Suscríbete

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Música

Música Maradona

Cancións para o cabodano dun astro

Diego Armando Maradona (1960-2020)

Cinco cancións para o cabodano dun futbolista ben podería ser o título do último E.P dalgunha banda de indie pop dada aos rótulos longos e mais ás brincadeiras con palabras que evoquen a saudade de tempos mellores e ídolos de infancia caídos. Porén, neste caso, foi o primeiro que veu á cabeza cando lin nun xornal que nos días pasados veuse cumprir un ano do pasamento de Maradona. E non é que eu sexa gran devoto futboleiro nin queira entrar a discutir odios e veneracións sobre o ídolo arxentino. De certo, non son Sorrentino filmando a súa A man de Deus ou a A xuventude con Maradona sobrevoando arredor de todo. Nin sequera me atrevería a dicir se el foi ou non o mellor da historia, máis que Pelé, Di Stéfano ou Messi, igual simplemente pola miña ignorancia e pouco empeño na materia. Pero o que está claro é que poucos deportistas deron para tantas cancións falando das súas fazañas dentro ou fóra do estadio (igual Muhammad Ali e pouco máis).

O caso é que un escoita falar del e aló me chega aquela magnífica “Santa Maradona” duns Mano Negra que daquela, ano 94, vivían os seus momentos máis efervescentes e rachadores facendo da mestizaxe máis punk bandeira e corrente mundial. “Devant de champion du monde de football, Football!, Larchuma football club. Santa Maradona priez pour moi”, case nada para unha canción na que Manu Chao mostraba querencia polo dez ata o punto de, directamente, santificalo. E xa chegados aquí citamos unha segunda canción e tamén firmada polo señor Chao. “Si yo fuera Maradona viviría como él porque el mundo es una bola que se vive a flor de piel” cantaba na súa “La vida tómbola” incluída no seu disco Radiolina, case quince anos despois do seu Santa Maradona. A terceira canción que propoño vai noutra liña ben distinta. Eles son un grupo inglés chamado The Bussines e na súa canción “Maradona”, a ritmo de hardcore punk, xa podedes imaxinar a de improperios que lle adican ao ao bo do Pelusa. Resentimentos a saco por cousas como aquela “man de Deus” ou o caneo infinito que acabou cos ingleses facendo as maletas no Mundial do 86, e ademais coa resaca de fondo do conflicto das Malvinas aínda latexando. Odio a mancheas e insultos a monllo para o pibe de ouro. E volvendo ao rego do cariño polo Diego outra canción para esta escolma de cabodano ben pode ser a que lle adicou outro ídolo arxentino de difícil personalidade pero sobresaínte xenialidade en canto a manexo da linguaxe rock e pop. O enormísimo, inclasificable e musicalmente adorable Charly García non podía faltar á súa cita Maradoniana e aló nos deixou, xunto a Claudio Gabis, o seu “Maradona Blues” espeso, profundo, existencialista e case relixioso. “Yo ya no existo sin pasado, entre la oscuridad y la luz. Yo se que existo en otro lado, yo ya perdí el autobús” ou “No se qué droga te arenga más que yo, pero esta lluvia no pasó… estoy llorando aquí por vos. Charly García, xenio e figura, conta que improvisou, como seguindo o ditado dos deuses, este blues a medias con Gabis para o seu disco Convocatoria no ano 94. mais tal semella que o fixese onte mesmo lembrando a súa amizade e paixón polo futbolista.

E para rematar este pequeno mostrario de amores musicais, e algún odio, cara a figura do dez, non podíamos esquecernos de Calamaro e a súa xenial “Maradona” na que lle declara amizade e amor infinito nunha canción que tal semella feita como unha carta íntima e persoal. “Es un ángel y se le ven las alas heridas. Es la Biblia junto al calefón. Tiene un guante blanco calzado en el pie del lado del corazón” canta Andrés, definindo, posiblemente mellor que ninguén, eses sentimentos tan intensos que o astro arxentino levantou alí por onde pasou e tamén por onde non o fixo. “No me importa en que lío se meta, Maradona es mi amigo y es una gran persona, Diego Armando estamos esperando que vuelvas, siempre te vamos a querer por las alegrías que le das al pueblo y por tu arte también”.

Daría para unha escolma do maís variopinta, os renglóns desta mostra, mais aí foron, pois aí foron isas “Cinco cancións para o cabodano dun futbolista” que un escolleu para esta brincadeira. Nunca tanto deu de si xogar tan ben á pelota.

OG, Azido Uriko

Xente de traxe, coleta e gomina. Explosivos, cámaras agochadas e fotos en branco e negro. Escoitas policiais en teléfonos pinchados. O maleteiro dun Mercedes Benz coma derradeiro escollo dunha viaxe antes de rematar un burato de dous metros na beira dun camiño, nalgún monte perdido. Infiltrados, micros ocultos, nécoras, traizóns, chivatazos e pistolas que apuntan certeiras... Parece a sinopse dunha película de Scorsese mais algo de certo hai nisto que vos conto aínda que o director de Goodfellas” nada teña que ver con todo este asunto: dous videoclips que poñen historia visual a dúas cancións que xermolaron da colaboración entre os rapeiros de Ordes, Dios ke te Crew, e os trapeiros de Compostela, Boyanca Kostova. Dúas cancións “OG” e “Azido Uriko” que se presentarn cunha aposta polo audiovisual con forma de pequenas películas a modo de primeira e segunda parte, na que a calidade da ficción dirixida por Xaime Miranda resulta tan convincente e certeira que nos deixa con auténticas ganas de que a metraxe traspasara xenerosamente a duración das cancións para converterse nunha auténtica película galega de trapicheos, pólvora, chumbo e presunto e delictivo mercadeo de polvo branco.

As cancións formarán parte do vindeiro traballo dos artistas en cuestión coa calidade, e selo propio, que o seu pedigree lles outorga, pero dende logo que os videoclips son do melloriño que un, en humilde opinión, pode atopar tanto en pantallas cercanas como naquelas nas que se moven centos de grupos alén das nosas fronteiras e con presupostos inmensamente superiores. Pasade polo youtube, mirade e despois e xa me contades.

Compartir el artículo

stats