Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Maside por Soledad Penalta

Un labor escultórico na Alameda de Compostela

Monumento a Carlos Maside na Alameda de Santiago de Compostela.

O pasado día 23 de xaneiro inaugurouse na Alameda de Santiago de Compostela unha obra escultórica en homenaxe ao pintor Carlos Maside, unha iniciativa da Plataforma Carlos Maside que contou coa colaboración do concello da capital galega. O traballo foi realizado pola artista Soledad Penalta que elaborou unha peza en que destaca a combinación de lóxica construtiva e unha atinada organización espacial. Un labor que é produto dunha actitude reflexiva desde a perspectiva da análise do espazo urbano, da súa relación coa historia política e artística do noso país e co patrimonio da propia cidade e desde a perspectiva xeral do coñecemento dos procesos culturais. A escultora partiu dunha fotografía tirada o ano 1952 en que se ve o pintor Carlos Maside acompañado polos poetas Manuel María e Uxío Novoneyra no mesmo ámbito da Alameda compostelá; a captación dese intre integrado no espazo do paseo é un dos grandes acertos da peza.

Maside, con Manuel María e Uxío Novoneyra (SC, 1952)

Neste sentido é preciso ter en conta que desde a hai ben tempo -ao menos desde hai máis de cen anos-, o urbano é un ámbito complexo no que se refire á intevención artística. Neste territorio de conflito, a esperanza estivo sempre na obra do creador, na súa apropiación deste espazo e na marcada vontade referencial que a obra de arte consiga erguer. Mais para conseguilo calquera actuación precisa dunha análise “elementalista”. Enténdase “elemental” ligada á etimoloxía de “elemento”, de principios básicos da obra de arte e das súas circunstancias sociais, políticas e culturais. Desde a nosa perspectiva o espazo urbano precisa obras “elementais” no sentido de xogaren con unidades formais puras e estruturalmente simples e crearen relacións entre unidades, é dicir, na vontade de ordenar dinamicamente o espazo, ou mesmo cuestionalo desde un diálogo elaborado.

"Unha obra reflexiva e intensamente analítica que implica unha consciencia da dificultade que presenta a actividade artística no espazo público"

decoration

Do mesmo xeito que no mundo arquitectónico, trataríase dunha ordenación consciente, que preste atención a unidades “elementais” que dialoguen por medio dun alfabeto plástico. O resultado sería unha “produción”, por usarmos un termo caro ás vangardas soviéticas dos anos vinte, mais unha produción que podería ter moito de poética, dunha poeticidade das formas, produto da exploración de ben variados ámbitos que afecten a forma e a súa sociabilidade e do seu transvase ao medio urbano.

A obra de Soledad Penalta.

Desde esta perspectiva, unha obra pode e debe chegar a se converter en parte indisociábel da paisaxe e conseguir unha “porosidade”, por empregarmos un concepto utilizado por Walter Benjamin e Asja Lacis a propósito da cidade italiana de Nápoles, un lugar en que percibían que as cousas estaban permanentemente descolocadas mais tamén un universo en que se fusionaba o público e o privado dotando de sentido o tecido urbano e humano.

“Porosidade”, esta vez na acepción de fusión do construído co medio natural e do novo a respecto do tecido urbano, semella, precisamente, ser o propósito explícito da peza de Soledad Penalta, unha obra reflexiva e intensamente analítica que implica unha consciencia da dificultade que presenta a actividade artística e, en concreto, a obra de arte de tamaño monumental no espazo público.

Espazo comunal

Cómpre lembrarmos que, perdido o carácter conmemorativo, ligado a unha imperiosa necesidade de significación, que ten que ver co carácter social que trouxo consigo a idea de progreso e a proxección pública dos máis variados sentimentos, dominante até comezos do pasado século, aínda que presente en décadas posteriores, o papel da pintura e da escultura no espazo público acaba por se constituír nun problema, mesmo non resolto de vez no noso tempo.

As opcións construtivas –unhas das máis activas nas buscas máis radicais– tentaron resolvelo cunha vontade de integración na vida real, no mundo cotián, procurando que substituíse o que antes fora visión espiritual pura, idealismo e concepto. Para conseguilo optaron por unha configuración elemental, traballando con valores como precisión, claridade, apertura de novos espazos e xeometría suspensa, coa finalidade de erixir, como dicía o escultor ruso Vladimir Tatlin, “materiais, volumes e construcións en fundamento”; un artista, por certo, que co seu xeometrismo quería reflectir a ética revolucionaria soviética –logo esmagada pola burocracia stalinista-.

Desta vontade xurdiu, en diferentes contextos e ao longo de décadas, un tipo de escultura –e tamén de muralismo– que ten moito de intervención arquitectónica e que poderiamos definir como instalacións ambientais e utilitarias polo desexo explícito de ligazón coa paisaxe e de reafirmación dun espazo colectivo, algo evidente no traballo de Soledad Penalta.

Estamos, polo tanto, perante un tipo de obra que actúa no espazo creado, que establece xogos de tensións, do que poden xurdir determinadas peculiaridades, como poden ser a delectación no material ou a tendencia cara a unha captación sensual dos aspectos físicos do obxecto artístico que no caso da escultura dedicada a Carlos Maside está o servizo da memoria cultural e inserida no espazo vital e comunal do conxunto da sociedade galega.

Compartir el artículo

stats