Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

“Inventio é un espectáculo de diálogo entre danza, música, circo e maxia”

Martín Varela - mago

O mago ferrolán Martín Varela. | FOTO: VANESSA RÁBADE

Martín Varela (Ferrol, 1996), un dos magos galegos máis prestixiosos, debuta como director creativo nun espectáculo, Inventio, no que parte dunha pregunta distópica: Que sería de Galicia se desaparecese o Camiño de Santiago?

–Hai dous anos que está Vde. a preparar Inventio, que se estreará en setembro en Ferrol. Que nos pode adiantar deste espectáculo?

–Inventio é un espectáculo no que traballo cun equipo moi grande, integramente galego, que combina, ou intenta poñer en diálogo, a arte da maxia, da danza, do circo e da música, nunha proposta pensada para toda a familia. A súa trama está baseada no Camiño de Santiago, pero imaxinando un futuro, aló polo 2094 (ano do derradeiro xacobeo deste século) no que o Camiño desapareceu e Galicia perdeu toda a súa identidade cultural.

–É o espectáculo máis ambicioso levado a cabo por un mago galego? Como xurdiu a idea?

–O máis ambicioso…non o sei. A idea xurdiu entre a produtora e mais eu, cando estabamos a falar de preparar un espectáculo familiar co universo do Camiño. Como non queríamos volver ao pasado, fixémonos esta pregunta: E por que non viaxamos ao futuro? E a partir de aí, comezamos a traballar.

–Tamén teño entendido que Inventio ten algunhas semellanzas cos espectáculos do famoso Circo do Sol. Cales veñen ser?

–Oxalá se parecera! Pero iso é moito dicir. Para min, o Circo do Sol constitúe unha referencia ineludible, total. A semellanza vai quizais porque nos espectáculos dese circo se contan historias moi emocionantes, xuntando varias artes, que é o que pretendemos nós. Ademais diso, en Inventio tamén lle damos moita importancia ao aspecto visual, a que sexa unha experiencia que entre polos ollos.

–Ademais de mago, exerce Vde. como director creativo. Como afronta este reto profesional?

–Trátase dun gran reto, pero moi ilusionante. Hai moito tempo que quería facer algo así e, ben, desta vez atrevínme. Eu son o que me encargo de coordinar os profesionais das diferentes artes, pero fágoo como se fora un acto creativo compartido, de tal xeito que todos nos estamos unindo para crear o mellor espectáculo que poidamos soñar.

–Hai nervos, medos, estrés…?

–Por suposto, pero o máis curioso é que non acabo de crer que sexa verdade. En Santiago presentamos en marzo un dos actos do espectáculo e aínda me sinto coma se estiveramos saíndo do cascarón.

–Esta entrevista sae nun suplemento de cultura, pero ao mellor haberá que explicarlle a algúns lectores por que a maxia tamén é cultura...

–Tamén habería que definir, primeiro, que é a cultura, o cal xa é un problema de seu (risos), de maneira que eu reformularía a pregunta: E por que a maxia non é cultura? A maxia é unha arte escénica que ten unha tradición tremenda, unha linguaxe propia e que, ademais, en Galicia ten unha historia de seu. O que si é verdade é que moitas veces se pensa que a maxia é “simple entretemento”, pero ese “simple entretemento” require dun estudio, dunha formación e dun traballo de fondo que está altura do resto das disciplinas artísticas. E claro que a maxia é cultura!

–Algúns magos de hoxendía traballan moito coas Novas Tecnoloxías. É o caso de Inventio?

–Si, apoiámonos nas Novas Tecnoloxías como fonte de inspiración primaria para crear este universo futuro do que tratamos e tamén para aspectos técnicos.

–Hai quen desconfía dos grandes espectáculos de maxia (tipo David Coperffield) é entende que a verdadeira maxia, a maxia máis meritoria, é a “maxia de perto”, a que semella máis sinxela pero que, en realidade, é a máis difícil. Está de acordo?

–É verdade que eu sempre me decantei máis pola maxia de gran formato, pero non cabe dúbida de que a maxia de perto ten un encanto moi especial. Cando ves profesionais como Juan Tamariz en acción, quedas asombrado. Pero a maxia non é outra cousa máis que un acto comunicativo; daquela, se esa comunicación se dá, sexa no formato que sexa, o obxectivo está acadado, e cando digo obxectivo, refírome a que o público viaxe connosco, que sexa o o noso cómplice, que disfrute de verdade, vaia! Iso é o que procuramos con Inventio.

–Cal foi o motivo para que, xa de rapaz, aos nove ou once anos de idade, tomara a decisión de dedicarse á maxia de xeito profesional?

–Foi un proceso paulatino. Os meus pais, cando eu era pequeno, levávanme a ver espectáculos de todo tipo, nomeadamente de circo, porque eu sempre procuraba ir a todos os circos que pasaban por Ferrol.E houbo un momento, cando vin a Juan Tamariz, no que sentín un “clic” na cabeza que me convenceu de que eu tiña que dedicarme a isto. Dende ese momento intereseime por calquera cousa que estivera relacionada coa maxia.

–Hai escolas e mestres para os rapaces que queren dedicarse a ser magos profesionais?

–Eu estiven unha tempada na escola de Ana Tamariz, filla de Juan, en Madrid, pero si que é verdade que faltan referencias nesta área. Por iso converteuse nunha disciplina moi autodidacta na que cada quen busca o seu propio camiño.

–Será porque non se poden desvelar os trucos?

–Tamén, tamén (risos). O que si é certo é que se trata unha disciplina moi completa para calquera rapaz ou rapaza, que pode valerlle para unha chea de cousas na vida. E, si; non estaría mal que en Galicia houbese unha academia estable de maxia.

–Cales son os seus magos de referencia, tanto historicamente como na actualidade?

–Podería dicir moitísimos nomes. Relacionado con este mesmo espectáculo, por exemplo, inspirámonos moito nos magos do século XIX e principios do XX, que foi a época dourada da maxia. Nese período xurdiron unha manchea de innovacións técnicas e escénicas para conseguir efectos de grande formato cada vez máis impresionantes. Un dos herdeiros desa tradición foi John Calver, a quen tiven a sorte de coñecer, que era un mago norteamericano que foi un dos últimos representantes desa época dourada.

–E dos actuais?

–Pois, como non! Juan Tamariz, que xa citei, e aínda tamén o mesmo David Copperfield que, para min, rfoi quen de revolucionar a maxia, e no só apenas porque fixese grandes espectáculos senón tamén porque nese sempre apelou aos sentimentos.

Compartir el artículo

stats