Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

20 anos de FDC

Antes de FARO DA CULTURA

Unha longa traxectoria

Portada do número 1 de FARO DA CULTURA.

A historia da prensa está inzada de proxectos que duraron moi pouco tempo. Por iso que un suplemento como é FARO DA CULTURA celebre o seu vixésimo aniversario constitúe todo un fito. Cales foron as claves desta pervivencia? Revela que existe unha editorial que alicerza o proxecto, que se formou un núcleo de lectores que demandan eses contidos e que hai un equipo que é quen de satisfacelos.

Son contidos que engastan con deseños editoriais das orixes do xornal, que se ben naceu como “mercantil, agrícola e industrial”, durante varios anos tamén se subtitulou “literario”. É dicir, a información cultural está na súa raíz. De aí que Faro poida presentar unha nómina enorme de grandes escritores, artistas e intelectuais, entre o seu cadro de persoal e colaboradores desde as orixes deica á presente xeira. Pero, en termos máis precisos, o actual suplemento cultural ten precedentes, con varias etapas nas que dedicou unha atención específica á literatura e mais ás artes plásticas.

O Semanario de Faro: A primeira tivo inicio en 1875, cando se creou o “Semanario de Faro”, nun tempo no que o periódico aínda non era diario. Consistía en dúas planas dominicais dun exemplar de catro. Contou con colaboradores tan destacados como Luis Taboada e naqueles páxinas relatouse a primeia estancia de Jules Verne na cidade, en plenos festas do Cristo.

Exercía de coordinador Pascual Ruiz y Enríquez, o xornalista que desvela que Murguía e Rosalía de Castro residían na rúa Real, cando traballaba de gacetilleiro en El Miño, e subiu á súa vivenda para avisalos de que chegara un barco con tropas para a guerra de África. Ruiz y Enríquez foi quen escribiu no Semanario de Faro a primeira crítica do ensaio de Emilia Pardo Bazán sobre o P. Feijoo co que gañou o polémico concurso celebrado en Ourense ao que tamén concorreu Concepción Arenal.

Nos anos 50 e 60 colaboran, entre outros, Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro ou Torrente Ballester

decoration

A Páxina Literaria: A segunda etapa comeza un ano despois da aparición do diario Galicia, que renovou o FARO, coa publicación dunha nota, o 26 de outubro de 1923, na que anuncia a saída da sección “Arte e Literatura”. E na que lembra a anterior páxina literaria dominical. Di: “Viven aínda moitos dos lectores de “Los domiungos del Faro”, dobre páxina literaria que o periódico estivo publicando durante non poucos anos e na que fixeron as súas primeiras armas algúns escritores que logo foron prestixios nacionais”. Se ben que se suspendeu aquela sección, non se deixou de “publicar frecuentes traballos literarios”. Abonda con lembrar que foi o único xornal de Galicia que se ocupou do poemario de Rosalía, Cantares Gallegos, libro príncipe no idioma da terra.

A Praza da Constitución, en 1853. ARQUIVO

Non tería acontecido tal se na Redacción non estivese o poeta José María Posada Pereira, antento á vida literaria, que en 1863 sabía da escritora Rosalía de Castro, quen xa publicara artigos, dous breves poemas -un sobre a morte da súa proxenitora, “A mi madre”- e a novela La hija del mar.

Ese coñecemento é o que incita a Posada Pereira a ler con atención a nova obra. O resultado é o espléndido artigo co que saúda a aparición de Cantares Gallegos. Para que os seus lectores tivesen un coñecemento directo da obra rosaliana, reproduce o poema “Airiños, airiños aires”, polo que pode afirmarse que estas páxinas son as que primeiro difunden entre o gran público versos de Rosalía. Daquela os libros vendíanse por suscripción, e a poesía chegaba a moi pouca xente. Na súa correspondencia, Manuel Murguía, marido da poeta, quéixase con amargura de que a prensa galega -coa excepción de Faro-, ignore a obra da súa esposa.

Chama aínda máis a atención que fose en Faro, o rival de El Miño, propiedade do imprensor de Cantares, Juan Compañel, onde aparece a única referencia. Trátase da proba dee lume do seu interese pola creatividade literaria, xa que o Faro non ten en conta que a poeta estivera vinculada a outro periódico, senón que valora a excelencia.

Actualmente, algúns intérpretes e eséxetas arrementen contra Posada Pereira ao que lle atribúen a orixe da lenda antisocial de Rosalía, cando na súa opinión os seus versos son de denuncia. Mais o certo é que José María Posada, que foi quen lle puxo nome a FARO DE VIGO, xa que é un dos seus fundadores, e mais Rosalía mantiveron correspondencia e non consta que a poeta corrixise o ton de interpretación literaria e sentimental. Ao contrario.

Avanzando no tempo, outra boa proba da valoración do xornal polo literario é que José Ortega y Gasset, o máis brillante filósofo español do pasado século, escribiu o seu primeiro artigo en Faro, en 1902. O mozo Ortega, cuxa familia materna residía en Vigo, asistira ao ciclo de conferencias que pronunciou Ramiro de Maeztu na Escola de Artes e Industrias, organizadas por un tío seu. Daquela, o filósofo pasaba en Vigo unha tempada, e non elixiu para estrearse como autor de artigos o xornal que dirixía o seu pai, El Imparcial, senón outro moi caro para a súa familia, Faro, no que tamén escribiu con frecuencia o seu proxenitor, Ortega Munilla.

O escritor e exdirector de FARO Xosé Díaz Jácome (1910-1998). ARQUIVO

Os anos vinte: A experiencia literaria dos anos vinte introduce variacións. O periódico dispuxera en 1923 o fotogravado, que transforma a súa imaxe coa incorporación da fotografía e os debuxos. A nova páxina literaria foi unha sección de prestixio pola ensulla dos colaboradores cos que contou. Nela escribiron autores da talla de Blanco Amor, Cotarelo Valledor, Dieste, Leopoldo Lugones, Francisco Luis Bernárdez e moitos máis, e debuxaron Maside, Bonome, Álvaro Cebreiro, Cersa e outros varios.

Esta páxina comezou a coordenala Posada Curros, quem foi substituído axiña por Amado Villar (Villavril), destacado poeta hispano-arxentino.Un dos seus fitos foi a colaboración de Jorge Luis Borges, quen publicou artigos a fins de 1924, daquela aínda vinculado ao movemento vangardista do “ultraísmo”. Outro das asinaturas habituais foi o poeta Xavier Bóveda, integrante deste mesmo movemento literario.

En 1980 deu inicio a publicación dun suplemento en lingua galega

decoration

A etapa dos poetas: En Vigo hai “un tempo literario”, con predominio de poetas -que o rapsoda Manuel de la Fuente definiu con esta acertada metáfora:”cando a cidade (Vigo) se acollía á sombra de Martín Codax”- e que comeza coa coa chegada do poeta Francisco Leal Insua á dirección de Faro, no outono de 1949, co que o ton cultural do xornal se redobra, prolongándose ata os sesenta. Leal presumirá de dirixir o xornal máis poético de España logo da chegada de Xulio Sigüenza e mais a incorporación do mindoniense Xosé Díaz Jácome. Sigüenza publica o seu primeiro artigo sobre “Galicia y Juana de América”. Trátase de Juana de Ibarbourou (Fernández Morales de solteira), a gran poeta uruguaia, filla de pai galego. Sigüenza foi o seu descubridor en España.

Un dos méritos da dirección de Leal Insua é ter incorporado e consolidado na nómina de colaboradores a destacadas figuras das letras galegas. Uns xa coñecidos, como Cunqueiro e Castroviejo, que atinxirán maior relevo durante a súa etapa farista; outros aínda noveis.

A redacción de columnistas fortalécese por esta época na que o xornal, que sempre cultivou a vertente literaria, chega ao cume, xa que vive a idade dourada do columnismo. Poucos periódicos existían en España con tal calidade e cantidade de asinaturas de renome. Así, durante dúas décadas -cincuenta e sesenta- asinan habitualmente, entre outros: Otero Pedrayo, Vicente Risco, Ánxel Fole, Valentín Paz-Andrade, X. Filgueira Valverde, Cunqueiro, Castroviejo, Celso Emilio Ferreiro, Sigüenza, Fernández del Riego, González Alegre, X.Mª Álvarez Blázquez, Varela Jácome e, a partir do ano 1964, Torrente Ballester.

Arte e Literatura: O inicio da terceira etapa pode datarse no 30 de abril de 1961, domingo, con Xosé Díaz Jácome como director en funcións, no período no que Leal Insua se traslada a Madrid, antes de que chegue Manuel Cerezales. Entón, con Díaz Jácome á frente, comezan a publicarse páxinas especiais, para dinamizar o exemplar do domingo, o día de maior lectura da semana. O suplemento comeza a chamarse precisamente “Páxinas especiais”. Nos comezos é de contido indefinido. Unha desas planas denomínase: “o domingo ameno”.

Antiga sede do xornal situada na rúa Colón. JULIO ALONSO

No primeiro número aparecen artigos de Xulio Sigüenza, “Diálogos filosóficos”; a sección “Una ventana”, de Álvaro Cunqueiro, co artigo “Cuando Carolina baila”, dedicado ao libro do redactor Manuel de la Fuente sobre Carolina Otero, “la bella Otero”; “Mientras suenan campanas de palo”, de Ramón González Alegre; “Rumbo a América”, de José María Gironella y “El pinto”, de José Descalzo Faraldo. Trátase da antesala da sección específica de letras.

A diferenza desta páxina literaria coa anterior será a súa aportación ao coñecemento de escritores, ensaístas, poetas e intelectuais estranxeiros, ata daquela pouco coñecidos en España, a través das críticas das súas obras ou das semblanzas dos seus autores, debidos ás aportacións de Cunqueiro e Fernández del Riego, sen esquecer os escritores galegos, aos que dedican unha particular atención.

O 7 de maio de 1961, domingo, a páxina xa leva outra denominación: “Arte y Literatura”. Asinan Xulio Sigüenza; José Luis Bugallal, no centenario da morte de Isidro Araujo de Lira, o xornalista vigués que fundou o Diario de la Marina, da Habana. Recopilación de recensións sobre Las mocedades de Ulises, de Álvaro Cunqueiro; Manuel Blas Estévez, sobre Gabriela Mistral e Baltasar Veiga.

En galego

O 28 de maio o suplemento dá un paso máis, e aparece o primeiro escrito en galego. É un tímido intento que non terá continuidade. Tátase dun texto sen sinatura titulado “O bardo Pondal”. Estamos, sen dúbida, diante do primeiro artigo de Fernández del Riego nesta sección, quen para escribir en castelán adoptará o pseudónimo de Salvador Lorenzana. Neste número aparece taménunha sección que se consolidará co título de “Notas de Redacción”. Artéllana unha batería de noticias literarias de actualidade. Tamén escribe Ramón Otero Pedrayo sobre “Portugal cumple un voto mariano.”

O 9 de xullo “Arte y Literatura” inclúe o artigo de Salvador Lorenzana “La península incabada”. Crítica de Sigüenza do libro Ortega y el 98, de F. de la Mora. E infórmase da reedición do libro de Gerardo Diego Ángeles de Compostela, nova versión completa e definitiva, con prólogo en lingua galega de Ramón Otero Pedrayo. Dará lugar a unha dura e erudita polémica entre Cunqueiro e González Alegre, librada en FARO DE VIGO.

Chegouse mesmo a crear unha escola de artistas plásticos arredor de FARO

decoration

No exemplar do 23 de xullo, Salvador Lorenzana escribe: “Sobre la crítica literaria”. É unha reflexión sobre as condicións para facer crítica. Defende o autor que a quen a vaia exercer, haberá de esixírselle sentido común e responsabilidade.No sucesivo continuará aparecendo esta páxina, que baixo diversas denominacións e formatos, atinxe o ano 1979.

Suplemento Cultural: Con X.F. Armesto Faginas na dirección do Faro, en 1980 comeza a publicarse un suplemento de catro páxinas, escrito en galego, co nome de “Suplemento Cultural”. Está a cargo de Álvaro Cunqueiro.Á morte deste, en febreiro de 1981, e ata os derradeiros números do suplemento, do que se editaron sesenta e seis entregas, farase cargo da coordinación Francisco Fernández del Riego, quen sempre foi o que se ocupou de organizar, elixir contidos e pechar as páxinas literarias.

Era habitual o artigo de Alonso Montero “A eiras das palabras”, a sección “Táboa revolta das letras”, os traballos de Fernández del Riego, algunha poesía e asinaturas diversas. O suplemento desapareceu no outono do 82, durante a campaña electoral que levou a Felipe González á presidencia do Goberno.

Como é sabido, cos seus artigos na páxina de Letras –terceira etapa-– é cando ía cumprirse o centenario de Cantares Gallegos, Francisco Fernández del Riego foi quen promoveu a creación do Día das Letras Galegas. A proposta contense en dous traballos nos que xustifica a súa creación. O primeiro trata da obra rosaliana que dá orixe á efeméride e o segundo argumenta a data: celebrarase o 17 de maio porque é o día de anos de Manuel Murguía a quen Rosalía dedica o poemario. O primeiro titúlase “A primeira obra mestra das Letras Galegas” (24-II-63) e o outro, “O maxisterio de Murguía” (28-IV-63).

O exdirector de FARO Xosé Armesto Faginas (1945-2006). ARQUIVO

Os artistas do Faro: Durante un dilatado período apoñéuselle a Vigo unha falta de sensibilidade artística. Lembrábao o 13 de decembro de 1923 Laureano D.Cao-Cordido, nun artigo no que rexeita a falta de sentido artístico que se lle imputa á cidade. “A esta inxustificada acusación Vigo responde con feitos irrefutables. Onde está esa falta de sentido artístico que se nos apón? A especie de que Vigo é unha cidade pouco dada á cultura reaparece arreo, tal e como os defensores dun Vigo humanista, amante das artes, das letras e do bo gusto. As edificacións viguesas son hoxe o noso orgullo e a admiración de los estraños.” E é certo, si, que as artes plásticas demoraron en chegar de xeito permanente a Vigo, pero cando o fixeron, a cidade, como adoitaba, tomou carreira e non parou.

Descríbeo Lustres Rivas nun luminoso artigo do 17 de xaneiro de 1931, no que aborda as “Inquietudes da cidade de Vigo no seu aspecto artístico”, a propósito das abundantes exposicións plásticas que se celebraron nos últimos tempos: algo que contrasta co que acontencía décadas atrás, cando resultaban case inexistentes. Entón, resalta a Vigo “no seu aspecto de cidade preferida polos artistas para expoñeren as súas obras”. De feito, houbo un tempo no que FARO DE VIGO foi un cenáculo da arte e da cultura, nas súas páxinas e no seu salón e galería de exposicións. As vangardas campaban pola “Páxina literaria”, e pintores recoñecidos, como os Sobrino, a polaca Victoria Malinowska, Colmeiro, Omeldo Corral –“trae unhas cen paisaxes, todas elas inspiradas en recantos da terra galega”- e outros expoñían na galería mentres os mellores debuxantes entretiñan os lectores a diario co seu enxeño. Chegouse mesmo a crear unha escola de artistas plásticos arredor de Faro, un exemplo disto é a nota que se publica o 21 de xaneiro de 1926: “A xa notable sección de colaboradores de Faro de Vigo, na que destacan especialmente Federico Ribas, Carlos Sobrino e Manuel Castro Gil, e na que ocupan lugar ben acusado Álvaro Cebreiro e Ignacio Senra y Torres, vén de aquilatarse cun novo artista do pincel e o lapis: o mozo tudense Guillermo Taboada Infante”. E todo iso cando aínda non se incorporara Castelao, quen o fará meses máis tarde, completando un círculo artístico que non ten parangón en ningún xornal de provnicias, e aínda poucos que o emulen na prensa nacional. E iso porque a nómina de colaboraderes de Faro non se esgota cos mencionados. Xunto a eles, desde xuño de 1932, en que se converte en periódico gráfico, o número de artistas que compiten por faceren pensar e rir co seu humor os lectores é moi amplo,.E non só os galegos, senón artistas foráneos de gran prestixio como Luis Bagaría.

Francisco Fernández del Riego (1913-2010), na biblioteca Penzol. GUILLERMO CAMESELLE

Algúns deles estiveron pouco tempo, como Manuel Méndez, autor do primeiro chiste gráfico que publica o xornal en 1923, ou Maside, que permaneceu dous anos pero que deixou unha impresionante produción de viñetas e caricaturas. Outros cubriron unha xeira máis dilatada, mesmo ata a posguerra, como Vidales Tomé, García Sánchez ou Padín, que xa nos anos vinte conformaban a escola de humoristas do periódico: unha escola que, ata que o estoupido da Guerra Civil poña fin á etapa máis creativa da historia do diario –de Galicia e, se cadra, de España–, se irá nutrindo ano tras anos con novos valores. Porque un dos acertos do mítico director Eladio de Lema, co que comezou o xornal ilustrado en 1923, é ter dado espazo ao enxeño xuvenil, sen fiar o éxito nos consagrados. Así, ao nome de Guillermo Taboada, que tiña dezaseis anos cando o ficha o xornal, veñen acompañalo outros moi novos debuxantes. Entre eles, Manuel Torres, un absoluto principiante cando chega a Faro. Ou Enrique Pardo, que se atreve a retrucar a Castelao cunha sección titulada “Cousas da xente”. Trátase, pois, dunha escola que, no ronsel dos famosos –Maside, Ribas, Castelao– se foi modelando no labor de captar a atención co seu enxeño. Unha escola da que xurdiu un plantel que figura nas máis selectas enciclopedias da arte.

A guerra abriu unha lamentable paréntese na creatividade artística ata que, xa nos sesenta, chega a Faro un funcionario de Aduanas, de nome Fernando Quesada. Cos seus debuxos, o humor gráfico recobra o seu vigor e volver facerse cotián.

Nos últimos anos, novos valores cobren o baleiro que deixaron os grandes dos anos vinte e trinta. Veñen cun estilo diferente e novo formato: mudaron a viñeta pola tira cómica. Os dous máis destacados na actualidade son Davila e Gogue que co seu humor poñen un sorriso diario nas caras dos lectores. Eles, xunto cos grandes fotógrafos que iluminan o xornal desde a seguda década do século XX –Gil, Pacheco, Sarabia, Ksado, os Llanos, Magar, Cameselle e mais os actuais– deixaron unha manda que obriga aos seus continuadores a esmerarse na calidade toda vez que así o demanda os lectores. Quen os precedeu, arrequecéulles o gusto.

A arte e mais a literatura forman parte da esencia da prensa española. Por iso é comprensible que o suplemento FARO DA CULTURA cumpra agora vinte anos, seguindo a liña trazada polos que o precederon. Parabéns.

Compartir el artículo

stats