Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Intensa e emocial

Un texto distinto

Intensa e emocial

Unha obra literaria non se crea por que si. Non é algo aséptico que se poida presentar sen máis substancia que a propia forma e contido empaquetados para o consumidor. Ademais do que se conta e se evoca, parte interesante en calquera creación é a súa intrahistoria. Dependendo do caso será máis ou menos chamativa, por veces non demasiado transcendente, mais no caso que nos ocupa a parte oculta do iceberg fai moito máis saborosa a lectura.

Charlotte Delbo estivo en Auschwitz. Foi unha das numerosas resistentes francesas que pasaron por ese inferno. Ela sobreviviu e contouno. Dito isto, non creamos que estamos perante unha simple crónica ou ensaio biográfico/testemuñal dunha experiencia tan traumática. Nesta obra hai algo especial. De entrada, escribir un texto coma este e telo gardado durante vinte anos ata dálo a coñecer fai pensar moito sobre o que expón e o que levou a agochar o texto durante tanto tempo. Prudencia, medo, imposibilidade de facelo saber inmediatamente… Axuda a poñerte na pel. Unha vez que isto nos fai recrear a situación, pensamos sobre a proposta literaria de Delbo. Non é ensaio de seu. Non é unha biografía ao uso. Ten todo iso e máis. Ten unha predisposición narratolóxica, ensaística, vivencial e poética que descobre un texto distinto, sorprendente.

Calquera autor que fose consciente do que escribiu e que se atopara cun texto da calidade, emotividade e distinción do presente, estaría como tolo por publícalo xa. O misterio desta obra radica no feito de ser unha obra fantástica, intensa emocional e literariamente e que, como sabemos, estivo paralizada pola súa propia autora.

Texto de carácter testemuñal no que se contan as barbaridades máis atroces que nos poidamos imaxinar, tamén ten os momentos para a lírica. Hai, polo tanto, unha dualidade entre ese distanciamento do texto referencial e o intimismo da lírica escrita pola protagonista. Danse situacións nas que se nos contan os feitos con descarnada obxectividade e tamén hai momentos para a evocación máis íntima, sensible e intelixente.Para os interesados é unha entrega fundamental. Como o puidera ser a obra de Anna Frank no testemuñal, mais cun facer literario que engade máis valor .

DELBO, Charlotte, Ningún de nós ha volver, Rinoceronte, Cangas, 2022, PVP.15,20€

Compartir el artículo

stats