Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arredor de Soy la Malinche

Alicia Jaraba, nominada no Festival de Angoulême

A viguesa Alicia Jaraba Abellán. Arquivo

Soy la Malinche (Nuevo Nueve, 2022), de Alicia Jaraba Abellán (Vigo, 1988) é unha das novelas gráficas seleccionadas, na súa versión francesa Celle qui parle (Grand Angle, 2022), polo gremio de libreiros de Francia como finalista ao premio que outorgan no Festival de Angoulême. O evento celebrará o seu 50 aniversario a finais de xaneiro do ano que vén, cando descubriremos se Soy la Malinche conseguirá facerse co galardón.

Como é coñecido, a Malinche (Malinalli ou Malitzin) é o nome dunha muller mexicana, escrava e colaboradora, amante de Hernán Cortés; un personaxe histórico interesante e polémico que veu ao mundo no ano 1500, filla de familia nobre e de pai gobernante da cidade de Painala. Ao morrer o seu proxenitor, a nai volve casar e ten un segundo fillo varón ao que fan herdeiro de todo. Malinalli convértese nun estorbo, polo que a entregan a uns mercadores que a venden ao señor de Potonchán quen, en 1519, lla entrega como agasallo a Hernán Cortés, que no mes de marzo comezou a súa conquista de México, xunto a outras dezanove mulleres. O conquistador ordeou bautizalas, non tanto por unha cuestión relixiosa senón porque, por unha lei castelá, só se podían manter relacións de concubinato con mulleres solteiras e cristiás. E así Malinalli pasou a ser dona Mariña.

Unha viñeta de "Soy la Malinche". Arquivo

Durante a campaña, descubriuse que Malinalli, Malinche (“a que fala”), non só se expresaba en maia senón tamén no seu idioma materno, náhuatl, e aos seus 19 anos foise converter na fiel intérprete e conselleira (polo seu coñecemento dos costumes e das estratexias dos nativos) de Cortés e tamén, como xa anotamos, na súa amante. Xunto con el tivo un fillo, Martín. Cando a muller de Cortés chegou a México, este deu á Malinche “a liberdade” que lle prometera e desposouna cun fidalgo conquistador e alcohólico chamado Juan Jaramillo, regalándolle as terras de Huilotlán e Tetiquipac que, por herdanza aínda que fora desposuída delas pola súa nai e padrasto, lle correspondían. En fin, a súa axuda foi decisiva para o avance da conquista, polo que en moitas ocasións foi considerada historicamente unha traidora á xente nativa. Segundo o dicionario da RAE, actualmente “malinche” é sinónimo nalgúns países de América de “persoa que comete traizón”. Pero hai que ter en conta o feito de que Malinalli era unha nena cando a venderon e apenas tiña 19 anos cando a regalaron aos españois. Aínda que intelixente e sobrevivente, nunca deixou de ser unha escrava vinculada ao mundo masculino e buscaba, a través da comunicación, evitar finais peores para ela e para os seus.

Viñeta de "Soy la Malinche". Arquivo

Pero Soy la Malinche non é, con todo, unha novela histórica. É unha reinterpretación marabillosa que pon o foco na transición de Malinalli a Malinche e no poder e a beleza da comunicación a través do respecto pola linguaxe e a cultura das partes en conflito, mediante de máis de duascentas páxinas a todo cor. Trátase, polo demais, da primeira novela da autora, Alicia Jaraba Abellán. Esta, aínda que filóloga hispana e francesa (a filia gala tamén aquí reflectida) de formación, sempre tivo un grande amor polos cómics, en parte porque desde moi pequena viviu rodeada deles, xa que comparte esta paixón co seu pai, o tamén célebre ilustrador Fran Jaraba (Pontevedra, 1957). Ata os vinte e cinco anos foi autodidacta, cando decidiu mudarse a Madrid para realizar un curso profesional de cómic. Empezou no mundo da ilustración baixo o pseudónimo “Esa Tía Bizarra”, con varios proxectos persoais. Traballou como ilustradora na serie francesa Les détectives du surnaturel (Jungle, 2018) e con esta primeira obra de autoría completa na que converxen dúas das súas grandes afeccións: a banda deseñada e mais os idiomas, converteuse nunha das autoras á que facer seguimento, continuando cunha carreira que de certo estará chea de alegrías tanto para ela como para as súas lectoras e lectores.

Nace Edicións Baixo Terra

O pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas, presentouse Edicións Baixo Terra, unha nova editorial independiente de cómic, a través de un pequeno comunicado / inserido en Twitter: “Aproveitando que hoxe é o día das nosas letras, querémosvos presentar Edicións Baixo Terra, un pequeno proxecto de autoedición no que unificar diversos traballos de banda deseñada e ilustración do pais. Nun plano teórico e cuase filosófico, é a nosa pedriña nesa masa amorfa e enteléquica que se lle deu en chamar Banda Deseñada Galega, e pola que centos de persoas levan décadas loitando con afouteza. Nun plano máis terrenal, é unha excusa para nos poñer datas de entrega. Un xeito de seguir traballando e loitar contra a “xa mañá, se cadra”. Un golpe no peito co que dicir “tira, ho, tira!”.”

Abren o seu catálogo con varias publicacións colectivas: un fanzine que homenaxea o futbolín chamado Talla brava, e que inclúe obras artísticas de diversa índole, alén da banda deseñada e con CROIO!, una recompilación semestral de historias curtas de diferentes autoras e autores. O primeiro número, o 0, contará con seis historias. Para quen estea interesada ou interesado en colaborar, acudide ás súas contas de Twitter o Facebook.

Compartir el artículo

stats