Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Xénese apócrifa

Áxil e circular

Detalle da portada do libro de poemas.

A poeta Andrea Fernández Maneiro foi recoñecida no 16º Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas por "Edénicas", un conxunto de poemas que xoga co imaxinario bíblico para presentar un escenario poético de celebración erótica. En analoxía co primeiro versículo da Xénese (“No principio creou Deus os ceos e a terra”), o libro de Maneiro ábrese cun texto que desvela, dende xa, a vontade de dialogar co primeiro libro do Pentateuco: “No principio non había nada / agás nós, / descoñecidos separando as tebras / para apalparnos, / xogando a ser luz / a árbore da vida / cando aínda as árbores eran algas. // Fomos o Universo recoñecéndose infinito. / Un púlsar fai música no cosmos. / Xénese apócrifo / capítulo espurio, / versículo senlleiro”. Os amantes adquiren aquí o protagonismo absoluto, pois son os únicos vivos entre as tebras e chegan a adquirir unha relevancia creadora ao erixirse en luz. Non existe forza superior á potencia concreta (nós) e cósmica (Universo) que dende xa se anuncia, pois esta é unha unión “senlleira”.

Os poemas, breves, sucédense con ritmo áxil, como querendo levarnos á música dos corpos. No final de cada texto, un verso representado en cursiva aparece a xeito de frecha, de resumo saxital: “Unha ave de rapina planéanos nos ollos”. Non sendo esta a primeira vez na literatura, como tampouco o sería noutras artes, vánsenos ofrecendo multitude de imaxes asociadas á creación con vontade erotizante: volven as alusións á separación das augas e tamén do ceo e a terra. Mentres, as referencias declarativamente sexuais non por tópicas deixan de estar aquí poetizadas con agudeza: “Denudemos as nosas linguas / para que nos falen no idioma da derme / e as súas papilas nos identifiquen”.

Cómpre, por último, salientar que o libro pecha cun paradoxo. É circular, pois devólvenos ao edén do inicio, mais anuncia un enigma: “O mellor do Edén / sempre foi a serpe. // Xénese apócrifo, capítulo 3, versículo 25”. Consulten a Xénese 3:25 e atoparán a resposta. Ou non.

EDÉNICAS (2022): Andrea Fdez.Maneiro,Malpica, Caldeirón, PVP. 13,78€

Compartir el artículo

stats