O Cemiterio de Barcos é unha historia luminosa de amor e amizade contra a violencia en todas as súas expresións”. Un rapaz que chega á vila natal do pai, na que veranea, e coñece a Lucía; unha rapaza que vén de saír dunha relación tóxica e violenta, e xorde entre eles unha complicidade case instantánea... Sería un mini resumo do último libro de Francisco Castro (Vigo, 1966), escritor e director xeral da Editorial Galaxia. Esta obra é a número vinte na súa traxectoria.

“A literatura ten que servir, ou cando menos quixera que a miña servise, para facer pensar algo a quen está a ler, neste caso, a xente máis nova. Na novela expoño a cuestión das relacións tóxicas entre homes e mulleres. Moitas rapazas coidan que o natural é o Patriarcado, que o normal é a sumisión. Lucía, a protagonista da novela, irá tomando conciencia, con David, o rapaz protagonista, de que as cousas non teñen por que ser así”, indica Castro, que apunta que canto máis tempo pasa, máis se tende a naturalizar o abuso. “As novas xeracións, en teoría, están máis mentalizadas, o que non impide que, contraditoriamente, as denuncias por violencia machista se dean en casos cada vez de xente máis nova, haxa “manadas” formadas por xente máis nova. No caso da xente maior, moitas mulleres non conseguen tomar conciencia nunca. E iso é terrible”, expresa o autor e editor.

Dignidade e abusos

Dignidade e abusos son tamén temas presentes neste libro. “Eu penso que non hai temas complexos para ningún tipo de público. Podemos falar do que sexa, incluso con nenas e nenos. Teremos que buscar ben as palabras e o xeito de contarllo”, afirma.

Que pretende con esta obra?

“Pretendo, por unha banda, que se reflexione sobre a violencia machista, sobre as relacións tóxicas, pero tamén que a rapazada se achegue á Memoria Histórica, porque un dos trasfondos da novela é ese. David, o rapaz protagonista, que está farto de pasar os veráns toda a vida na mesma vila, descobrirá, case por accidente, unha trama corrupta que existe dende os tempos de represión que seguiu á Guerra Civil. Como Lucía, el tamén irá tomando conciencia de certas cousas que sempre se nos ocultaron. E que algunhas inxustizas e abusos que o bando vencedor cometeu sobre o vencido teñen ecos nos días de hoxe”, indica.

Temas comúns

"No fondo, todas e todos os que escribimos facémolo case que sempre sobre as mesmas cousas. No meu caso, hai temas que se repiten, como é a violencia contra os oprimidos. Iso está aquí nesta novela. Igual que outras obras da miña produción, estamos diante dunha novela de intriga, moi trepidante, con personaxes que veñen do pasado para remover o presente", conclúe o autor.

Novo libro de Francisco Castro.