Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Reviravoltas, refachos e retrincos do Eu

Bailar agora/HO/me

Marta Alonso Tejada, nun momento do espectáculo 'Bailar agora' (2020). FOTOS: ÁNGEL SOUSA E MIRA ERCOLI

En 2021, Erregueté, antes Revista Galega de Teatro, presentaba a súa colección de literatura dramática, unha maneira de complementar o importante labor de difusión que vén desenvolvendo na achega de textos de todo tipo para a lectura e a creación escénica, máis especialmente das novas fornadas de autoras e autores das nosas letras. Para iniciar a serie, coordinada por Roi Vidal Ponte, xúntanse nun mesmo volume dúas pezas ben diferentes en ideación e realización, mesmo nas escollas estéticas, aínda que comparten trazos que definen tendencias da creación dramática actual: aposta por unha visión aberta da diversidade, concepción da creación como un xogo, e uso do texto como espazo de confesión, expiación, terapia, partilla, ou afirmación que por veces pode derivar en exhibición. En todo iso pode latexar tamén un desexo de redención.

Szondi sinalou que, sequera no eido da literatura dramática, unha parte do programa expresionista tiña que ver coa dramaturxia do Eu, un Ego ferido, afogado na soidade, doente e impotente nun mundo alienado, sempre na procura de refuxio e consolo, e moi marcado por un subxectivismo que pode ser radical. Máis recentemente esa posición central do Eu do artista volve con forza pero situando o tal Eu no centro, renunciando a construír ficcións ou transferir situacións propias a outras persoas desde as que evitar a exposición directa. Agora Ego vai ocupar o centro, para mostrarse sen complexos, nunha sorte de documentación ou grafía factual, persoal, directa e sen careta. Por aí podemos chegar ao “auto-drama”, que refire unha liña de traballo na que o personaxe desaparece deixando o seu lugar a unha sorte de heterónimo escénico co que Ego se presenta. Aínda que tamén pode ser unha maneira de dicir auto-ficción, ben que esa ficción poida ser abondo transparente, mesmo cando o Eu quere habitar alteridades diversas, recuperando así vellas máscaras para xogar con elas. Nun e noutro caso, o que adoita abrollar con forza é a acción, mesmo cando esa acción non ten máis finalidade que liberar a palabra, para que flúa sen paraxe, para falar e falar. Por aí tamén hai similitudes entre as dúas pezas que presentamos.

Outro momento do espectáculo.

A primeira delas, Bailar agora, foi ideada por Marta Alonso Tejada para compoñer un espectáculo homónimo, que presenta coa súa compañía de danza, trasPediante, en 2020, en coprodución co Centro Coreográfico Galego. Un traballo polo que recibiría en 2021 os Premios María Casares en interpretación e dirección. O que lemos é moito máis que o guión dun espectáculo; estamos ante un texto pleno na súa gramática, artellado en nove escenas nas que se mesturan didascalias, monólogos e diálogos. A destacar a maneira en que se presentan as escenas de baile, danza ou movemento, pois a falta de concreción reclama botar man da imaxinación, e así acontece cando lemos: “acompañada pola música calma dun piano, a BAILARINA baila”. É probable que desvelar as partituras concretas, rompa a maxia, e tamén é probable que non falte quen queira trasladalas ao propio corpo, máis aínda no caso de xentes que bailan e queiran xogar cun material tan provocador.

O texto contén un reconto no que unha Bailarina que acolle as vivencias e experiencias da propia Marta Alonso Tejada, presenta a súa historia de vida, como muller e mesmo como nai, pero sobre todo como tal bailarina, como persoa que decide selo e loita arreo por conseguilo, coa complicidade da súa nai. E para compoñer o relato vital escolle momentos especialmente relevantes, engadindo referencias culturais que seguramente comparte cun número elevado de persoas, como as actuacións de Ángel Garó na televisión ou algún vídeo de Marta Sánchez co grupo Olé Olé. A destacar a escena 5 na que dá conta dos procesos de traballo en danza contemporánea, e por riba de todo, o “momento tómbola”, contido na escena 3, onde demostra con precisión o difícil que resulta chegar a ser aquilo que ela se propuxo ser. Finalmente o texto transparenta e zumega un cariño enorme e unha paixón sen medida por unha profesión especialmente esixente. Parabéns.

HO/me

Conta Vidal Ponte na presentación do volume, que o Home co que Iván Caloto, heterónimo de Iván Fernández, titula o seu texto, nada ten que ver co substantivo que en inglés designa o que para nós é fogar. Pode ser, mais o que se nos presenta contén unha visión ben aceda da “casa do pai”, retallos de vida de catro homes que mostran o seu xeito de facer fogar na casa, coas súas tradicións e relatos dominantes. Un fogar no que os homes desempeñan roles sancionados ou marxinais, nun espazo-tempo que os reforza, do que foxen, ou no que se refuxian, segundo os casos.

A relación do home co fogar (dentro e fóra), e o modo en que se (auto)constrúe, daría para unha boa peneirada e con peneira grande. Mesmo a tipografía coa que se mostra o título (HO/me) na capa principal, e os xogos que incitan as dúas sílabas cos seus significados, pode provocar algunhas digresións sobre o fogar, as normas, o vivir, as teimas e os mitos dos homes. Tamén se podería falar das casas das nais, pero esa é outra historia. Aquí, Iván Caloto mostra formas diferentes de vivir en masculino, de ser home. Un texto cunha mirada inter-xeracional que arrefría e arrepía. Moi edificante.

Compartir el artículo

stats