Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Deseño no ollo devidro

Obxectos de desexo e ensoñación

Deseño de Piero Fornasetti. Archivo

A Cidade da Cultura acolle, baixo o título Obxectos de desexo. Surrealismo e deseño 1924-2020, unha mostra con referencias surrealistas. Trátase dunha exposición programada en colaboración co Vitra Museum de Weil am Rheim, localidade alemá veciña da suíza Basilea e conta con comisariado do seu director, Mateo Kries. A arte surrealista está de seu vencellada aos soños, ás visións dunha realidade alterada pola perspectiva da vixilia, dos pesadelos. É por iso que pensar na historia de Un ollo de vidro escrita por Castelao, faise ad hoc para divagar sobre esta mostra de obxectos de desexo, pois son unhas memorias de ultratumba as que o libro narra. Logo, ao atopar os deseños cavilados dende o máis alá internacional, e procedentes da fantasía surrealista dos grandes creadores, pódese ben mirar dende Galicia cun ollo de vidro.

É daquela fermoso ver como en Galicia o traballo de visionarios como Sirvent, en Vigo, que expuñan e vendían mobles de deseño internacional dende os anos sesenta, nunha época na que o novo estilo racionalista era tan admirado como provocador para unha clientela acostumada ás moblerías, recolle agora un froito na forma dunha mostra internacional de moitos dos deseños que os Sirvent ofrecían -e ofrecen- na súa gran tenda proxectada polo arquitecto Alfonso Penela.

E outro espazo para o deseño, xa na Coruña, era Finisterrae, de moita sona nos primeiros anos oitenta polo estilo da posmodernidade no centro de atención, con pezas do grupo Memphis ou de Philip Starck, naquela os creadores de maior popularidade. Así mesmo, non se pode deixar de recordar nestas liñas o traballo de María Falagan á frente da Galería Labris, tamén na Coruña, e Sic e Ad Hoc en Vigo, á cal, entre outros moitos méritos, compre atribuírlle o éxito de ter invitado a Galicia (1989) o deseñador Ron Aarad, moi famoso polo seu traballo brutalista de mobles feitos en folla de lata e aceiro, tocadiscos con base de cemento ou cadeiras retiradas de autos utilitarios e postos no salón con certo aire deconstruído.En fin, aínda nos oitenta, quen lucía pezas de deseño internacional na súa casa era o modisto Adolfo Domínguez. Nas vivendas proxectadas por Iago Seara en Ourense atopábanse cadeiras, por exemplo, de Mario Botta ou pezas edicións da Bauhaus. De feito, un dos primeiros galegos en falar no medios de comunicación da escola integral xermana foi o propio Domínguez.Naquela xeira visionaria non había editoras de mobles de deseño en Galicia: co que si contabamos era coa creación absoluta, que incluía mobles, estantes, cadeiras, mesas... deseñados por Isaac Díaz Pardo á fronte de Sargadelos. E, sen dúbida, había deseño téxtil como o de Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Zara e outros. E había asemade deseño téxtil surrealista dun empresario visionario, Regojo, que sacou ao mercado unha colaboración co pintor Salvador Dalí, quen producían unhas camisas chamadas “Camisas Dalí”.

Deviñan aínda incipientes en España as producións de deseño, destacando entre elas a compañía Casas en Cataluña, que editaba todos os grandes clásicos do século XX e non poucas novas pezas de deseñadores vivos como Afra e Tobia Scarpa ou Óscar Tusquets. Tamén a editora B.D., quen foi de producir o popular sofá “Beizos” de Salvador Dalí, peza que creou o xenio en colaboración co devandito Óscar Tusquets. Outros mobles dalinianos son a cadeira “Leda”, o sofá “vís-à-vís” ou o tirador rinoceronte, entre outros. Todos eles son mobles surrealistas.

Sen dúbida, un importante labor para ensinar e divulgar deseño responsable vén feito pola Escola de Arquitectura de A Coruña, e despois pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, especialmente no eido da moda e das artes plásticas. E sempre a Escola Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

Canto ás exposicións de deseño, cómpre mencionarmos a do arquitecto Carlos Seoane na Cidade da Cultura, dedicada á madeira e mais o deseño baixo o título Da árbore á cadeira no ano 1987; a de antropoloxía da moda Con-fío, tamén no Gaias no ano 1987; a mostra Vestir Épocas 1860-1960 no museo de Belas Artes de A Coruña no ano 2020; e as mostras como parte da actividade académica das escolas e facultades de deseño, arte e enxeñeiras. En fin, foi relevante a mostra de Yves Saint Laurent, traída de París pola fundación Caixa Galicia no ano 2008; esoutra de artistas e téxtiles, traída de Londres no 2022 e a de A Través del Espejo, desde Museo Nacional de Arte Reina Sofía no 2004.

Todo pode ser surrealista

Recordo a Laxeiro no pazo dun coleccionista en Boiro, alá polo ano 1992, tocando a frauta entre debuxo e sombreado. Recordo a Otero Besteiro subido (1993) a unha cadeira e recitando “somos pompas de xabrón”. Por suposto, admiramos as surrealistas creacións de Eugenio Granell e tamén non poucas das esculturas de Francisco Leiro que agochan narracións oníricas na súa concepción e é que os galegos temos moito de espírito surrealista quizais polo tradicional diálogo ca morte e co Alén.

Outras plataformas para o deseño con tintas surrealistas, e con paisanos de noso, son o festival Mayrit -onde figura, na coordinación, Miguel Leiro ou a Guía Homo Faber, na que aparecen seleccionados dezaseis obradoiros artesáns galegos; entre eles, a cestería de Idoia Cuesta, o ébano de Frank Buschmann; a ceramista Ana Tenorio e mais o talabarteiro Santiago Besteiro.

Nesa visión total do surrealismo e mais o desexo inclúense, en fin, na mostra do Gaias os deseños de Piero Fornasetti; a randeeira de Kiesler; unha lámpada de Ingo Maurer; un traxe de Iris van Herpen así como outras moitas marabillas que cómpre visitarmos para coñecer máis do surrealismo e as súas facianas.

Compartir el artículo

stats