocha esta estratexia? É posible que un golpe de efecto así poida axudar a saír de situacións de abuso?

Fedora bota man do enxeño para tentar saír desa situación. Cando lle di ao Vinagre que seu pai é un caníbal faino sen pensar nas posibles consecuencias, procurando o que ti dis: un golpe de efecto que free o abuso que está a sufrir. Parte un pouco da desesperación da nena, que é nova na vila, na escola e, aínda por riba, ten que aturar o abusón da súa clase. Malia a diferenza física, Fedora non se achanta.

Cre que é un tema que hai que tocar polo alcance que ten hoxe en día?

Por suposto. Calquera tema é susceptible de ser tratado na literatura infantil, sempre que se faga coa óptica adecuada. O abuso (tristemente) aconteceu, acontece e acontecerá nas escolas. Tratar este tema nas ficcións non vai facer que desapareza como por arte de maxia, mais se axuda a reflexionar sobre este tipo de situacións estou convencido de que axudará dalgún xeito a que exista unha maior conciencia.

 Considera que se incrementa polo tema das redes sociais, que se amplifica a historia dos abusos, dos medos dos rapaces ante ataques dos demais?

Amplifica o alcance destes abusos ao permitir recollelos e espallalos, o que aumenta aínda máis a sensación de vulnerabilidade da vítima. Mais estou convencido de que estas mesmas redes poden ser tamén unha ferramenta para frear este tipo de situacións. O importante é que as testemuñas destes abusos, que case sempre adoitan ficar en silencio, reaccionen para se poñer do lado da vítima. Ese sería un gran paso.

 Neste libro todo pasa a ser unha aventura, disparatada e divertida... Con posibilidade de escoller o final.

Si! Escribir o final foi unha das partes máis divertidas da escrita de “Papá Caníbal”. Eu era moi fan dos libros de ‘Escolle a túa propia aventura’, sempre quixen facer algo semellante. Así que, talvez porque non fun quen de elixir eu un final, deixei esa decisión en mans do lectorado que se achegue ao libro.

Moito lle gustan as historias de medo aos rapaces! Aínda que supoño que sempre foi así...

É así. Cando de neno escoitaba na casa historias sobre a Santa Compaña non podía afastar o ouvido. Aqueles contos aterrorizábanme e atraíanme á vez. As historias arrepiantes póñennos fronte a fronte cos nosos propios medos e lévannos a territorios inexplorados pola razón. Cando aínda es un neno é moi atractivo explorar esas sensacións, malia que despois (talvez) non sexas quen de durmir de noite.

Cre que se trata con suficiente profundidade o tema do acoso nos colexios e institutos?

Non o sei, con sinceridade. Supoño que, dependendo do centro, a situación será distinta. O que si creo é que é un problema que atinxe a toda a comunidade educativa. Non só ao profesorado, senón tamén ás familias e á rapazada. Penso que é importante que todas as partes colaboren na detección e na xestión deste problema, e non permitir que se agochen os abusos.

Lecturas coma esta poden axudar…

Oxalá sirva para que as rapazas e os rapaces que se acheguen a esta historia rían a esgalla e pasen un tempiño divertido. Despois, se axuda a que reflexionen sobre esta cuestión, enriba de mel, filloas.

Novo libro de Antonio M. Fraga.

Fedora, farta do abusón do cole

Fedora está farta de que o abusón do cole se meta con ela, así que decide asustalo contándolle que o seu pai é un caníbal. O Efebeí, un policía fóra de servizo por non facer nada ao dereito, inicia unha investigación pola súa conta sobre o suposto caníbal para tentar recuperar o prestixio perdido e poder reincorporarse ao traballo. A partir de aquí iníciase un atolado enredo na noite do Samaín.