Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O son das vilas

Cancioneiros populares de noso

"A rianxeira" (Rianxo, Buciños).

“Ondiñas veñen, ondiñas veñen, ondiñas veñen e van...” É inevitable. Hai versos que non poden ser lidos sen debuxar na nosa mente a súa melodía. Tal vez así podería escribirse a historia de Galicia: a través dos seus cancioneiros e lembranzas; porque, se ben “A Rianxeira” enche de xúbilo as foliadas, foi composta en terras arxentinas, en 1947, como homenaxe a Castelao, quen retornaba a Buenos Aires desde Francia onde por breve tempo exercera como ministro do Goberno da República no exilio.

Esta e outras historias escóndense nas estrofas que algún día todos cantamos, e que agora forman parte do Cancioneiro escolar urxente de Rianxo, que no pasado mes de marzo publicou o seu segundo volume na rede. Esta proposta do Servizo de Normalización Lingüística da vila ten por vocación relacionar a música tradicional galega con feitos históricos e facilitar o seu acceso ao alumnado, subliñando o imprescindíbel papel da escola na difusión do patrimonio sonoro. “A Rianxeira”, chamada en orixe “Ondiñas da nosa ría”, foi composta por Anxo Romero e Xesús Frieiro Dourado, apodado Pinciñas, aínda que a versión máis famosa é a que fixo en 1952 o coro Rosalía de Castro, coñecido hoxe en día como Cantigas e Agarimos. Anos antes, Castelao xa levara un pequeno espazo de Galicia aos teatros arxentinos, coa estreo en 1941 da súa obra Os vellos non deben de namorarse, escrita en Nova York para “matar as horas de morriña” e como “regalía pra o pobo galego” . Nos escenarios amosouse a “Cantiga dos boticarios”, que hoxe coñecemos como “Lela”, unha das cancións máis icónicas da cultura galega.

Xosé Travieso Quelle.

“Ondiñas veñen, ondiñas veñen...” canta agora unha multitude cando gaña o Celta; un coro de voces que festexa, como festexaba hai tanto a chegada de Castelao. Mais no devir sonoro do noso patrimonio cultural, cóntanse as vilas, escríbense as tradicións e mesmo agarda entre versos o candor atemporal dun cántico. “Catro vellos mariñeiros / todos metidos nun bote / Mariñeiros, imos para Viveiro / xa se ve San Roque...” Trátase dunha canción galega moi popular na segunda metade do século XX, que compuxo en 1940 o escritor e músico afeccionado Xosé Travieso Quelle, reunindo os fragmentos que el e máis os seus amigos inventaban na taberna O Sete Velo. Ao compás dunha guitarra, na emblemática rúa do Franco en Santiago, homenaxearon o duro labor dos mariñeiros, así como a Viveiro, terra natal do compositor.

Pola súa banda, Vigo é un lugar moi apreciado para os cantares que lle dedicaron ás súas paisaxes tantos versos como puideron. É o caso de “Vexo Vigo, vexo Cangas / tamén vexo Redondela / vexo a ponte de Sampaio / Camiño de Pontevedra.” Así é todo, as rivalidades entre os diferentes lugares deixaron tamén a súa pegada nos cancioneiros, como amosa a peza tradicional que lembra coa súa letra a festa do San Benitiño no antigo mosteiro beneditino de Lérez, en Pontevedra, e que di: “Se vas o San Benitiño / non vaias ao de Paredes / que hai outro máis milagreiro / San Benitiño de Lérez.”

Recollida no Cancioneiro escolar urxente, temos tamén a cantiga do Paxaro Pinto que, segundo recolle o texto, “é unha expresión coa que se describe un soñador, unha persoa que non pensa no mañá” e tamén o termo que deu nome a unha taberna na que, “tal vez, nacera este cantar”. En 1957, Máximo Star escribiu no diario "La Noche": “Los rianxeiros recuerdan aún, con un profundo suspiro, el año que ellos llamaban del Pájaro Pinto porque era entonces la canción de moda. Hubo tal abundancia de sardina que era posible atraparla con cestas...”. Malia esta situación, a canción fala do esgotamento de cartos e di: “Ai Rianxo, Rianxo, Paxaro Pinto, a ganancia do peixe, xa se vai indo, xa se vai indo, xa se marchou.”

Monumento a Avelino Cachafeiro e mais os gaiteiros (Soutelo de Montes).

Neste folclore popular, houbo grandes músicos galegos, como é o caso do Gaiteiro de Soutelo, Avelino Cachafeiro, que aos seus vinte cinco anos foi proclamado o mellor gaiteiro de Galicia e xunto co seu grupo, os Gaiteiros de Soutelo, popularizou “A muiñeira de Chantada.” Os cancioneiros populares recollen o son das vilas, os lugares nos que se formaron ou polos que pasaron, cunha herdanza que hoxe se mestura incluso coa música urbana, creando novas correntes, novos cancioneiros e, porén, novas voces da cultura galega.

Monumento aos trobadores (San Simón).

Á beira das cantigas

“Vigo foi fundada á beira dun verso de Martín Codax”, escribiu Álvaro Cunqueiro no tempo en que foi director de FARO DE VIGO, unha das definicións máis fermosas que poden facerse. Martín Codax, poeta do século XIII-XIV, referiuse á cidade nas súas cantigas de amigo, sendo unha das máis coñecidas “Ondas do mar de Vigo...”. As vistas da cidade, o mar e o aire, o lugar de seu... é unha temática central nas súas estrofas, que denotan a súa vicindade co entorno vigués.

E é que a cidade estivo desde sempre moi ligada á literatura e aos cantares populares. Así, o monumento do Paseo de Alfonso dedicado aos cantores, poetas e trobadores da ría de Vigo, fainos rememorar tamén a grandes personalidades como Mendinho, quen lle dedicou unha cantiga á illa de San Simón. Considerada unha das pezas máis importantes da lírica galego-portuguesa, comeza co verso: “Seriam’eu na ermida de San Simón” (estaba eu na ermida de San Simón). No seu cantar, Mendinho fai falar a namorada que está a agardar a chegada do seu amor na ermida da illa. Porén, o seu amigo non acode mentres ela agarda e agarda, coa angustia nos beizos, nun fío case atemporal da súa voz.

Compartir el artículo

stats