Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Molière: teatro en estado puro

No 400 aniversario do autor

Un momento na representación de "Tartufo" polo CDG (Vigo, 2016).

A vida de Jean-Baptiste Poquelin, coñecido como Molière, de quen neste ano celebramos o catrocentos aniversario do seu nacemento en París, cidade na que tamén finaría en 1673, ben daría para escribir unha historia do teatro, pois na súa peripecia están condensadas algunhas das máis importantes cuestións que atinxen a esa arte milenaria, sempre situada nas marxes e nas periferias, por moito que en ocasións ocupe unha posición máis ou menos central na vida pública. E así foi con Luís XIV, un dos maiores mecenas das artes da escena.

Semella que estudou no actual Lycée Louis-le-Grand, daquela rexentado polos Xesuítas, que o abriran en 1550. Unha compañía relixiosa que viu no teatro unha das armas máis poderosas na loita contra a Reforma Luterana, pero tamén como instrumento educativo, quer para a transmisión da Doutrina Católica quer para mellorar a Oratoria. O mozo Poquelin renuncia a seguir unha carreira profesional convencional e opta por dedicarse ao teatro, razón que parece xustificar a escolla do adeallo Molière, como fará moitos anos despois Stanislavski, para non vincular o apelido familiar coa profesión dos cómicos.

Retrato de Jean-Baptiste Poquelin, Molière (1622-1673).

Ademais da probable pegada dos xesuítas, na súa formación teatral poderían ter relevancia algunhas figuras senlleiras do teatro de feira que se presentaba en París, coma Robert Guérin, alcumado La Fleur e Gros-Guillaume; Henri Legrand, coñecido por Belleville e Turlupin; Hugues Guéru, a quen lle dicían Gautier-Garguif, ou Jodelet, nome artístico de Julien Bedeau. Un teatro popular, asentado na farsa, que tanto influirá no traballo escénico de Vsevolod Meyerhold e na súa visión da interpretación, e sobre o que Jean-Baptiste construirá a súa sona de actor ou dramaturgo, mesturando a comedia literaria coa farsa popular nunha síntese perfecta.

"Os seus textos non eran simples divertimentos senón críticas rotundas dunha sociedade burguesa en proceso de configuración"

decoration

Inicia a vida profesional contra 1643 na compañía Les Enfants de Famille, e pouco despois xúntase cos Béjart, (Madeleine, Joseph, Louis), pertencentes a unha familia de xentes de teatro, nunha nova compañía, L’Illustre Théâtre. Ao ter acumulado perdas en tal empeño, razón pola que acabará preso, deciden trasladarse a provincias a buscar fortuna e mellorar as súas artes, e por elas andan e traballan entre 1646 e 1658. Nesa andaina lonxe de París, Molière vai construír a súa arte de actor pero tamén notables destrezas como dramaturgo, ao ser o poeta da compañía, para a que escribe textos e amaña e recompón outros, sempre coa finalidade de asentar un repertorio mixto co que ir gañando sona e sobre todo medios de vida. Habituais nos pazos da nobreza local, Filipe de Francia, irmán do rei e naquela altura Duque de Anjou, ofrécelles a súa protección e volven a París, onde os mira Luís XIV, no Palacio do Louvre, en 1658. Comeza así a xeira do gran dramaturgo, presentando un conxunto de pezas polas que gaña unha sona enorme, e participa en polémicas notables, pois os seus textos non eran simples divertimentos senón críticas rotundas dunha sociedade burguesa en proceso de configuración. Xa de volta na capital, son acollidos no Théâtre du Petit-Bourbon, onde a compañía de Molière compartirá cartel coa de Tiberio Fiorilli, alcumado Scaramouche. Logo pasarán ao teatro do Palais-Royal, sempre en competencia cos outros teatros autorizados da vila, o Hôtel de Bourgogne, e o Théâtre du Marais. Cómpre destacar a influencia de Fiorilli, un dos máis importantes representantes da comedia italiana en París, como tamén o serán Alberto Naselli ou Flammilio Scala, que tanto inflúen na renovación do teatro francés ou europeo.

Molière representa naquela altura o que hoxe denominamos vangarda, propoñendo unha renovación radical da escena e da escrita, e a superación do vedraño teatro barroco e da arte declamatoria. Mesmo chega a desenvolver un modelo dramático e teatral denominado comédie-ballet, en pezas como O burgués fidalgo ou O enfermo imaxinario, intercalando entre escenas números de música e danza, coa colaboración de Jean-Baptiste Lulli, Marc-Antoine Charpentier e Pierre Beauchamp. Un autor dramático para ler en todo tempo e lugar, e moi actual.

En Galicia

Cóntase que o coro Toxos e Froles estrea O médico a paus en 1929, con versión galega de Teruca Bouza Vila, unha moza de Mugardos que tamén actuou en espectáculos notables realizados naquela altura na comarca de Ferrol Terra. Comezaría así, polo que sabemos, unha longa relación coa escena galega, que vive momentos especialmente ben relevantes, pois Molière é, con Shakespeare, un dos autores máis populares na nosa creación escénica, sexa escolar, afeccionada ou profesional. Entre os seus tradutores queremos destacar a Xosé Manuel Carballo Ferreiro, Francisco Pillado ou Henrique Harguindey.

Outro dos espectáculos primeiros foi O casamento á forza, do grupo Tespis, en 1977, ao que seguirán, entre outros, A voda de Esganarello, presentado en 1981 pola Escola Dramática Galega; O enfermo imaxinario, producido polo Centro Dramático Galego en 1986; Tartufo que escenifican os de Teatro de Ningures en 2005 e o CDG en 2016, ou O burgués fidalgo, que dirixe Celso Parada con Teatro do Morcego en 2007. Sen esquecer Molière final, un texto que Roberto Salgueiro publica en 2003, e recrea o día despois da morte do noso dramaturgo, e os problemas que derivan da prohibición de seren enterrados os cómicos en sagrado.

Compartir el artículo

stats