Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Arte: exposicións

Pintura e ideal

O efecto reliquia de Teresa Moro

Nas diversas imaxes: diferentes aspectos da mostra de Teresa Moro presente no espazo expositivo do MARCO. | FOTOS: @ELIREGUEIRA

O MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo, presenta a primeira mostra do novo ano onde nos ofrece o traballo de Teresa Moro (Madrid, 1970), unha artista que desenvolve unha viaxe fetichista polo espazos vitais e creativos de diferentes creadores do pasado e do presente, que a pintora colecciona, arquiva e reelabora pictoricamente. O título escollido para este proxecto expositivo no museo vigués: O efecto reliquia –que alude á emoción que lle produce á creadora a presenza dun determinado obxecto– é todo un compendio das preocupacións e dos referentes éticos e estéticos da pintora, entre a suxestión sacral do feito artístico e a vontade de comunicación. Estes estímulos van ser desenvolvidos por medio dunha pintura de sutil rigor plástico –cunha execución e un afondamento nos procesos de elaboración formal– e dun impecábel acabado, mais ao servizo dunha idea, no seu caso case podemos falar dun ideal, ideal acentuadamente ligado á reivindicación do pictórico.

Pintura e ideal

O contido e o título da mostra O efecto reliquia recorda o concepto de “Relixión da arte” (Kunstreligion), unha formulación que ocupa un lugar senlleiro dentro do pensamento estético de Hegel que utiliza este concepto ligado a un ideal de beleza formal que está en plena consonancia coa relixión, algo que mesmo leva o filósofo alemán a formular a idea de que a antiga arte grega era formalmente a relixión para este pobo. Lembremos que desde o século XVIII o debate sobre o sentido da arte está frecuentamente vinculado ao fenómeno relixioso, en xeral para separarse del. Así, por exemplo, Lessing no Laocoonte (1766) afirma que a arte ten a beleza como primeira e última intención, o que exclúe as obras relixiosas, para el máis simbólicas que belas.

O traballo de Teresa Moro reivindica o que chama “efecto reliquia”, unha emoción case relixiosa perante un obxecto ligado á un artista admirado, o que sitúa a súa concepción ligada a un sentimento de pracer, como se a beleza se definise en relación a un suxeito, ao sentimento dese suxeito; de seguirmos coas referencias filósoficas da ilustración, a unha concepción empirista.

Na exposición do MARCO podemos contemplar unha series de pinturas que se corresponden cun proxecto ben definido. Cómpre termos en conta que o traballo de Teresa Moro é ao mesmo tempo pictórico e fondamente conceptual e parte dunha reflexión sobre a capacidade de emoción e reinterpretación que o material visual coleccionado e arquivado posibilita ao ser transportado desde o obradoiro ao espazo museístico. Polo demais, toda a serie desenvolvida pola artista ten como premisa estes principios. A partir dun traballo de arquivo de imaxes e de espazos de artistas, imaxes catalogadas, reelaboradas e inseridas nun novo contexto. A galería resultante permite reflexións varias sobre o valor da autoría, o ámbito expositivo ou a emoción da experiencia artística como experiencia vital xa que nestas obras ten cabida a pegada do pasado e ao mesmo tempo un achegamento á problemática da creación no mundo actual.

Diferentes aspectos da mostra de Teresa Moro presente no espazo expositivo do MARCO @eliregueira

De todos os xeitos, Teresa Moro non quere na súa obra –e iso xa é perceptíbel en todos os exemplos da mostra que presenta no MARCO– dirixir a súa pintura cara a respostas definitivas no programático, mais si amosa unha vontade de facer evidente a problemática ética do ser humano, en definitiva sente a necesidade de participar no decurso –e no discurso– colectivos desde unha posición que combina o reflexivo e o lírico, que reivindica o sentido transcendente da pintura –as pezas teñen moito de ofrendas–, mais sen ningunha forzada retórica.

Por outra banda, é moi evidente a aposta pola pintura, sen querer en ningún momento renunciar á tradición que na arte occidental se foi elaborando ao longo dos séculos, aspecto este que se sente enxergando as súas obras, en que hai unha vontade de ligazón co pasado artístico en xeral, manifesto nos recursos formais e nas homenaxes implícitas en moitas obras, mais tamén nas sutís pero evidentes alusións á tradición da pintura, permanente fonte para a reflexión e mais para o diálogo elucidativo sobre o sentido estético, que é no fondo o sentido da vida, un factor que segue en definitiva a dotar de valor actuante calquera actividade creativa ou reflexiva.

Solvente traxectoria

Teresa Moro vive e ten o seu obradoiro en Pozuelo de Alarcón. Formada na Universidade Complutense (Licenciada en Belas Artes na especialidade de Pintura), e en Chelsea School of Art and Design de Londres, onde estudou un curso no Departamento de Pintura. Vinculada desde 1997 á galería My name’s Lolita Art, e a partir de 2010 á galería santanderina Siboney, tamén colabora con Galería Trinta de Santiago de Compostela e Espacio Líquido de Xixón. Fóra do Estado Español traballou coa galería MCO do Porto e a de Nova York, Foxy Productions.

Desde 1994, ano da súa primeira individual, realizou numerosas exposicións e ten a súa obra presente en variadas colección públicas e privadas.

  • Título: O efecto reliquia.

    Artista: Teresa Moro.

    Comisariado: Miguel Fernández-Cid e Pilar Souto Soto.

    Local: MARCO, Museo de Arte Contemporánea de Vigo.

    Até o 1 de maio de 2022.

Compartir el artículo

stats