Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O liberalismo económico no Séculos das Luces

Historia do pensamento (XXIII)

Gravado mostrando a Bolsa de valores de Londres, a fins do XVIII. Nas imaxes pequenas: Adam Smith (1723-1790) e François Quesnay (1694-1774).

O pensamento neoliberal, dominante no ámbito da teoría económica e herdeiro do pensamento clásico de Adam Smith (1723-1790), sostén como unha verdade irrefutable que o libre mercado é creador dunha orde espontánea e autorregulada que garante a autoorganización da sociedade do xeito máis eficiente posible, para o que construíu un discurso baseado na minimización do papel do Estado e na defensa liberdade.

Adam Smith (1723-1790).

A man invisible e o Estado: Smith apelou en dúas ocasións á metáfora da “man invisible”: nunha ocasión na Teoría dos sentimentos morais (1759) e outra máis na súa obra económica capital: A riqueza das nacións (1776), onde a emprega para xustificar que os individuos, “ao perseguiren o seu propio interese, fomentarán o da sociedade dun xeito moito máis eficaz que se o tentasen fomentar de xeito deliberado”. Tendo en conta que esa reflexión forma parte da análise que fai da distribución do produto anual da terra e do traballo dunha nación entre as tres clases existentes no seo do pobo: as que viven das rendas da terra (propietarios agrícolas), as que viven dun salario (proletariado) e as que viven das ganancias do capital (burguesía), e que vén despois de que analizase o papel do traballo na creación do valor (unha teoría que logo desenvolverá David Ricardo e, sobre todo, Marx), de que xustificase a ganancia capitalista como a recompensa do esforzo e do risco e de que estudase a división do traballo como consecuencia do interese persoal..., resulta evidente que Smith entende que a “man invisible” conforma a metáfora que explica o funcionamento do círculo virtuoso que leva do aumento dos beneficios á acumulación do capital e, de aí, á reprodución do traballo, que favorece a clase que vive do seu laboro. Neste sentido, para Smith -á diferenza do que logo defenderán os teóricos da escola austríaca (Mises, Hayeck...) e os teóricos neoliberais-, aínda que o Estado non debe intervir nesa orde espontánea que deriva da economía de mercado..., recoñece que “ningunha sociedade pode ser próspera nin feliz se a maioría dos seus membros son pobres e miserables”, polo que o Estado debería promover algunhas medidas sociais, como a educación pública para as clases traballadoras. Con todo, na medida en que, para el, o individuo é a unidade básica da sociedade (velaí a razón pola que Marx, cando rompe coa tradición liberal adquirida, insiste en que a esencia humana son o conxunto das relacións sociais), o autor da Teoría dos sentimentos morais sostén que o motor da economía é o interese persoal, se ben que as accións humanas, sostén en contra do pensamento tanto de Hobbes como de Hume, non están orientadas nin polo egoísmo nin polo utilitarismo, senón pola empatía, o que fai á economista india Amartya Sen a súa máis radical herdeira. Non obstante, esa non interferencia do Estado nos asuntos económicos, non é un precepto absoluto: a intervención do Estado na economía é posible sempre que sexa para beneficiar ás clases posuidoras, como se puido comprobar en numerosas ocasións ao longo da historia.

François Quesnay (1694-1774).

Onde queda a liberdade no liberalismo económico?: Segundo sempre Smith, a “man invisible” é a que fai posible que os actores do mercado, estando cada un concentrado no seu segmento preciso, actúen tendo a información precisa e necesaria para tomar as decisións correctas. Neste sentido, o mercado ten que ser libre..., pero, en que consiste esa liberdade?

Para Smith, como para todos os pensadores ilustrados, a liberdade é un dereito natural inherente aos individuos. Ora ben, a liberdade limítase a unha liberdade para moverse -na Riqueza das nacións, Smith denuncia ás leis dos pobres, que lles impedían abandonar as terras ás que estaban vinculados para buscar un traballo mellor-; a unha liberdade para vender a súa forza de traballo a un empresario capitalista; quere dicir, limítase á liberdade necesaria para liberar a man de obra rural necesaria para abastar as fábricas que xurdían ao abeiro da revolución industrial. Unha liberdade fundada nas desigualdades sociais, xa que logo, unha liberdade limitada, o que no século XIX xustificarase mediante o socialdarwinismo.

Do laissez faire á man invisible

Adoito asóciase o lema do capitalismo liberal, o tantas veces repetido “laissez faire” a quen consideramos fundador da política económica: Adam Smith. Porén, a tal frase, que no na súa forma extensa di: “Laissez faire et laissez passer, le monde va de lui même” [Deixade facer e deixade pasar, o mundo vai so], é doutra autoría.

Orixinariamente, atribúese a Legendre, un comerciante que a empregou nunha conversa con Colbert, defensor do intervencionismo estatal; con todo, esa idea ten unha historia que pode rastrexarse nos textos de Boisguilbert (1707), do marqués de Argenson (1751) e na súa forma definitiva en Gournay (1752), todos coñecidos fisiócratas, dos que o enciclopedista Quesnay foi o seu máximo representante.

De feito, malia que Adam Smith asumiu o espírito da idea, o non intervencionismo do Estado na esfera da economía, nunca a empregou nos seus textos, onde a substituíu por unha referencia á ‘man invisible’, xa que a súa teoría, que sostiña que a riqueza das nacións baseábase na circulación de mercancías, opúñase radicalmente a teoría fisiocrática, que sostiña que a riqueza das nacións se baseaba no desenvolvemento agrícola.

Non obstante, a lóxica é a mesma: a existencia dunha lei natural que garante o bo funcionamento do sistema económico sen a intervención do Estado.

Compartir el artículo

stats