Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Da maxia das palabras

Nas lendas da cultura selkie

Nace en Malta, medra en Sudáfrica, vive en Irlanda, Malasia e as tribus aborixes das Illas Salomón e finalmente afíncase en Canadá, Seán Virgo, probablemente recollendo trazos culturais destes lugares escribe The Shadow Mother, texto que agora publica en Kalandraka Editora no que constitúe un fermoso conto que destaca polo fondo lirismo, os escenarios ora oníricos, ora reais e a inclusión da metáfora como elemento evocador no que teñen lugar encontros, xuntanzas, despedidas e anuncios que farán vibrar o lector que se achegue ao relato coa intención de saborear a fantasía que se agocha tras unha sombra que é moza, compañeira, nai e mito.

Esta adaptación de varias lendas da cultura selkie, aquela vencellada á criatura mitolóxica procedente do folclore feroés, islandés, irlandés e escocés que posuían formas de foca, é quen de introducir ao lector nun ambiente lendario no que as referencias ao mar, ao baile, á obediencia se converten no leit-motiv do relato no que un mozo se sente atraído polo mundo do mar, de tal forma que se converte en mariño, navega por todo o mundo, namora dunha rapaza coa que ten un fillo e finalmente marcha nadando deixando atrás os seus recordos.

O xogo que o escritor establece co lector ten na imaxe da sombra un interesante apoio. Se pensamos en que representa o lado escuro da personalidade onde se agochan os instintos máis primitivos do pasado evolutivo, a aparición da sombra que o protagonista quere apreixar interpretámolo como a execución dun acto de amor. Se a sombra do conto representa a parte psíquica da personalidade non asumida polo consciente social predominante do personaxe principal, podería entenderse que todo o relato está escrito en clave de desexo e que nada do que conta é real, senón que é máis ben resultado dun pensamento, froito da imaxinación.

Velaí a riqueza do texto, velaí a maxia das palabras.

VIRGO, Seán, A nai sombra (Ils. J.Serrano Pérez), Kalandraka, Pontevedra, 2021, PVP. 15€

Compartir el artículo

stats