Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Entrevista
Xulio Simón Investigador, profesor, autor da Xulipedia

“O da Xulipedia é un labor que, en realidade, non ten remate”

Xulio Simón, estes días en Combarro. Gustavo Santos

Licenciado en Filoloxía pola Universidade de Barcelona, a partir da década dos 80 do século pasado creou unha cronoloxía da literatura galega –xunto coa portuguesa, catalá, española e a universal– que abrangue de 1850 a 2004 e que se publica dende 2007 como unha wiki co nome de Xulipedia.

–Para quen non coñeza de nada a Xulipedia, como explicaría en poucas palabras de qué se trata?

–En primeiro lugar teño que dicir que o nome non foi cousa miña, senón da brincadeira duns amigos. Aclarado isto, trátase dunha cronoloxía da cultura galega xunto coa portuguesa, a dos países africanos de lingua portuguesa, a cultura catalá, a española e aínda diría que a universal. Foron moitos anos de labor, e na altura de 2004, ofrecínlle de balde este traballo a varias asociacións e organismos… pero ao cabo o traballo quedou aí nunha gaveta ata que en 2007, por mediación de Luís Losada e outros amigos que sabían da trascendencia do proxecto e estaban interesados nel, puxémonos en contacto con Xavier Prado, que se manexa moi ben na informática, e eles foron os que, durante a pandemia, o compilaron en formato wiki, que é o que agora ten.

–Como lle xurdiu a idea?

–O interese meu pola literatura e a cultura galegas vén de cando eu ía facer o exame para ingresar nun instituto en Lugo, e daquela lembro que meu pai me dico que, entre o profesorado, “tiña un mestre chamado Xesús Alonso Montero a quen podes falarlle en galego”. Iso a min quedoume gravado e dende ese intre pregunteime: que pasa co galego que non se pode falar en todos os sitios e quen é ese profesor co que si se pode falar en galego? Por outra banda, tiven sorte de ter un avó que me contaba historias, contos populares, que logo me decatei que se publicaran nun volume, en Lugo. Esa é a verdadeira raíz da Xulipedia, pero concretamente este traballo xurdiu cando eu colaboraba cun programa de radio en Cornellá (Barcelona) que se emitía en galego, de maneira que cando había unha noticia relacionada coa cultura galega, eu procuraba relacionala coa catalá e coa portuguesa. Nun principio facía unha cousa moi breve, pero pouco a pouco foise ampliando ata chegar a isto despois de moitas horas e moitos anos de traballo.

–Cando comezou a traballar nela, tiña pensado chegar tan lonxe, acumular tantos datos e achegas informativas?

–Non, nunca pensei que ía chegar a tanto, nin sequera a que se publicase. Pero ao meu arredor había xente que me animaba.

–Volvendo aos inicios. Daquela non había Internet. Como solucionaba as dúbidas sobre os datos que se presentaban?

–No proceso de elaboración, por suposto que xurdiron moitas dúbidas. Hai que ter en conta que, como ti dis, cando comecei o traballo non había a posibilidade de mirar a información en Internet, todo había que facelo a base de consultas en libros. Por iso había datos que aparecían dun xeito nun libro e doutro xeito noutra fonte. En ocasións optaba por incluír o dato que me parecía máis atinado, pero outras veces resultaba imposible. Nese senso, cando houbo Internet, xa conseguín resolver algunhas dúbidas e encher espazos baleiros.

–Que contidos podemos atopar?

–Pois pódoche dicir que está toda a Enciclopedia Galega, todos os números das revistas A Nosa Terra, Grial, Nós, O Tío Marcos e A Monteira, o Dicionario de Autores e Publicación Periódicas de Galaxia, o Dicionario de Escritores en Lingua Galega de Fernández del Riego, prensa galega en Cuba, nomeadamente Céltiga e Lar, a Historia da Literatura Galega Contemporánea de Carvalho Calero…Vén ser un anuario cultural.

–En que apartados está dividida?

–Partimos sempre da cultura galega cos nacementos e pasamentos de cada ano, tanto no eido das letras como noutros campos da cultura; pintura, arquitectura, escultura…Hai unha sección dedicada ás publicacións galegas, tanto as escritas na nosa lingua como as escritas noutros idiomas sempre e cando teñan relación con Galicia. Tamén hai un apartado no que se recollen os acontecementos máis salientábeis que tiveron lugar en cada ano no noso eido cultural; hai outra sección que é a de premios, na que aparecen os escritores agasallados ese ano nalgúns dos certames literarios que se celebraron; asemade incluímos un epistolario no que se recolle a correspondencia coa Galicia da diáspora cando nela se fai referencia á nosa cultura. Por exemplo, a correspondencia de Luís Seoane con Isaac Díaz Pardo e Fernández del Riego: a de Basilio Losada con Ramón Piñeiro,;a de Salvador Espriu con Neira Vilas…Tamén hai unha área dedicada a otras culturas con seccións sobre os países de lingua portuguesa, a Cataluña, a España, á cultura americana e á universal. O traballo péchase con noticias históricas referidas ás artes, ao cinema, etc...A cronoloxía da Xulipedia comeza en 1851, ano que naceu Curros Enríquez, e remata no 2004, no que morreron Manuel María e Luísa Vilalta. Por iniciativa de Luís Losada, tamén engadimos aos gañadores literarios que se fallaron en 2005.

"Sempre estiven aberto a todo aquel que puidese engadir cousas novas ou modificar datos erróneos"

decoration

–Chama moito a atención que lle presta á correspondencia coa Galicia da diáspora.

–Iso débollo nomeadamente a Basilio Losada, de quen lin a sua correspondencia con Ramón Piñeiro. Tamén teño unha débeda co traballo desenvolvido neste eido por Xosé Neira Vilas. E considerei necesario incluir una sección así, sobre todo para homenaxear a unha xente que, malia emigrar ou exilarse, continuóu traballando a prol da nosa cultura e a nosa lingua.

–Trátase dun proxecto xa pechado ou aínda segue aberto?

–Dende un principio eu concibín o proxecto como esencialmente colaborativo, e sempre estivo aberto a todo aquel que puidese engadir cousas ou modificar datos erróneos. De feito, hai entradas de todo o mundo: dende Rusia a Portugal.

–Como se pode colaborar coa Xulipedia?

–O acceso é o mesmo que para a Wikipedia e mais a Galipedia.

–Que requisitos debe ter unha determinada información que lle chegue para que sexa incorporada á Xulipedia?

–Unha vez que recibimos a colaboración, procedemos a comprobar cos nosos medios a veracidade do que nos chega. Eu sigo aportando cousas e datos e fago o que podo. Decátome de que é un traballo que, en realidade, non ten remate.

–A estas alturas, como se toma que ningunha institución galega se interesase até a data pola Xulipedia?

–Desgrazadamente, iso pasa moitas veces. E o peor de todo está en que, en non escasas ocasión, rexeitaron o traballo sen sequera parararse a botarlle unha ollada. Pero, ben: ainda que sexa tan só polas louvanzas que nos fixo algunha xente, entre eles o propio Xesús Alonso Montero, coido que pagou realmente a pena facer este traballo.

Compartir el artículo

stats