“Controlar o móbil da parella ou do ‘ligue’... estar pendente das veces que se conecta a WhatsApp, se dá ‘like’ ou non, a quen e incluso, en ocasións, ter os contrasinais da outra persoa... parécevos normal? Pensádeo friamente. Pensade se ten sentido gastar ese tempo nese control, non se sabe ben de que. E sobre todo poñédevos no lugar da outra persoa”. É unha das reflexións que xorden nas charlas sobre violencia de xénero e igualdade que Joshua Mateo, fillo de Sesé Mateo (asasinada pola súa exparella en 2017), imparte en centros educativos.

“Se hai algunha dúbida sobre o que pensa a outra persoa, o que sente ou se ten algún problema... Imaxinade o doado que sería, en lugar de controlar as redes sociais e internet, preguntarlle directamente. Falar con ela ou con el dende a confianza, o respecto e o cariño. Quedar tranquilo se está todo ben. E se hai algunha dúbida ou preocupación, falalo”, continúa Mateo, que comenta que en máis dunha ocasión algún alumno deulle as grazas por este tipo de reflexión, porque lle fixo pensar. Empatía e entender que a muller non é propiedade de ninguén. Ninguén é propiedade ninguén.

Falta perspectiva de xénero, asegura Joshua. “Hai moitos comportamentos machistas continuamente na sociedade e cousas moi inxustas nesta vida para as mulleres. E hai moito que traballar neste tema, é súper necesario”, comenta Mateo, que se define como un supervivente da violencia de xénero (non vítima, senón supervivente). Tocoulle vivir algo durísimo: o asasinato da nai. Mateo fala sobre a violencia de xénero con alumnos e alumnas, en charlas en institutos e colexios. As súas palabras non deixan indiferente a ninguén. A experiencia da que parte é terrible. Por iso decidiu que vai dedicar a súa carreira laboral a este tema e nestes momentos cursa o Ciclo Superior de Promoción de Igualdade de Xénero no CIFP A Xunqueira, de Pontevedra. Joshua Mateo quere ser técnico de Igualdade. “Non é doado saír da zona de confort pero creo que debo facelo porque fai falla perspectiva de xénero e creo que podo axudar a moitos escolares e mozos e mozas neste aspecto, de mirar a vida desde a igualdade, porque estamos rodeados de estereotipos que deixan a muller en desigualdade. Hai que detectalos, saber interpretar e reflexionar sobre o tema”, conta Mateo, que antes de tomar esta decisión de dar un xiro no seu futuro laboral era informático. Na educación está a clave, expresa este mozo de Chapela (Redondela) que en breve cumprirá 30 anos.

Mateo ten a tutela do seu irmán, de 13 anos. Viven xuntos na vivenda familiar, que quedou moi mal tralo suceso. Pero os amigos da nai e veciños de Redondela uníronse, todos a unha, para axudar a Joshua e ao seu irmán (recadaron fondos para arranxala e a empresa de reformas non cobrou a man de obra). Logo do asasinato de Sesé, Joshua contou tamén con axuda para a publicación dun libro escrito pola súa nai no seu momento: ‘No camiño do vento’. “Xa levamos preto de 15.000 euros recadados co libro. Estes cartos van ir para as bolsas do Fondo Soledad Cazorla, da Fundación Mujeres”, son bolsas para apoio educativo e psicolóxico dos menores vítimas da violencia machista, fundamentais en situación de orfandade por violencia de xénero, segundo apunta Joshua. “Cada bolsa é de 2.000 euros, precisamente foi a bolsa que lle deron a meu irmán no seu momento. Os cartos recadados co libro irán para máis bolsas para outros rapaces/as que o precisen”, conta Joshua.