Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nos vieiros da artegalega

O legado de Fernández del Riego

Varios momentos da exposición do legado de Fernández del Riego Eli Regueira

A inicios de 1950 Luís Seoane comenta en carta a Del Riego (22 de febreiro, 1950) a posibilidade de realizar unha exposición de Carlos Maside e Laxeiro, un proxecto que probabelmente se forxou nas tres horas que pasou Seoane en Vigo en outubro de 1949 na escala do Highland Princess, buque da Mala Real británica, en que regresaba de Londres cara a Buenos Aires, logo de expor na capital inglesa. Este breve encontro é lembrado por Maruxa Fernández, esposa de Seoane:

“Sabían os amigos de Vigo que chegabamos porque lles escribimos dende Buenos Aires para avisalos e estábannos esperando. Colmeiro, Álvarez Blázquez, Paz Andrade, Laxeiro, fomos comer con eles á taberna do Elixio, o barco saía ás tres"

decoration

"Despois soubemos que quedou aquí anotado pola policía todo canto fixemos durante esas dúas ou tres horas”.

Finalmente, e froito dos contactos de representantes do Centro Gallego con Francisco Fernández del Riego e Valentín Paz-Andrade, decídese que sexan seis os pintores presentes. Definitivamente son Maside, Laxeiro, Julia Minguillón, Pesqueira, Díaz Pardo, Prego e o escultor Failde os escollidos.

Nos primeiros meses de 1951 Seoane pide a Del Riego unha pequena biografía, unhas notas e fotografías das obras para o catálogo. Unha vez recibidas, Seoane destaca a obra de Laxeiro e Maside e é ben crítico con outros artistas: “O acento orixinal da nosa pintura sigue confirmándome polas fotografías que mandástedes, vanno ofrecer os cadros de Maside e Laxeiro. Algúns dos outros pintores realizan unha pintura semellante á que fan os pompiers de aquí e de todas partes, fóra da nosa actualidade galega. Síntoo. Non é por ese camiño, como xa viu Murguía hai máis de 50 anos, por onde chegaremos a unha pintura nosa”.

Varios momentos da exposición do legado de Fernández del Riego na Picacoteca que leva o seu nome Eli Regueira

O comentario de Seoane é todo un exemplo do debate e da toma de postura sobre a realidade da arte galega e dos seus problemas. Seoane destaca que o espallamento da pintura galega, provocado polo exilio, non favorece a percepción da pintura galega como movemento e subliña que os autores da diáspora son, xunto con Maside e Laxeiro, os que “destacarían o valor actual da pintura galega”. Fica claro que a responsabilidade da mostra foi de Paz-Andrade e de Fernández del Riego.

Finalmente a exposición foi aberta o 23 de xullo de 1951 na Galería Velázquez de Buenos Aires cunha extraordinaria concorrencia de xente á inauguración e nos días sucesivos.Este proxecto, moi importante na estratexia político-cultural galeguista e non exento de tensións e desencontros, mostra, como poucos, o papel de Fernández del Riego no debate e promoción nun momento decisivo para arte galega do século XX.

A exposición de 1951

Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenzá, 7 de xaneiro de 1913- Vigo, 26 de novembro de 2010) foi, como se sabe, figura central da cultura galega do século XX. Dentro da súa escrita polifacética, o esforzo de divulgación e apoio á proxección das artes visuais ocupa un lugar menos coñecido, labor que agora presenta unha exposición moi completa na Pinacoteca de Vigo, espazo musealizado que leva o nome do noso escritor.

O proxecto expositivo é froito dun rigoroso traballo de investigación da comisaria da mostra, Beatriz Liz de Cea, e permite acompañar a relación de Del Riego coas artes plásticas xa desde os anos da República por medio da presenza dun variado conxunto de artistas cos que tivo relación o escritor ao longo da súa vida, moi ben representados cos fondos do Museo Quiñones de León, o Museo Fernández del Riego e mais a Fundación Penzol.

Título: Francisco Fernández del Riego. Nos vieiros da arte galega. Varios autores.

Comisaria: Beatriz Lis de Cea.

Local: Pinacoteca Fernández del Riego, Vigo. Até o 7 de xaneiro

As ligazóns plásticas de Fernández del Riego están nitidamente representadas no acervo do museo que leva o seu nome e que custodia a súa colección persoal, froito das relacións do autor no campo cultural galeguista e tamén da súa proxección posterior como personalidade de referencia na última etapa da súa vida, o que nos leva desde o Castelao da primeiras décadas do XX até a nova arte galega dos anos oitenta.No entanto, na vinculación do noso escritor coas artes plásticas cómpre destacarmos dous momentos: un no período republicano cando os seus escritos na prensa diaria ou na revista Nós acompañan o asentamento do movemento d’Os Novos e traballa na organización dunha exposición de pintura promovida pola organización xuvenil galeguista Ultreya; o segundo momento é na posguerra onde tenta dar visibilidade á arte galega desde o suplemento do xornal compostelán La Noche e colabora decisivamente na realización en 1951 da mostra de artistas galegos en Buenos Aires, onde o seu labor se achega ao que hoxe chamamos comisariado.

A xénese desta exposición hai que procurala na colaboración entre intelectuais e artistas galegos no exilio americano e no exilio interior que comeza a se intensificar a partir de 1946, ano en que, por exemplo, Del Riego recupera o contacto epistolar de Luís Seoane –o principal dinamizador da cultura galega en América-.O intercambio de ideas, angueiras e proxectos de colaboración comezan a se facer realidade, superando os atrancos da censura e a policía franquista. A mostra Artistas gallegos, realizada na sala Velázquez de Buenos Aires e organizada polo Centro Gallego en 1951, moi relevante no contexto da arte galega de posguerra, hai que situala dentro destes esforzos de colaboración.

Compartir el artículo

stats