A traxectoria de Eugenio Granell entre 1950 e 1959 é o tema de Detrás do Sol: Granell en Porto Rico, unha exposición que se poderá visitar ao longo de todo o verán na sede compostelá da Fundación Granell. A mostra é resultado dunha investigación en que se analiza a traxectoria de Eugenio Granell como catedrático na Universidade de Porto Rico, Recinto de Río Piedras, entre 1950 e 1959. Alén diso, presenta a maneira en que o artista galego iniciou unha nova escola de arte moderna na illa caribeña e como neste contexto os artistas portorriqueños foron quen de experimentaren co surrealismo e con diferentes tendencias vangardistas desde linguaxes variadas.
Relacionadas
Eugenio Granell conseguíu desde a súa chegada a Porto Rico atraer cara o surrealismo a moitos artistas locais como Hilton Cummings, Virginia Vidich ou Robert Alberty (El Boquio). Segundo o comisario José Correa Vigier, a escola iniciada por Granell ampliou a narrativa plástica e o pensamento crítico dos artistas da illa en contraste coa estética conservadora dominante no Porto Rico daquela altura.
Con todo e con iso, o que máis destaca na mostra desde a perspectiva dos traballos expostos é a pintura de Granell, con algunha das obras cimeiras da súa produción como El vuelo diurno del Pájaro Pí e El vuelo nocturno del Pájaro Pí, ambas de 1952, onde podemos percibir unhas formas debedoras do cubismo, sintetizadas con outras influencias vangardistas e tratadas cun cromatismo contrastado e brillante e unha planimetría espacial poboada de seres e obxectos, que delata a influencia do ambiente tropical. Son obras pertencentes a unha serie, dedicada ao “Paxaro Pi”, unha formulación poética e mítica do artista. Estamos perante un modelo de creación elaborado a partir do mecanismo surreal dos misterios que provocan estrañas confluencias, nun mundo primixenio de forte carga poética. Neste tipo de traballos, o proceso de fixar imaxes do subconsciente consegue unha atractiva síntese do pictórico e o poético e crea auténticas metáforas plásticas, con ese paxaro de ecos totémicos inserido nun universo primordial e edénico, unha floresta/xardín que favorece a eclosión de pulsións abisais, onde o Paxaro Pi cumpriría un rol de enlace co noso mundo, transportando a voz dun universo primixenio. Neste sentido o Loplop, o pai superior dos paxaros, presente en moitas obras de Max Ernst non se encontra moi lonxe da creación do artista galego.
No estilo de Granell, como demostra as obras realizadas en Porto Rico, o mito e a metamorfose tórnanse elementos centrais. Fusiona o vexetal e o animal, cun tratamento achegado á abstracción, cun barroquismo moi remarcado, e remite a un mundo telúrico, que se afasta da convención figurativa. A evocación dos títulos, sempre importante para o artista, sitúa estas obras dentro do que a crítica ten denominado “paisaxes máxicas”. Trátase de títulos que estabelecen coas pinturas unha relación analóxica, que nos levan a un ámbito poético, sempre referencia para o artista, nun mundo que, como el mesmo afirmou, sempre o acompañou mais que o trato con grandes figuras do surrealismo como André Breton, Benjamin Péret ou Wifredo Lam fixo “desencadear”.
- Título: Detrás do Sol: Granell en Porto Rico
- Artistas: Eugenio Granell e discípulos. Comisario: José Correa Vigier. Local: Fundación Granell, Santiago de Compostela. Até o 10 de setembro.