Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Un século de Reader´s Digest

Guerra fría e American way of life

Publicidade de Cola-Cao na revista

Contan as crónicas que durante a convalecencia das feridas que sufrira na batalla de Verdún, De Witt Wallace pensou na posibilidade dunha revista que recollese artigos seleccionados doutras publicacións. Regresado aos Estados Unidos e despois de propoñer o proxecto a diversos editores, só Rudolph Hearst considerou que podía ser viable. Iniciada a publicación en 1922 con dez números anuais e un número reducido pero suficiente de subscritores, sete anos despois acadaba os 300.000. Crebada en 2012, reapareceu en 2013 pero xa sen influencia. Trátase, pois, dunha traxectoria que levou á primeira edición en español en 1940 (Selecciones del Reader’s Digest), que o ano seguinte viu a versión portuguesa (Brasil), ata acadar trinta e tres millóns de exemplares en dezanove idiomas e trinta e unha versións nacionais, sendo as últimas en incorporarse, entre 1991 e 2007, as dos países europeos que tiveran réximes comunistas. Parte importante do éxito é que os editores souberon adaptar os contidos ás características locais dos lectores aos que a revista ía destinada. Sempre cos elementos de garantía de modelo familiar, ciencia, mundo espectáculo, relixión e política. E acadar un fondo cultural sen esforzo por parte desas clases medias emerxentes.

Portada (1964)

Os seus contidos -sempre “condensados” e adaptados verbo dos textos orixinais- tiñan unha temática variada pero dentro duns parámetros fixos: artigos, crónicas de aventuras e catástrofes naturais, anécdotas, humor, citas, escritos breves e, a maneira de colofón, un artigo final longo sobre unha parte dalgún libro. Unha “condensación” que eliminaba calquera marca propia do autor (sempre remunerado) a prol dun estilo neutro. E sempre cunha liña editorial puritana, conservadora e anticomunista. Deste xeito, Reader’s Digest exerceu un importante papel propagandístico nos anos da Guerra Fría, tanto na Europa occidental como en América Latina. A súa proposta era a promoción do American way life como a única vía de modernidade posible: un pensamento hexemónico baseado nos principios da promoción dos valores das clases medias e norteamericanos, encarnados no espírito de superación do self made man, nos negocios ou fronte ás adversidades da vida.

A súa proposta radicaba na promoción do modo de vida americano

A condición puritana dos editores levaba a aparentes contradicións. Así, mentres unha das principais industrias exportadoras americanas era a tabaqueira, xa en 1952 Reader’s Digest, coa sección “Cancro nunha caixiña”, denunciou os vínculos entre o seu consumo e a doenza. Ou cando a súa teima anticomunista denunciaba as atrocidades dos khemeres vermellos de Pol Pot, estas non resultaban cribles pola manipulación que a revista fixera da guerra do Vietnam.

Fidel Castro en Washington (1959)

Dentro do seu proxecto de mediación social entre un grupo de poder e os cidadáns, a publicidade na revista xogou un papel imprescindible coma vía de persuasión. Así, coa chegada dos anos sesenta, o novo papel da muller tamén tivo reflexo nas páxinas de Reader’s Digest. Un modelo de muller liberada e atractiva pero sempre no seu papel de esposa e nai. Un paso que se notou na substitución de debuxos por fotografías, sempre a prol do modelo das clases medias.

Unha publicidade que anunciaba os novos electrodomésticos (radio, televisión, informática) e asemade dos sistemas que propagaban. Mais tamén había unha publicidade de carácter universal, que promocionaba determinadas marcas de orixe norteamericana, ás que as clases medias latinoamericanas podían acceder pero que resultaban insólitas naquela España franquista malia o primeiro desarrollismo. Sen ir máis lonxe, uns tampóns de hixiene feminina que, chegados a mediados dos 50, resultaban de difícil adquisición pola mentalidade da época.

A revista foi tentada desde a Administración americana para ser financiada e así asegurar a súa difusión e mais os seus contidos. Non obstante, os editores non o aceptaron, fundamentalmente porque o seu pensamento era aínda máis conservador que o dos gobernos de Washington. O seu éxito comercial aseguráballes a independencia, se ben xa nos anos da Guerra Fría a CIA non foi allea na supervisión final dos contidos en cada país.

Contra os barbudos

Os Estados Unidos de América (doutrina Monroe, “América para os americanos”), consideraron que canto quedaba ao sur do Río Bravo (ou Grande) e das costas de Florida era competencia tamén de seu. A intervención en Cuba (1898) e en Nicaragua (1912–1933) tivo continuidade en Guatemala en 1954 para frear as reformas de Jacobo Arbenz, que puñan en risco os beneficios da empresa United Fruits. Así Reader’s Digest denunciou a suposta aliñación de Arbenz co comunismo. Unha posición que colleu aínda máis forza co triunfo da revolución en Cuba en 1959 e o posterior achegamento que tivo á URSS unha vez fracasada a intervención da CIA en Playa Girón. A administración Kennedy comezou unha política de intervención en Latinoamérica que combinaba a instrución de unidades militares contra a insurxencia (caso de Bolivia e o “Che” Guevara) coas políticas inocuas e de axudas da Alianza para el Progreso, continuadoras da idea do “boa veciñanza” encetada por Roosevelt en 1933.

Canda esas manobras para dominar o continente estivo sempre Reader’s Digest con artigos contra a suposta penetración soviética na área a partir do trampolín cubano. Con todo, era un discurso aparentemente neutral pero que anos máis tarde inspirou a retórica dos militares golpistas, especialmente en Chile

Compartir el artículo

stats