Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Do segredo da forza sobrehumana

As memorias gráficas de Alison Bechdel

Viñeta da BD "O segredo da superforza humana", (2021). En primer término, la autora Alison Bechdel

Tras nove anos de silencio editorial, Alison Bechdel (Pensilvania, 1960) reaparece cunha terceira entrega das súas memorias gráficas, a máis complexa e pretenciosa ata o momento. O segredo da superforza sobrehumana (Reservoir Books, editorial pertencente a Penguin Random House) constitúe unha biografía estruturada a través da obsesión da autora polo exercicio. Aínda que Bechdel vén describila como unha historia cultural do exercicio, trátase de algo intrínsicamente persoal. A obra consta de seis capítulos cronoloxicamente ordenados, cada un deles corresponde a unha década da súa vida, todos eles marcados pola obsesión cun deporte (esquí, running, kárate, ciclismo, ioga…) Alison Bechdel é lesbiana e feminista e, aínda que non se considera activista política ,a súa obra foi pioneira na visibilidade da comunidade LGBTI.

Si, é a nai do famoso Test de Bechdel. Creado, en realidade por unha amiga súa, veu resultar ser ela quen o popularizase nun dos seus cómics, nas viñetas de Unhas lesbianas de cuidado. O test serve para valorar se un guión narrativo é machista e consiste en que dous personaxes femininos interactúen e teñan, polo menos, unha conversa na que non se fale de ningún personaxe masculino, independientemente do motivo para facelo. Non se trata dun método concienzudo (lembremos que naceu na década dos 80, polo que tamén está un pouco obsoleto) pero a proposición, tan mínima nas súas esixencias, que aínda así resultan incumpridas a miúdo, consegue poñer de relevo a considerable brecha de xénero, unha escaseza de presenza de personaxes femininos substanciais, que non sexan mero “apoio”.

A autora convértese, ela mesma, no centro do relato sobre o devir cotián

Entre 1983 e 2008 publicou as tiras Unhas lesbianas de cuidado (O indispensable de Unhas lesbianas de cuidado; Reservoir Books, 2018). Despois publicaría a primeira das súas memorias gráficas, o bestseller Fun Home: Unha familia traxicómica (Rinoceronte Editora, 2018), centrada na relación co seu pai e mais a homosexualidade de ambos. Fun Home fíxose co premio ao mellor libro do ano en EE. UU., gañou o Eisner e múltiples premios de literatura inclusiva (Stonewall Book Award, Premio Literario Lambda, Publishing Triangle, GLAAD Media). A obra foi adaptada a un musical de Broadway que gañou cinco premios Tony. Pouco despois, tocoulle a quenda á súa nai e publicou Es a miña nai? (Literatura Random House, 2017). Nesta tercera ocasión, O segredo da superforza humana, ela converteuse no centro do relato: cunha formulación sinxela, a obsesión polo exercicio como medio de transcender o cotián medra en complexidade ata traducirse no medo á morte que, como non, vai da man de atopar o sentido da vida.

Viñeta da BD "O segredo da superforza humana" (2021).

Durante as seis décadas que dura a novela vemos envellecer o personaxe, Alison, e descubrimos algo que xa sabemos: que ao facernos maiores somos cada vez máis conscientes de que o corpo xa non sempre nos segue, mesmo aínda que nos cuideemos e fagamos exercicio. Esta idea, aparentemente superficial, aplícase ao resto das cousas: a enerxía, as ganas, a comunicación... Os cambios no corpo e na relación co deporte e mais o ímpeto de sentirse sempre ben son o fío para unha reflexión sobre quen é a protagonita (orientación, arte), de onde vén (a súa familia e a súa xeración) e con quen estivo (amigos e parellas).

Asistimos a unha mestría na hora de combinar textos e debuxos

É unha sorte que a autora puidese concibir esta obra desde a calma, como ela mesma indica: “foi un luxo empregar tanto tempo no libro porque desenvolve case toda a miña vida e necesitaba vivir os dez anos do último capítulo e cumprir os 60, cousa que fixen ao rematar o libro”, e incluír un episodio sobre a menopausa, unha temática que continúa sendo tabú, e as súas implicacións emocionais e físicas. Ao final, todo se reduce á aceptación de cambios continuos cun final ineludible. Como curiosidade, lembrar que Bechdel medrou nunha casa onde había unha funeraria, como conta en Fun Home, polo que a súa relación coa morte probablemente estea naturalizada e, aínda así, esa “sinxela” aceptación levouna a unha novela na que traballou durante oito anos.

Canto ao estilo, recoñecer novamente a súa mestría á hora de combinar texto e debuxos sen duplicar demasiada información para que cada cousa achegue a súa propia mensaxe, e deixando marxe para que sexa a lectora ou o lector os que completen esa complicada balanza.

O cómic como xénero literario

Na presentación da súa última obra, Alison Bechdel apuntou algo moi interesante cando lle preguntaron que lle parecía o Nobel de poesía a Bob Dylan: “Ao longo da miña carreira, o cómic empezouse a tomar en serio, como literatura; pero a min o que me parecía atractivo era que non era literatura, senón que estaba fóra da literatura e todo se analizaba e criticaba, era máis libre. Se o cómic formase parte do mundo literario cando comecei, eu non tería entrado; como artista nova que era, non me atrevería”.

Trátase, pois, dunha nova nota no debate sobre se a inclusión da BD no xénero” literatura” é unha débeda non saldada, e necesaria, ou unha visión tradicionalista e excluínte cun non tan novo xénero artístico con linguaxe propia que debería obter recoñecemento de seu.. Un debate aberto que aborda desde a semántica (é o termo “novela” gráfica adecuado?) ata a percepción cultural da importancia de ambos: parece que o maior logro mediático de Maus (Rinoceronte Editora, 2017), obra gañadora de premios tan importantes do mundo do cómic como o Eisner (1992) ou o Premio Internacional do Festival de Angulema (1988), sexa ser o único cómic gañador dun Pulitzer (1992), premio destinado para a creación literaria.

Compartir el artículo

stats