Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Memorias dun rei sabio

800 anos de Afonso X

Memorias dun rei sabio

Fillo da nobre alemá Elisabeth von Hohenstaufen, máis coñecida como Beatriz de Suabia, e de Fernando III de Castela e Galicia-León, o pasado 23 de novembro foron cumprirse oitocentos anos do nacemento -na cidade de Toledo- de Afonso X, “rei de Castela, de León e de Compostela”, como figura, en efecto, ao longo das Cantigas de Santa María. Estamos a falar, entón, dun monarca que mereceu para o transcorrer da Historia o sobrenome de “O Sabio”; referímonos a un soberano que, se ben semella que non volvese pisar terra galega desde o ano en que accedeu ao trono, 1252 -por máis que, de acordo coa tradición, pasase unha parte da súa infancia entre nós; concretamente no castelo de Maceda, en terras de Allariz-, si que aparece ineludiblemente asociado á conformación da lírica medieval trobadoresca. En efecto, autor dun notable conxunto de composicións de escarnio e maldicir, veñen ser, porén, as Cantigas de Santa María o máis significativo e brillante do seu legado na nosa lingua. Con toda certidume, unha obra excepcional.

Pois ben; á relación entre o rei Sabio e o noso país está dedicado o volume que hoxe traemos ás páxinas de FARO DA CULTURA: Afonso X e Galicia, publicado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística e o Centro Ramón Piñeiro, e coordinario polas profesoras da USC Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, as cales participan así mesmo como autoras de dous importantes traballos neste mesmo título: respectivamente, “Afonso X e a codificación do galego como lingua poética” e -en compañía de S. Marcenaro- “O espazo poético de Afonso X: trobadores e textos”.

Contando coa presenza de autores da talla, entre outros, de X.M. Sánchez Sánchez, M. García-Fernández, X. Ron Fernández, A. Resende de Oliveira, Elvira Fidalgo, Esther Corral, S. Parkinson ou M. Negri, e desde un total de máis de cincocentas páxinas, anotamos un total de dezasete colaboracións que abordan -con rigor e solvencia- diferentes apartados do quefacer de Afonso X no eido da historia así como no espazo lingüístico-lliterario. En fin, unha achega, un volume esencial felizmente editado.

BREA, Mercedes/LORENZO GRADÍN, P. (eds), Afonso X e Galicia, Xunta de Galicia, 2021, PVP. s/p

Compartir el artículo

stats