Síguenos en redes sociales:

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Ilustración da portada de "Como dúas crebas", de María Álvarez Landesa.

Versos do Eros

Unha poeta con oficio

A pel ten memoria. Cando les os versos de María Álvarez Landesa decátaste da necesidade de facer moi presente e lembranza dos momentos sensuais que se desenvolven ao longo do poemario. Eses versos do eros transmiten unha forza que vai máis alá do que se nos poida dicir explícitamente. É o diálogo entre os amantes, a necesidade de compartir e amar, pois diso se trata.

A imaxe do mar, as dúas crebas que seguen unha mesma dirección, mestúranse coa forza en estoupido da natureza sen control e ao tempo tan equilibrado. No mar están as posibilidades todas para evocar unha poética do amor. A fermosura, a forza, a paixón… Pois todo iso é a relación dun eu lírico dual que dialoga e comparte as experiencias comúns que os fan ir máis alá. E ese ir alén non é unha bravuconada, non é unha esaxeración ou unha hipérbole facilona. Desde tempos inmemoriais a parte carnal do amor –todo o poemario está inzado desta realidade– fai moi real a parte mística do encontro. O eros é unha maneira de chegar á éxtase, non só fisiolóxica, senón que tamén espiritual. Para moitos místicos e místicas é a maneira máis cercana de chegar a Deus.

Non é esta poesía relixiosa, mais si que nos decatamos polos escritos de Santa Teresa de Ávila ou doutros moitos, que esa percepción das cousas está aí. Do máis sexual ao máis íntimo, místico e espiritual.

Esta visión do (a)mar vese apoiada pola estrutura formal dos poemas. O versolibrismo desatado e ao tempo rítmico, cunha forza marítimo-amorosa para expoñer a visión dos amantes libres, sen límites nin entalamentos. Estoupido sensorial e afectivo para a poesía de amor real en todas as súas facetas e posibilidades que non deixa de ser memoria para a reflexión. O vivido e o que está por vivir. O desexado para acadar un estado do ánimo e do espírito que vai máis alá da racionalidade imperante e limitante.

Este primeiro poemario de Álvarez Landesa é un inicio moi prometedor. É o inicio de poeta xa feita, con recursos, con cousas que contar e cun oficio que connota moito traballo detrás. A literatura ben feita non sae da nada.

  • ÁLVAREZ LANDESA, M., Como dúas crebas, Medulia, A Coruña, 2022, PVP. 11,90€

Esta es una noticia premium. Si eres suscriptor pincha aquí.

Si quieres continuar leyendo hazte suscriptor desde aquí y descubre nuestras tarifas.