Libros recomendados da semana

LIBROS - 1

LIBROS - 1

Os perigos da documentación

Para alén da novela

César Lorenzo Gil

Xabier Paz volve ao universo medieval no que xa ambientara A galera de Xelmírez (Xerais, 2015). Desta volta, O libro e o tapiz quere ser un ambicioso achegamento á difícil relación entre o arcebispo de Santiago Diego Xelmírez e a raíña de Galicia Urraca Afonso, dacabalo dos séculos XI e XII.

A novela está construída, principalmente, cun modelo especular, onde Xelmírez e Urraca falan en primeira persoa. Empezan sendo narradores que pasan de ser testemuñas nas primeiras liñas de cada capítulo no que toman a palabra a cronistas dos acontecementos do seu tempo, con profusión de datas, lugares e fontes.

Velaí o principal problema desta obra. O autor —tal e como confesa nunha nota bibliográfica final— estivo unha década documentándose para escribila. “A enumeración de todos os textos visitados resultaría prolixa, mesmo babélica e tediosa”, afirma. Esa carga, desafortunadamente, desequilibra o texto; faino demasiado lento, en moitos momentos inerte. Paz non é quen de crear un universo autónomo. O lastre da investigación histórica imponse sobre a literatura. Por exemplo: non se conforma con citar algún texto, senón que o tal texto aparece na novela, coma se o necesitase para reafirmar o que nos conta. Isto sucede demasiadas veces.

Non só porque o que sabe sobre a época abafe o texto, senón porque en realidade quixo camuflar ese protagonismo documental mediante un esquema narrativo convencional, de monólogos de sentenza longa e descrición de ambientes con pouso clásico, medievalizante na intención, pero decimonónico no resultado. Co problema engadido de que Xelmírez e Urraca falan máis ou menos igual, co cal o efecto do contrapunto non se produce.

Só en contados momentos parece que o autor quere independizar o relato do “rigor”. Só en contados momentos esquece a historia e fai literatura: evocación, imaxinación, curiosidade, dominio das técnicas expresivas… Neses breves escintileos está o mellor desta obra, unha ollada autónoma ao espírito do tempo da historia, pero quizais aparece demasiado agochado para que o desfrute de veras un lector.

O libro e o tapiz non responde aos modelos máis actuais da novela histórica. Actualiza o enfoque sobre a época seguindo os parámetros da nova historiografía galeguista (a pegada de Anselmo López Carreira é explícita), pero non para divulgar entre o público xeral as novas interpretacións históricas desta corrente. Renuncia a facer unha novela popular; ben ao contrario, esta é unha obra moi erudita. Mais queda lonxe da novela histórica literaria contemporánea que especialmente se desenvolve con éxito en Francia, baseada na destilación da documentación, a atención ao detalle e mais a síntese.

  • O libro e o tapiz

    Xabier Paz, Vigo, Xerais, 2023, PVP. 18,52€

Esperanza e resistencia

Compromiso social, polifonía de voces

Estro Montaña 

Susan Abullawa é unha escritora nada nun campo de refuxiados palestinos de Kuwait, que de nena se mudou para os Estados Unidos, país no que publicou ensaios e novelas de grande éxito, entre elas O azul entre o ceo e a terra, verquida a máis de vinte linguas e que agora aparece en galego, traducida por Rocío Viéitez Ferro e cun limiar de Moncho Iglesias Míguez.

Trátase dunha novela con varias voces narrativas que contan a historia dunha familia palestina, os seus problemas existenciais, os seus días de festa e de sombra, pero tamén a complexa problemática dunha sociedade na que a familia dos Baraka, a través das mulleres de diferentes xeracións, nos dá conta de como se vive nun espazo -o barrio de Masryeen, un dos máis pobres da franxa de Gaza, nun territorio rodeado de muros e fronteiras hipercontroladas, no que a guerra, a relixión, os lazos familiares, un concepto antigo do honor e a fe nas raíces están sempre presentes.

O azul entre o ceo e a terra é un relato no que se evidencia o compromiso social e no que a autora se serve dunha polifonía de voces, de datos da realidade e de elementos fantásticos e misteriosos propios do realismo máxico, para debuxar personaxes coma a desleigada Nazmiyed, a tola Um Madou -que fala cos espíritos-, Marian -con ollos de dúas cores-, a americana Nur que anda á procura da súa identidade, ou Khaled, que bota en falta os tempos en que podía comer ovos Kinder. Gaza é terrible, dicía un militar israelí na serie Fauda; a novela de Susan Abullawa tamén o ve así; só que ela defende claramente a causa palestina, cun inglés cargado de arabismos, e fai un canto á resistencia e á esperanza, palabras que invoca un dos personaxes deste libro publicado por Laiovento no selo Candemaia, destinado a historias de mulleres con vidas “que un día se tinguiron de negro”.

  • O azul entre o ceo e a a auga

    Susan Abulhawa, Santiago,Laiovento, 2023,PVP. 23,95€

Entender o que nos pasa

Con fantasía e claves metafóricas

María Navarro

Unha nova creación literaria de Andrea Maceiras vén de ser publicada por Cuarto de inverno, para que os mozos e as mozas disfruten dos movementos da gata Casiopea, coas ocorrencias de Orión ou co comportamento e reflexión de Alma ou da súa familia.

A chegada do alien á urbanización de Agarimo supón o inicio do relato e a partir de aquí comeza a aventura tanto física coma emocional, porque son precisamente os sentimentos que xorden das circunstancias vividas os que se encargan de que as personaxes da novela actúen nunha ou noutra dirección. Diría que, estendendo o razoamento, son as reaccións do espírito a determinados estímulos as que moven o mundo. Por iso, é tan importante entender o que nos pasa, o que lle sucede ao outro para ver de, poñéndose no seu lugar, actuar en consecuencia. E se son os cativos e as cativas as que envían sinais con comportamentos pouco decorosos ou directamente violentos aínda cobra máis relevancia a necesidade de actuación.

O texto que presenta a coruñesa bota man dunha desbordante fantasía para achegarlle á mocidade en clave metafórica unha análise do que lles pode estar sucedendo a Alma, Noa, Nico e Luc, ao mesmo tempo que lanza explicacións acerca de emocións como a ansiedade, o medo ou o enfado para que o lectorado se vexa reflectido e actúe dunha forma similar os personaxes, vese que examinando o que lles sucede poden poñer solución: Orión faino con burbullas e os humanos, quizais, con vontade.

A narración dobre combina os pensamentos dunha gata caseira, Casiopea, co relato dos acontecementos e con eles a escritora válese dun mundo imaxinario e dunha realidade cotiá nunha combinación de simbiose perfecta na que Irene Sanjuán achega as notas de cor.

  • Burbullas de calma serena

    Andrea Maceiras (Ils. Irene Sanjuán), Arzúa, Cuarto de inverno, 2023, PVP. 15,50€

Brillantes metáforas

Poesía materialista e reflexión do universo

Héitor Mera

A chegada onde nós do poemario da autora canadiense Rebecca Elson ao dobre esforzo da tamén poeta Estíbaliz Espinosa; por certo, e con moi atinado criterio, trátase dunha edición bilingüe inglés-galego. E chamamos xa a atención sobre a análise preliminar. Espinosa ábrenos nela a porta metapoética dunha autora descoñecida para a meirande parte dos lectores cun didactismo e rigorosidade necesarios para comezarmos a albiscar que é o que nos espera coa lectura dos textos.

Estamos perante a poesía dunha astrofísica, e o resultado devén interesantísimo. Desde logo, a orixinalidade está garantida polos aspectos que interesaron e nos que focalizou a súa poesía. O poemario foi publicado postumamente por empeño do viúvo. de Elson; ao lelo, non puiden deixar de lembrar aquela máxima de que a poesía ten tantos temas como sentimentos e inquedanzas se poidan expresar. Velaí o novidoso dunha autora que, desde a súa posición de científica de prestixio, desenvolve a súa vea máis persoal e reflexiva cunha poesía na que reflexiona sobre os distintos aspectos relacionados coa disciplina á que lle dedicou a vida.

Estamos afeitos a moitos temas e expresións, mais non quede ninguén sen saber que este poemario ofrece outra cousa distinta. Achegada á poesía materialista como reflexión do universo, neste caso vaise máis alá e a autora non poetiza sobre abstraccións que se expresan no mundo das ideas. Elson poetiza sobre cuestións que para nós están fóra de coñecemento; en moitos casos, por falta de formación e que ela, cunha poesía chea de intensidade lírica e cunhas metáforas e imaxes absolutamente brillantes, pon diante dos nosos ollos para facer honra ao título mesmo do seu volume.

Coido que unha das cuestións que máis me sorprende e que considero ten que ser sinalada é que Elson fai outro tipo de poesía, premisa que quixeran e procuran moitos creadores e creadoras con resultados diverxentes, sen necesidade de procurala a través da experimentación. Elson é unha poeta, chamémoslle así para entendérmonos, tradicional, mais que ten a gran facultade de ofrecernos o seu propio mundo lírico. Coas ferramentas propias da poesía, sen pretender descubrir nada que non se coñeza xa desde unha perspectiva creativa, ábrenos os ollos compartindo con nós todo o que nos pode ofrecer e que moi pouca xente podería facer.

  • Un compromiso co asombro

    Rebecca Elson, Vigo, Galaxia, 2023, PVP. 15,90€

Suscríbete para seguir leyendo