Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Blanco Amor e ciudad

Unha revista para unha modernidade branca

Eduardo Blanco Amor (1897-1979)

Os anos de II República Española foron tempos de ebulición cultural. E esta actividade moitas veces non sabía de ideoloxías políticas malia que estas chocaban con frecuencia entre elas, incluso nas rúas. No caso de Madrid, naquel bule-bule exercían a súa influencia os escritores da Xeración do 27, con Federico García Lorca á cabeza. Unha modernización que estaba presente dos faladoiros de dereitas e de esquerdas nos diversos cafés da capital de España. Emerxía unha clase media que, malia a crispación política, precisaba de referentes que a sacasen da condición gris que boa parte da sociedade española aínda aturaba.

O café La Ballena Alegre (Madrid)

E naquel panorama, a publicación da revista Ciudad supuxo un alento de modernidade formal: para a cultura propiamente dita, os deportes, os touros, a moda e a saúde. O seu director, Víctor de la Serna, foi un xornalista precoz en Santander.

Una de las portadas de la revista "Ciudad", dirigida por Víctor de la Serna

Instalado en Madrid en 1930 para traballar no prestixioso xornal El Sol, vinculouse ben axiña a Falange Española e pasou a frecuentar o faladoiro que José Antonio tiña no café La Ballena Alegre. Xa en decembro de 1934, apareceu o primeiro exemplar da revista, con Eduardo Amor no cargo de redactor xefe. As constantes da publicación xa aparecían formalmente (nas ilustracións, comezando pola fotografía de Ángel Aracil na portada) e na presentación, onde a pluma do director manifestaba que Ciudad quería fuxir tanto das crónicas destinadas ao “alto mundo” como da confrontación social, moi activa naqueles anos. Da revista apareceron dezasete números con regularidade semanal ata o 17 de abril de 1935.

 

Eduardo Blanco Amor (1897-1979)

Blanco Amor aproveitou o seu papel na revista tanto para a súa proxección persoal como para incluír a presenza de galegos nas súas páxinas. Xa no primeiro número apareceu o seu relato “Fisiognomía. Cuento en una escena y un estrambote”. En números seguintes publicou poesía (“Tres elegías”); crónicas da súa viaxe a Barcelona; os contos “Santos el Guitarrero” e “María y tránsito del Doctor Cherubini”; crítica de arte sobre la exposición de Ramón Muñiz Lavalle e do xornal bonaerense La Nación -no que colaboraba- con motivo da homenaxe a Bartolomé Mitre, o seu fundador; e sumouse á candidatura de Miguel de Unamuno a prol do Nobel con “Ciudadano de honor de la República”.

Dedicados a Galicia, escribiu textos de louvanza ao mar: “Primera glosa del mar gallego” (onde sinalaba a escasa presenza mariñeira na poesía galega, excepción feita das cantigas de amigo e das “viúvas de vivos” que cantara Rosalía), que tería continuidade en “Glosa del mar habitado”, con mención da vida no Berbés; en “Una biblioteca marinera” escribiu da nova biblioteca de Bouzas, dotada por Ramón Fernández Mato. Non perdeu, tampouco, ocasión de promocionar galegos, como cando Wenceslao Fernández Flórez foi elixido membro da RAE, de quen publicou “La vaca adúltera”, cun editorial contra vellos como Emilio Cotarelo, que remataba con “¡Galleguitos, vivos!”; as pinturas de Francisco Miguel, coruñés daquela asentado en México; uns relatos breves de Castelao co título “Retazos”. Tamén deron noticias da expedición á Amazonia promovida polo goberno da República, encabezada polo capitán coruñés Francisco Iglesias.

A revista, malia os anuncios de renovación, fracasou. Segundo Gonzalo Allegue, a broma costoulle mil pesetas a Blanco Amor, que participara coma socio. Tal situación resulta un perfecto reflexo da actitude do escritor ourensán ao longo da súa vida. Sempre estivo necesitado de que os outros lle reafirmasen a súa consideración, o seu agarimo, e para iso non dubidou en arriscar, en ambicionar, incluso coa aparente venda da súa alma ao diaño que tocase (fosen os conservadores donos de La Nación ou un falanxista notorio como Víctor de la Serna).

E unha das teimas de Blanco Amor nos seus anos de Madrid -en rivalidade co tamén galego e “epente” Ernesto Guerra da Cal- foi gañar a amizade de Federico García Lorca, de quen conseguiu un poema inédito (“Casida de los Ramos”, publicado como “Caída...”) do libro que despois sería O diván do Tamarit.

Compartir el artículo

stats