Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memorias do pobo

Museo Rural de Taião, Valença

Museo Rural de Taião, sección "O campo" Foto de arquivo

Testemuño presente do pasado, o museo rural de Taião está situado nunha antiga residencia de curas e mestres de aldea. A súa historia como espazo museístico comeza en 1996 cunha colección de traxes, de apeiros agrícolas e da historia do wolframio que tanta importancia tivo no lugar. Rehabilitado interior e exteriormente, acaba de abrir novamente ao público para mostrar a identidade desta aldea serrana.

Ao longo dos últimos meses, os técnicos da Câmara de Valença procederon ao inventario, catalogación e preservación dunha ampla colección que engloba máis de cincocentas pezas, doadas na súa maior parte polos habitantes da aldea ao longo do tempo. Os traxes taioneses, a casa, os campos de Taião e as explotacións mineiras son as principais seccións deste renovado espazo museolóxico.

Exterior do Museo Rural de Taião Foto de arquivo

O apartado dedicado ao vestido tradicional conserva a emblemática indumentaria, os adornos e mais o legado que acompañou ao extinto Rancho Folclórico de Taião, unha verdadeira icona do museo e da parroquia pola orixinalidade dos seus traxes, elaborados en liño e la de forma manual nos teares, dos que tamén se pode coñecer o proceso, desde o cultivo do cereal ata o tecido. Da súa parte, na sección “a Casa Taionesa” recréase a vida, vivencias e hábitos dunha residencia típica de Taião, cos utensilios de uso doméstico como o pote e especialmente a importancia que tivo a cociña como zona fundamental do fogar campesiño. Xa no “espazo Campo “ recréase a memoria visual, física e etnográfica das prácticas agrícolas e do pastoreo tan singulares desta aldea serrana. Noutra dependencia pódese coñecer a significación do wolframio na parroquia, que tivo minas de explotación na cima da serra.

Sección "O traxe". Foto de arquivo

A recente reapertura deste museo é un aliciente máis para coñecer esta localidade situada a dez quilómetros de Valença e que alza nun fermoso marco natural no que non falta un importante patrimonio. Din os máis vellos do lugar que aquí sempre hai sol porque así o marcan dous antigos reloxos, un en Taião de Cima e outro en Taião de Baixo. Contan que son os máis notables reloxos de sol de Valença, e que a aldea seguía o ritmo dos labores cotiáns a través das horas do corno que saían dun corno de carneiro que se facía tocar para tal fin. Ademais paga a pena visitar a igrexa parroquial, a capela do Senhor do Socorro e as pinturas rupestres dos montes dos Fortes. A zona é abundante en muíños de auga, e en Virialho e no alto dos Pedrosos aínda poden verse as que foron minas de wolframio.

Seguindo un antigo camiño serrano –acondicionado e sinalizado– chégase ata o Castelo da Furna, un espazo de singular beleza que conxuga natureza e historia. En tempos albergou un castelo medieval levantado sobre o promontorio, nunha zona onde abundan as formas caprichosas das pedras, as grutas e os puntos de interese arqueolóxico, ademais de múltiples lendas asociadas ao lugar. Do castelo quedan só as marcas das vigas nas rochas e a memoria histórica do que foi a sede do xulgado de Froião, que abarcaba Paredes de Coura e a parte norte de Valença na época do medievo. No contorna, a auga e o vento foron escavando unha paisaxe singular de pedras ciclópeas con caprichosas formas nun dos maiores conxuntos graníticos do país. Os numerosos vestixios arqueolóxicos na zona mostran a evidencia de ocupación humana moi temperá, asentamentos que deron vida a estas alturas serranas nas que a morfoloxía das pedras sorprende a cada paso.

Para coñecer máis a fondo esta xeografía, o Trilho da Furna, un dos que compoñen a rede do municipio de Valença, parte desde Taião ata o castelo rochoso. Pola ladeira da Serra de São Lourenço o ascenso deixa ao descuberto a pegada do home en forma de sartegos na pedra, pontes e muíños.

Sección "O campo 2" Foto de arquivo

Historia no Camiño

Moi preto de Taião está outra parroquia con historia, a de Gandra, paso de dous importantes camiños de peregrinación a Santiago: un deles coincidente coa antiga vía romana que ía de Braga a Astorga (Via IV do XIX Itinerario Antonino) mentres que o outro atravesaba a parroquia de leste a oeste, por onde viñan os peregrinos de Arcos de Valdevez, que descendían o monte do Faro, pasaban por Gandra no lugar da Portela e ían cruzar o río no porto de Sagatanes, en Cristelo Covo.

Pero as pegadas do pasado reflíctense aínda noutras manifestacións como os gravados rupestres de Ouzao ou os castros de Picões. Tivo tamén, en época das guerras de Restauración, fortes de defensa en Tuido e Balagota que, aínda que tapados pola maleza, asoman cos seus torreóns e está en fase previa á súa restauración e posta en valor. Gandra deu ao mundo fillos ilustres como Alfredo Magalhães, eminente científico, médico e político (foi ministro da Educación e gobernador das tropas de Mozambique), ademais de colaborador en xornais e revistas, ou o mariscal António Vicente Queirós, oficial do exército que combateu contra as tropas francesas. Entre o patrimonio construído destaca a igrexa parroquial de São Salvador, as capelas de Santo Amaro, do Senhor do Bonfim, ou da Senhora dos Milagres, entre outras, ademais de alminhas e cruceiros.

Compartir el artículo

stats