Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Cinema e literatura

Annie Ernaux na gran pantalla

Fotograma de O acontecemento (Audrey Diwan, 2021).

Nunha entrevista realizada por Gabriel García Márquez ao director xaponés Akira Kurosawa no ano 1991 —entrevista que acabaría converténdose nun intercambio de reflexións máis que nunha sucesión de preguntas e respostas—, ambas figuras coincidían na dificultade que as adaptacións cinematográficas teñen para plasmar con fidelidade o ambiente dunha novela; é dicir, ese fulgor case imperceptible que desprende unha escena literaria, resultado dunha suma de elementos implícitos que van formando unha aura que, de xeito inmediato, o ollo dunha cámara non é capaz de filmar. Kurosawa falaba da sensación que lle provocara unha zona mineira chamada Ilidachi na que traballou como axudante de director cando era novo, que foi elixida como localización por mor dunha atmosfera estraña, pero as imaxes só puideron amosar unha ruinosa cidade mais sen seren quen de retratar o temor que brotaba no aire por causadas difíciles condicións de traballo dos mineiros.

A Premio Nobel 2022 Annie Ernaux.

Escritor e cineasta -un desde a literatura, outro desde a cinematografía- ambos pretendían teorizar sobre o proceso de adaptación literaria, asunto que, afortunadamente, semella inabarcable, pero que establece un punto de partida que non acepta discusión: a diversidade das linguaxes utilizadas no texto de partida e no texto final. Así, Marie-Claire Ropars desterra o termo “adaptación” e prefire falar de “reescritura” para referirse á operación a través da cal filme e texto acaban sendo o lugar dunha reflexión recíproca; reescritura porque entende que a adaptación é a expresión dun compromiso adquirido no proceso de lectura do texto. Neste sentido, a adaptación cinematográfica dunha obra transcendente da literatura universal é asumible en canto sexa produto dunha relectura persoal que o director propón dese texto, sacando partido do material semántico para falarnos de si mesmo e da súa visión do mundo que impulsa a obra literaria; en parte, esta cuestión explica a insatisfacción que producen as adaptacións que non van máis alá dunha interpretación literal, xa que a riqueza deses textos reside precisamente na suma enriquecedora das interpretacións baseadas en achegamentos persoais. Moitas das adaptacións máis aclamadas son aquelas que parten dunha visión afastada da literalidade. Que unha escritora como Annie Ernaux, flamante Premio Nobel de Literatura, cunha vintena de obras, non fora obxecto de ningunha adaptación ata o ano pasado —O acontecemento (L’événement, Audrey Diwan, 2021)— pode explicar, por un lado, o respecto que inflixe a alta literatura á hora de ser plasmada en imaxes ou, por outro, as diverxencias que existen hoxe en día entre o mercado cinematográfico e o literario. Non cabe dúbida de que o recente galardón impulsará nos vindeiros anos o achegamento de moitos cineastas e produtoras á obra da escritora francesa, o cal outorga moito máis mérito á proposta da escritora, guionista e directora de orixe libanés Audrey Diwan, que acadou o León de Ouro no Festival de Venecia coa historia de Ernaux na que narra a historia dunha moza que no ano 1963 ten que enfrontar un embarazo non desexado nunha Francia que prohibía a práctica do aborto. Mención especial neste proceso merece tamén a guionista arxentina afincada en Francia Marcia Romano, capaz de imprimir un contexto máis actual ao problema do aborto por mor da situación que nos últimos tempos está a vivir o país sudamericano con esta problemática.

Ilustración para Cen anos de soidade.

Ademais desta adaptación, no ano 2020 o realizador Régis Sauder estreaba o seu documental J’ai aimé vivre là, onde describe a presenza que unha figura como Annie Ernaux ten na urbe na que vive, Cergy-Pontoise, aínda que, sobre todo, destaca o documental filmado pola propia escritora, Les anneés super 8 (2022), unha montaxe de vídeos caseiros que en España poderá visionarse en xaneiro na plataforma de Filmin.

TV Gabo

Gabriel García Márquez sempre se manifestouorgulloso de que a súa obra suprema, Cen anos de soidade, estaba construída en forma e contido para non ser nunca adaptada ao cine. A saga da familia Buendía foi esculpida sobre mármore íntegro, inalterable e indeformable, exento a calquera tipo de transformación, en parte, grazas aos existentes utilizados: tempo, espazo, personaxes, sucesos, puntos de vista, xuízos, vocabulario, etc., que marcan distancia respecto dunha materialización en imaxes. Porén, Netflix quere desafiar a perspectiva do escritor colombiano e non sabemos se tamén o seu desexo.

En todo caso, a plataforma logrou convencer os seus herdeiros para converter as excelsas páxinas publicadas en 1967 nun produto audiovisual en formato de serie, aventurándose deste xeito a un proxecto no que millóns de lectores de todo o mundo serán pouco condescendentes á pouco que o resultado final non logre estar á altura das expectativas.

Probablemente, unha produción seriada permita mitigar algunhas das carencias que, por metraxe, unha longametraxe podería adolecer; secasí, as complicacións deste traballo son monumentais, e haberá que esperar algún tempo para establecer se o Macondo que nos ofrece Netflix está a altura do perfilado por García Márquez.


Compartir el artículo

stats