Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Destilando optimismo

Orixinal presentación

Detalle da portada de "A nota".

Unha nota que vai de man en man causa unha grande expectación no lector que, ademais de sorprenderse polo feitío do volume agarda o final da historia que non defrauda. Dende que Eva sae da casa ata Manuela, a camareira, que descifra a misiva, a nota realiza un percorrido xenial dobrándose sobre si mesma e desenrolándose segundo a vontade das persoas que, curiosas, seguen con atención a traxectoria do papel e por ende da mensaxe na que se pode afondar, se un o desexa, no reverso das páxinas. Sabemos así de Xoquín, o xubilado; Agustín, o repartidor; Manuel, o pediatra; Gema, a editora; Miguel, o arquitecto, Carlos, o bebé e tamén coñecemos animais como o gato Teo, o paxaro Miki e o rato Birloche, entre outros personaxes. Son todos eles membros da veciñanza que enchen de vida un espazo no que se simula a necesaria presenza de todos para que flúan os acontecementos cotiás de modo que os xestos e movementos que adoitan realizar ao longo do día se converten en ficción literaria en virtude da maxia que o envolve todo e o azar que, caprichoso, manexa os tempos.

Trátase dunha historia que destila optimismo: o texto de Pilar Serrano Burgos sinxelo e suxerente vai amosando un barrio dinámico e alegre que acompañado a nivel gráfico polas ilustracións de Daniel Montero Galán permite unha lectura en movemento que o despregable se encarga de encher con expresión de afectos e emocións, con imaxinación e unhas pingas de humor froito da casualidade para que o percorrido visual sexa sinxelamente un paseo estupendo no que todo encaixa.

A capacidade de sorpresa xenerada polo texto e apoiada pola orixinal presentación proporciona o lector mozo unha agradable sensación de asombro capaz, quizais, de satisfacer as nosas inquedanzas e converterse en portador de felicidade.

  • SERRANO BURGOS, P., A nota (ils. D. Montero Galán), Kalandraka, Pontevedra, 2022, PVP. 14,25€

Compartir el artículo

stats