Brais Iriarte, profesor na Escola Municipal de Teatro de Vigo, foi un dos mestres que durente todo este tempo, na terceira vaga COVID, impartiu aulas 100% online. E como eran? “Dividíaas en tres partes. A primeira parte era de quecemento. Para empezar faciamos xogos interactivos e de movemento, mentres o resto do alumnado se conectaba á reunión, para evitar tempos mortos. Un dos xogos constaba no seguinte. Mandáballe unha imaxe a unha das participantes, por mensaxe privada de Zoom, e ela mediante a descrición verbal tiña que expresar o que vía na imaxe e o resto facer esa imaxe dende as súas casas co seu corpo. Para isto dispoñían dun minuto. Ao rematar o tempo lanzaba unha música dende o ‘loop station’ (aparello co que se poden gravar frases relativamente curtas a que se lle poden ir sumando capas unha enriba da outra) e os participantes quedaban en estatua na posición que crían que estaba dita imaxe”, comenta Iriarte. Na segunda parte da clase traballaban cuestións máis técnicas. “Cos adolescentes traballamos o corpo mediante a expresión corporal e cos adultos textos e a parte de análise dos mesmos. Na terceira parte é un pouco máis aberta e sempre depende do tempo e de como foran as fases previas. É a parte na que somos autocríticos: analizamos as cousas que podemos mellorar das dinámicas anteriores, facemos xogo de despedida ou simplemente comentamos como sacarlle o mellor partido a isto que está a acontecer”, engade o profesor.

Eu empreguei todo este tempo de clases online Zoom Pro con algún programa que permite darlle ritmo para manter a atención a través da pantalla

Aspecto de pantalla, por Brais Iriarte.

“Eu empreguei todo este tempo Zoom Pro con algún programa que me permite enriquecer un pouco as clases, darlle ritmo para que o alumnado poida manter a atención a través da pantalla, que non é doado”, comenta Brais Iriarte. Durante algo máis de tres semanas a ensinanza neste tipo de escolas tivo que facerse 100% virtual, o que obrigou a afinar a imaxinación para conseguir manter o ritmo das aulas. Así o expresa Antonia Céspedes, a directora desta escola. “Reorientamos un pouco a formación, de xeito que puidemos traballar contidos vinculados coa imaxe, a cámara… Aproveitamos para traballar a improvisación ante a cámara, a expresividade, traballar os planos, primeiros planos, a mirada, a expresividade das mans, a iluminación…”, comenta a directora. Mantiveron horarios e alumnado e Antonia insiste nunha idea: “dende o primeiro momento optamos polo optimismo, por pensar que en breve iamos volver e era outra maneira de ofrecer os contidos”, apunta Céspedes.

Aproveitamos para traballar a improvisación ante a cámara, a expresividade, os planos, a iluminación... trátase de reorientar a docencia

Logo do esforzo en tecnoloxía realizado no confinamento do ano pasado pola comunidade docente, nesta ocasión o profesorado xa tiña máis controlados os programas que empregarían nas aulas a distancia. “Utilizo programas como o OBS, este programa é o que usan os youtubeiros para as súas retransmisións. Permíteme facer cabeceiras e traballar en multicámara, que para as clases de teatro é xenial. Facemos dinámica xestual. Tamén emprego o Loop Station (un pedal de instrumento que conecto a unha tarxeta de son) para as dinámicas musicais. Teño un ‘home studio’ e podemos gravar voces, música. Todo isto o que me permite é facer as clases máis dinámicas. E na pantalla tamén se nota moito iso, o ritmo, a atención. A través do Power Point creamos xogos. Temos como unha especie de ruleta dende o Zoom e os alumnos van tirando e tócalles realizar o que lle caia na ruleta, por exemplo, facer de mimo cun bastón. Ou expresar unha determinada emoción coa cara, etc… E isto permite que xoguemos tamén a través da pantalla”, comenta Brais.

Este docente, que imparte Teatro Básico a adultos e Teatro Medio a adolescentes, ten unha compañía, Limiar Teatro, e conta que neste traballo tamén é moi común cando preparan un espectáculo concreto investigar que recursos precisan, tanto tecnolóxicos como materiais. É un proceso de investigación para a preparación dun espectáculo concreto que tamén seguiu neste caso, cando indagou a ver que plataformas ou programas eran os máis oportunos para impartir as clases telemáticas nesta etapa da pandemia que obrigou a impartir as clases en modo 100% virtual. Ten unha clase de dez alumnos/as adolescentes e outra de sete adultos. Comenta que en ningún caso sentiu que se perdese a emoción. A través da pantalla tamén foi posible impartir teatro e crear situacións grupais.

Para final de curso están pensando en organizar un festival ao aire libre, agardando que a esa altura, no mes de xuño, sexa posible levalo a cabo. “Solicitamos o espazo de Finca Solita para poder facer alí en xuño as mostras dos alumnos/as. É un espazo que está perfectamente adaptado e é moi bonito. Pensamos nun espazo exterior descartando os interiores”, expresa a directora da escola.

VÍDEOS EXEMPLO DAS AULAS DE TEATRO:

Así son as clases de teatro online da Escola Municipal de Vigo

Así son as clases de teatro online da Escola Municipal de Vigo Brais Iriarte