Vai ser un Entroido raro este…

Ten que ser un Entroido diferente. Botaremos en falta a festa nas rúas, disfrazarnos cos amigos, as saídas dos Merdeiros polo Casco Vello… mais iso non quita que poidamos celebralo na casa, cos nosos.

Que pretende con este libro?

Igual que co anterior, É tempo de Entroido!, queremos que a rapazada (e os non tan nenos) saiba da enorme riqueza etnográfica que temos en Galicia. Porque hai máscaras moi coñecidas coma os Peliqueiros de Laza, as Pantallas de Xinzo ou os Cigarróns de Verín, pero tamén existen outros Entroidos, se cadra máis agochados, como os Vixigueiros de Samede ou os Follateiros de Lobios –por citar só dous– igual de interesantes.

Tamén ten unha parte musical interesante… con que fin?

A música é fundamental en calquera festa e se en É tempo de Entroido! lle pedimos a Isabel Fernández Reviriego (Aries) que lle puxese música ao texto do libro, neste caso foron Os Amigos dos Músicos os encargados de musicar Non pare a festa e non podemos estar máis contentos co resultado. Ademais, unha canción (e un vídeo realizado por Siradella Films) é un recurso interesantísimo para os colexios, onde os mestres e as mestras poden cantar e bailar co alumnado ao mesmo tempo que lles dan a coñecer o Entroido galego.

Entendo que o libro fai unha descrición das figuras do Entroido en Galicia, os nenos e nenas son conscientes ou é precisamente para achegarlles estas figuras tradicionais?

Os nenos e nenas que viven en vilas e aldeas onde hai un personaxe típico do Entroido coñéceno e víveno intensamente. Porén, hai moitos lugares en Galicia onde o Entroido é máis urbano e viven a festa dun xeito diferente: disfrázanse, asisten aos desfiles ou mesmo participan nas comparsas e nos concursos, pero isto é moi diferente do que queremos amosar cos nosos libros. Aquí trátase o Entroido tradicional e, mediante as ilustracións de David Sierra, damos a coñecer como son esas máscaras, eses traxes e, en definitiva, eses personaxes tan excepcionais que forman parte da nosa cultura e da nosa tradición e que debemos reivindicar e respectar.

Que hai de máxico na representación do Entroido en Galicia, como cre que isto inflúe na identidade?

 No Entroido, como en todas as festas galegas (Os Maios, San Xoán, o Samaín…) todo é máxico. Temos tal riqueza que penso que nese aspecto ningún outro lugar pode competir con nós. Sempre comento a mesma anécdota: a miña amiga Pilar convidoume hai xa moitos anos a pasar os días de Entroido na casa da súa avoa, en Toro, unha aldeíña preto de Laza. Ti sabes o que é que te esperte ás 8 da mañá o son das chocas dos peliqueiros? Foi tan emocionate que aínda hoxe lembro perfectamente ese son e esa sensación.

E que efecto causa o Entroido nos rapaces e rapazas?

Á rapazada (ou á maior parte dela) encántalle a festa, disfrazarse, saír ás rúas ou ir á escola convertido en quen desexarían ser: un pirata, unha princesa, Spiderman ou Harley Quinn. E facer falcatruadas e que non os reprendan por iso. Ir detrás dos merdeiros coa cara tapada para que non te recoñezan e batendo nas portas e nas papeleiras é unha das cousas máis divertidas que lle podes ofrecer a un neno ou a unha nena de Vigo.

Como cre que vai ser ou debería ser este Entroido COVID?

 Como dicía ao comezo, ten que ser un Entroido diferente. Non poderemos xuntarnos para celebralo pero non por iso ten que parar a festa. Hai que apelar á responsabilidade das persoas pero tamén animalas a que se disfracen na casa, fagan filloas, saquen os mecos aos balcóns, coman cocido ata fartar e gocen da festa. Tamén animo a todo o mundo a que lea o libro, escoiten a canción (a partir do código QR que aparece na contraportada do libro ou nas plataformas dixitais), canten, bailen e compartan fotos e vídeos na rede co cancelo #nonpareafesta. Que se vexa que aos galegos e ás galegas, cando se trata de xolda, non nos para nin unha lexión de virus.

Non pare a festa from Xerais on Vimeo.