Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

O ouro de Roma

A mina das Borreas, Viana do Bolo

Na imaxe grande:vista desde o miradoiro sur de As Borreas.

Entre as depresións e as serras surorientais de Galicia, Viana do Bolo garda un testemuño excepcional da ocupación romana nesta zona: a antiga mina de ouro das Borreas, na parroquia de Caldesiños, a seis quilómetros da vila, é unha das principais explotacións auríferas da época do Imperio en territorio galego, cun sistema comparable -aínda que en pequeno tamaño-, ao das Médulas en terras do Bierzo. O método extractivo era o mesmo, baseado no ruína montium, no que se empregaba a forza da auga para desprazar grandes cantidades de terra que logo era cribada en busca do prezado metal.

O miradoiro sur de As Boreas

Do mesmo xeito que nas Médulas bercianas, o traballo dos romanos deixou unha paisaxe avermellada que pon ao descuberto non só a cantidade de toneladas de terra movidas, senón tamén a alta cualificación dos enxeñeiros que proxectaron a rede de túneles e de aporte hídrico á explotación. O material arxiloso de Viana e do val do río Camba eran idóneos para a procura do cobizado ouro. Calcúlase que en As Borreas se removería unha superficie de ata dezasete hectáreas. As partículas e pebidas do mineral separábanse da terra despois dun intenso labor de lavado e bateado.

A chegada dos romanos promoveu o abandono dos castros e mais o asentamento da poboación indíxena nos vales, a cal pagaba parte do seu tributo a Roma en forma de traballo nas galerías. O persoal especializado (enxeñeiros, técnicos e administradores) viviría no campamento base situado nas proximidades da explotación. O nome da mina podería proceder da palabra “borra”, en referencia ao residuo ou material sobrante tras o lavado. Algúns investigadores cren que o cuartel principal das Borreas podería ser nun antigo castro, o da Vila da Sen, na parroquia de Bembribe, situado a dous quilómetros ao suroeste. As teorías baséanse no achado de fragmentos de cerámica romana, na proximidade do asentamento á mina e na facilidade de comunicación entre ambos os puntos, xa que aínda se conservan os restos dun camiño e dunha vella ponte.

Perspectiva paisaxística das Borreas

A zona contaba coa forza hidráulica suficiente para os plans de Roma, xa que é territorio de paso do río Bibei e dous dos seus afluentes, o Conso e o Camba. Aínda que cunha paisaxe algo diferente, xa que as obras do encoro de O Vao ocasionaron o anegamento de antigas casas e aldeas pola subida da conca fluvial.

Existe un carreiro circular para coñecer ao detalle esta contorna que parte de Caldesiños, de onde arrinca unha pista sinalizada. Tanto o ascenso dun quilómetro por unha pequena estrada asfaltada como por un camiño de bosque autóctono entre castiñeiros e carballos desembocan en senllos miradoiros que, ademais de panorámicas, ofrecen paneis explicativos que facilitan a interpretación da paisaxe circundante, resultado da acción do home. Polo demais, desde estes puntos enxérganse tamén as montañas dos arredores como a Serra Seca ou a Cabeza Grande a máis de 1.200 metros de altitude, ou a cola do encoro de O Vao, no val do río Camba antes de xuntarse co Bibei en Viana do Bolo. Da súa parte, antes de unirse a outro gran río, o Sil, o Bibei forma un canón de corenta quilómetros de longo con ladeiras de ata 500 metros de desnivel nas que se cultiva a vide e atópanse algúns dos bosques de ribeira máis antigos do país.

Un dos viadutos que o cruza, Ponte Bibei, é unha das construccións no seu xénero mellor conservadas e todo un prodixio de lonxevidade. É tamén unha das poucas que manteñen case na súa totalidade a fábrica romana, e inconfundible pola altura do seu arco principal, duns vinte metros sobre o río. Para saber do seu moito pasado, nun dos seus extremos situáronse varios miliarios que explican a importancia que tivo como vía de comunicación hai dous mil anos, e que segue conservando.

Fraga autóctona da zona

Vida na montaña

A riqueza paisaxística é un dos moitos atractivos do concello ourensán de Viana do Bolo, cuxa historia e avatares foron paralelos os do seu castelo, que tivo grande importancia no Medievo. Da orgullosa fortaleza queda a Torre da Homenaxe coroando a zona antiga da vila, que alberga entre as súas paredes centenarias o Museo Etnográfico das Terras de Viana, unha interesante representación da cultura popular repartida en varias salas.

Perfectamente conservada e acondicionada, na actualidade a torre acolle un espazo de exposicións de pintura na planta baixa e mais o museo da vila nos pisos superiores. Os fondos están recollidos en varias seccións: a arquitectura popular, o fogar e a vida doméstica, as técnicas agrícolas e gandeiras e a artesanía e as profesións tradicionais. No percorrido van aparecendo pezas e ferramentas de oficios como o de ferreiro ou o zoqueiro, ademais dos utensilios para o traballo do liño e da la. Os aveños do cotián están á súa vez perfectamente recreados no cuarto e a cociña. A colección documenta a identidade histórico-cultural da comarca a través dos traballos e os días de outrora na montaña, onde a casa representaba a unidade básica de produción e consumo. A Torre é un bo punto de partida para iniciar un percorrido por este termo municipal que conserva unha Praza Maior con soportais e casas brasonadas ademais de pazos, igrexas e ermidas.

Compartir el artículo

stats