Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“A poesía en Galicia é unha realidade nacional”

Antón Lopo, en Santiago de Compostela. Xoán Álvarez

A editorial Chan da Pólvora naceu no ano 2016 dentro dun proxecto comunal –subliña o seu director e fundador, o escritor Antón Lopo– para devolvernos o potencial de acción da poesía. A editora puxo no centro dos discursos a periferia e apostou por un catálogo “inclusivo e interxeracional”.

–Que balance fai destes seis anos de produción editorial de Chan da Pólvora?

–Ás veces, teño a impresión de que pasaron máis de seis anos. Morreu Fran Cortegoso, tan ligado ao proxecto inicial, e cambiaron de rumbo algunhas das persoas coas que botamos a andar. Pero sobrevive unha editora que teima en construír o inesperable. En seis anos recuperamos nomes esquecidos, convertemos o libro no centro do discurso cultural, apostamos polos novos e consolidamos os que nos precedían, comprometímonos co idioma e co país a través de voces que ninguén escoitaba, creamos unha colección de poesía LGTBI, outra de poesía visual, un selo de acción oral ou un espazo espefísico de poesía na Horta das Chas. O noso catálogo é un expoñente claro da nosa dirección. Nel conflúen Louise Glück, Anne Carson, Méndez Ferrín, John Berguer e Andrew McMillan con Pilar Pallarés, Ana Romaní, Beatriz Chivite, Antón Reixa, Xabier Cordal, Miriam Reyes, Miren Agur Meabe, Sor Juana Inés de la Cruz, Emilio Araúxo, Manuel Darriba, Nieves Neira, Lupe Gómez, Jesús Castro, Nuria Vil, Paula Luís ou Constantino Bértolo. Estamos intentando observar o mundo con ollos de asombro. Ningunha outra expresión ten esa dimensión política da poesía.

–Malia que tamén publican outros xéneros, Chan da Pólvora aposta sobre todo pola poesía, un xénero non precisamente moi comercial no que semella complicado manterse. Cal é o segredo da pervivencia?

–Non existe segredo. O que hai é moito traballo, xenerosidade e unha comunidade, variada e concienciada, que sustenta o proxecto. Chan da Pólvora non é unha empresa persoal, bipersoal ou dun grupo de amigos. Intentamos crear discurso e iso sempre resulta incómodo. Pensamos á marxe dos algoritmos e dos lobbys porque a xente que facemos Chan da Pólvora, desde Manolo Martínez a Luísa Iglesias, pasando por Alexandre Fernández Peón, Anxos Sumai, Iris Cochón, Fran Domínguez e os máis de setenta subscritores, estamos afeitos a transitar áreas incómodas. Sobrevivimos ao fracaso.

Houbo algún momento, nomeadamente durante a pandemia, no que o proxecto Chan da Pólvora puido ser economicamente insostible?

–Os cambios que efectuou en nós a pandemia están aínda por escribir e o peor das súas consecuencias padecémolo hoxe. Os prezos andan desorbitados, as canles de comunicación social quedaron atrofiadas e contraémonos ideoloxicamente. A deriva dos electores europeos mete medo. No campo das editoriais, o papel escasea e no caso de Galicia, o uso do galego segue en caída. Non digamos xa os de lectura. Durante a pandemia, díxose que houbera un aumento significativo de lectores e vendas, pero o aumento cinguiuse á novela, os best seller, a literatura de evasión. A poesía e o ensaio non tiveron un fenómeno semellante. Aos ciadadáns aburríaos a xustiza e a razón. Vivimos nunha sociedade fascinada cos pesadelos.

Antes dixen que a poesía non é un xénero comercial precisamente, pero quizais sexa máis lido do que algúns pensan. Cónstalle que, en realidade, lese moita poesía en Galicia…e moita poesía en galego?

–Responder é complicado. En Galicia, a poesía é unha realidade nacional, como o porto de Vigo, a catedral de Santiago, o marisco ou a Ribeira Sacra. Publicamos máis poesía que noutras culturas da nosa contorna, como a Comunidade de Madrid, Euskadi, Portugal ou Marrocos. As tiraxes dunha editorial tan humilde coma a nosa son parecidas ás que se fan en Lisboa ou Barcelona. O mundo enteiro está pasmado co fenómeno galego, sobre todo coas nosas poetas, que son unha referencia indiscutible a nivel internacional. E todas elas usan o galego. Cando escribes un poema en Galicia, é difícil facelo noutra lingua. Estamos amparados pola tradición lírica máis infatigable de Occidente. Somos un pobo en perigo de extinción pero aínda soñamos.

Que están a aportar as mozas poetas galegas? Apréciase unha ruptura, unha evolución ou unha continuidade (sexa a nivel estético, temático, etc.) con respecto ás xeracións anteriores?

–Nos anos oitenta, con Pilar Pallarés, Ana Romaní, Xela Arias, Luísa Villata, Luísa Castro ou Eva Veiga, abriuse unha fronte de combate feminista que ata entón non houbera na literatura galega. O fenómeno non se dá só aquí nin elas camiñaban soas: recollían o relevo de Luz Pozo Garza, María Xosé Queizán, María Mariño ou Xohana Torres. A partir de aí, a enxurrada resulta imparable, e velaí está o recoñecemento internacional. Son mulleres pero, sobre todo, son poetas excepcionais.

Tamén, se falamos agora de homes, prodúcese un fenómeno similar? Quero dicir: tamén podemos falar dunha nova xeración de poetas masculinos? E se tal é, por que se fala tan pouco deles?

–Nas nosas lecturas somos capaces de descubrir a poesía necesaria, con independencia das xeracións, do xénero ou das formas literarias. Durante anos, os homes ocuparon os andeis das librarías e mais as páxinas dos medios. A cuestión cambiou e as mulleres, despois de tantos séculos de boca recosida, conseguiron articular unha voz que estoura. Esa enerxía tamén impregna os homes que, por vez primeira, comezan a chamarse por nomes que nunca antes utilizaran.

Que características debe ter un libro, que non sexa un poemario, para que poida ser editado por Chan da Pólvora?

–Chan da Pólvora publica poesía en sentido amplo, máis alá das etiquetas literarias. Se as coleccións o permiten, bordeamos as zonas lacustres, como en Ferrovías, de John Berger e Anne Michaels, ou en Antropoloxía da auga de Anne Carson. Tamén publicamos textos que contribúen a comprender unha biografía poética. É o caso de Querido Eduardo, onde reunimos as cartas que lle escribiu Ramón Suárez Picallo a Blanco Amor. En paralelo, mantemos selos máis xeralistas como a “Biblioteca de Mesopotamia”, especializada na literatura da Ribeira Sacra, ou a colección “Illa de Ons”, que recolle traballos vinculados ao ámbito xeográfico onde naceu Chan da Pólvora. Tamén mantemos unha colección aberta, chamada “Onsa”, de coedicións con persoas vinculadas, dalgún xeito, á editora

–Cales son os seus proxectos a curto e medio prazo (sexa de edición de obras ou incorporación de novas coleccions, etc.)?

–Somos unha editorial de intervención. Non ansiamos a pervivencia pero temos vocación de acción. Aspiramos a estar onde ninguén imaxina que hai un libro.

Compartir el artículo

stats