Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Baixo a Torre de Fornelos (I)

Un novo Ben de Interese Cultural

Vista aérea da fachada leste da fortificación, en Crecente.

O pasado 1 de marzo o DOG publicou a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) da Torre de Fornelos (Crecente), unha arquitectura defensiva medieval situada na parroquia de San Pedro de Crecente. A medida é un avance estritamente formal, xa que a consideración de BIC xa estaba en vigor por aplicación do Decreto 22/04/1949, que xa recoñecía esta condición legal de forma xenérica.

Vázquez Martínez (1948), o autor que mellor estudou a fortaleza ata o momento, afirma que a primeira referencia documental da Torre de Fornelos data de 1158. Aínda que non menciona a fonte refírese, cremos, a un documento do mosteiro de Santa María de Melón dese ano no que se cita o lugar de Fornelos. Porén, o escrito non se refire ao Fornelos da parroquia de San Pedro de Crecente, senón a Fornelos da Ribeira (Salvaterra de Miño), que está a carón da parroquia de Nogueira (Ponteareas): “duos casales quos habeo in Fornelos pro Nogueyra” ('dous casais que teño en Fornelos fronte a Nogueira').

A nosa torre forma parte do sistema defensivo Fornelos-Melgaço que estudou Blanco Rotea (2013). Con todo a funcionalidade desta infraestrutura medieval non sería defender o Miño, como si fai a torre de Lapela, por exemplo, senón que “a súa situación debeu estar motivada polo control do paso polo val que forma o río Ribadil cara ao interior de Galicia, do mesmo xeito que os desaparecidos castelos de Arbo e de San Martín de Ladróns controlaban o paso sobre o río Deva, que rega as terras da Cañiza”, afirma a mesma autora. Xa durante o século XIV aparece como titular da fortaleza Fernán Eanes, que tamén ostentaba a titularidade do castelo de Soutomaior (Ricardo Pichel; 2021).

Destrución

Por volta de 1467 a Casa de Soutomaior sofre o asedio duns 5.000 irmandiños, que provocan a derruba das fortalezas de Tenorio, Soutomaior e Fornelos, segundo Morales y Roca (1971). Pedro Madruga ordenaría a súa reconstrución despois daquela revolta popular. En fin, Vasco de Aponte (1470-1535) dá conta da demolición de numerosas fortificacións no ano 1482 por mandato do gobernador do Reino de Galicia, Fernando de Acuña, que cumpría ordes dos Reis Católicos. Entre as fortalezas que a realeza castelá amnistía estaban as de Soutomaior, Salvaterra e Fornelos: “...y así derrocaron al conde de Camiña a Cotobade y Sta. María de Alva, y la Trinidad y Tebra, y Castro Maceyra; y no sé si la Picaraña estaba ya derribada; y dejáronle a Sotomayor, y a Fornelos, y a Salvatierra...”.

Fachada oeste da torre.

Angel del Castillo (1972), que dá como data probable da construción do castelo os séculos XIV e XV, apunta que “ofrece aún restos de los tres pisos que tuvo y de sótano donde estuvo preso el Obispo de Tuy don Diego de Muros”, aliado dos Reis Católicos, en 1485. Nesta tese coincide Edwar Cooper (1991), que supón ter sido construído no século XV, xa que “o compoñente clásico dos castelos galegos deste período é unha torre de homenaxe cadrada, de fina cantaría, cun parapeto amatacanado”. Con todo, para Blanco Rotea (op. cit) “a forma e colocación dos perpiaños de granito ofrécenos unha tipoloxía máis arcaica, moi anterior ao século XV”.

De man en man

En 1494 a Cámara de Castilla dita unha orde dirixida a Diego López de Haro, gobernador do Reino de Galicia, para que devolva ao Conde de Camiña a fortaleza de Fornelos, embargada a causa dunha débeda que tivera co bispo de Ciudad Rodrigo. Efectivamente, Pedro Álvarez de Soutomaior foi señor, entre outros, dos castelos e estados de Soutomaior, Salvaterra, Sobroso e Fornelos. Uns anos máis tarde, Madruga perdería a titularidade de boa parte destas fortalezas en favor do arcebispo Alonso de Fonseca. E os conflitos xurisdicionais pola posesión destas terras enfrontaron tamén ao Conde de Camiña coa abadesa do Mosteiro de Albeos (Crecente), como proba unha petición que o conde dirixe ao bispo de Tui en 1489 interesándose pola vida e costumes da superior deste convento.

En 1495, a mesma Cámara de Castilla dita outra orde ao mesmo gobernador do Reino de Galicia, “sobre lo que se debe hacer para la buena guarda y recaudo de esa tierra en la frontera de Portugal y en su costa”, na que se citan unha serie de fortalezas fronteirizas, entre elas o castelo de Fornelos.

En 1518 a loita pola posesión da fortaleza e terra de Fornelos explica o asasinato de dona Inés Enríquez de Monroy por orde do seu propio fillo, Pedro Álvarez de Soutomaior II, neto de Pedro Madruga, que xa asediara o castelo da súa nai con anterioridade (Olivera Serrano, 1999).Tres décadas máis tarde, en 1549, a torre seguía operativa e en pé, xa que volve aparecer nun documento de apelación que Teresa de Soutomaior, “señora de Sotomayor y Fornelos” presentou contra unha sentenza xudicial que lle executou certos bens a favor de García Rodríguez, veciño de Vigo. Esta Teresa non é outra que a esposa de Gonzalo Díaz Messía, Teresa Annes de Fornelos “que es el solar deste apellido su torre, i casa fuerte, que está junto al rio Miño de la parte de Galicia contra Portugal, en la cual con los tiempos entraron los Castros, i agora es de la Casa de Sotomaior, por casamientos”, escribe Felipe de la Gándara en 1662.

Catrocentos contra quince

O episodio militar máis sobresaínte que tivo lugar na Torre de Fornelos foi o ataque que, en 1482, dirixiron contra a fortaleza do Conde de Camiña, Diego de Muros (bispo de Tui), García Sarmiento (correxedor de Baiona), Lope de Montenegro (alcalde maior de Pontevedra) e os capitáns Francisco de Aballe e Lope de Aballe, tío e sobriño respectivamente. Os catrocentos atacantes enfrontáronse a tan só quince soldados encastelados, fieis a Pedro Álvarez de Soutomaior, naquela altura preso en Benavente. E, máis unha vez, David venceu a Goliat. Após a morte na batalla dos Aballe, que foron abatidos coa espingarda polo escudeiro portugués Alonso Ramírez, as tropas ofensivas retiráronse, deixando a fortaleza en mans de Madruga.

Naquela batalla estivo ausente o Gobernador de Galicia, Fernando de Acuña, que fora nomeado polos Reis Católicos para pacificar o noso reino e, naquela altura, estaba ocupado no cerco a Pardo de Cela, que resistía no seu castelo da Frouxeira.


Compartir el artículo

stats