Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Embriagadora fragrancia

Un relato engaiolante

Detalle da ilustración de portada de "O perfume".

Traducir ao galego aqueles textos que polos seus valores intrínsecos ou pola súa notoriedade posúen unha significación literaria, resulta algo imprescindible para estear o noso sistema literario. Facíano, máis antes que arestora, as dúas grandes editoriais galegas. E faino agora Kalandraka que nestas datas nos permite gorentar en galego Das Perfum de Patrick Suskind.

A novela relata a historia dun asasino, Jean Baptiste que, polas súas peculiaridades, era único desde o seu nacemento: non desprende ningún olor, mais o sei olfacto é privilexiado. Coñece á xente por mor dos seus olores corporais. Traballa curtindo o coiro, pero un día decide ocuparse cun perfumista famoso, Bladini. E traballando no seu obradoiro, empeza a desenvolver os seus instintos asasinos. Nunha viaxe ao campo desenvolve a súa megalomanía paranoica. Na terceira parte do libro defínese a personalidade asasina do protagonista. As súas obsesións por acadar a fragancia do ser humano. Empezan a aparecer mozas espidas e asasinadas. O autor destes asasinatos en Jean Baptiste. A súa vítima derradeira será a filla dun millonario que fuxirá da cidade para salvala, pero o olfacto lévao ata Laure e mátaa para ter a súa esencia. O día da súa excusión, cunha soa gota de esencia das vinte e cinco adolescentes asasinadas provocará unha orxía colectiva. Todo o mundo fica sometido a unha forza descoñecida. E o asasino consigue esvaecerse e os espectadores espertan coma un mal episodio que prefiren esquecer. Mais esta fragancia especial foi tamén a causa da súa morte porque ladróns, asasinos, prostitutas queren ter un cacho do seu corpo.

O perfume é unha novela de contrastes, xa que nos fai convivir na súa lectura co gafume máis desagradable e o máis pracenteiro. Süskind presenta o protagonista como unha carrapata, condición moi comprensible xa que nace e medra sen amor de ninguén. Novela moi orixinal que se concentra nun sentido que acostumamos a considerar secundario. O autor consegue crear un relato engaiolante. En terceira persoa e con poucos diálogos, amósanos o perfil do asasino obsesionado cun don que resultou a súa perdición. Historia lineal, sen sorpresas no seu desenvolvemento nin reviravoltas inesperadas.

  • SÜSKIND, Patrick, O perfume, Kalandraka, Pontevedra,2021, PVP.14€

Compartir el artículo

stats