Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

David Fernández Rivera Poeta

“O meu novo poemario é un berro esgazado na escuridade”

David Fernández Rivera, en Vigo. Eli Regueira

David Fernández Rivera (Vigo, 1986) é, ademais de poeta, dramaturgo, director de teatro e artista sonoro e visual. Destaca tamén o seu labor como educador, co desenrolo de diferentes talleres poéticos enfocados á infancia e á mocidade.

Libertad ('Liberdade') é unha das palabras máis fermosas que se poden escribir e pronunciar. Por que titulou con ela o seu novo poemario?

–Entre outras razóns, decidín titular así este libro coa vontade de reivindicar algo que considero fundamental para o ser humano, algo que por “desfortuna” ten moi pouca presenza no noso marco social.

–Como, en poucas palabra, describiría Vd. Libertad?

–Gosto de referirme a este poemario como un berro esgazado na escuridade. Para min, este volume formado por poemas verbais, fonéticos, visuais e partituras gráficas, trátase do máis maduro e intenso da miña traxectoria.

–Cal dos temas que toca neste libro é para Vde. o que máis resaltaría?

–Si, nesta obra atópanse varios temas; de entre eles, un dos máis recorrentes é o da sociedade alienada, hipnotizada e deshumanizada na que nos tocou vivir.

Que supón para Vde. que algúns dos seus poemas visuais, entre os que se atopan dous deste poemario, estean pintados ou instalados en fachadas de edificios públicos de diversos concellos?

–Cando se reproduce un dos meus poemas nun municipio, sinto que o meu propio sangue se funde co da localidade en cuestión,e isto faime sentir algo tan máxico como indescritible.

–Que lle gustaría que sentiran os lectores tras experimentar a “lectura” de Libertad?

–Calquera cousa menos indiferenza.

Cando crea, faino condicionado polos seus lectores ou espectadores?

–Non, en xeral cando creo tan só procuro materializar os diferentes ecos que flúen polo meu interior, do xeito no que o pide o meu corazón. De feito, só tiven presente o lector no proceso creativo do poemario Ágata (Ediciones Antígona, 2014).

"En 'Libertad' trato da sociedade alienada, hipnotizada e deshumanizada que nos tocou vivir"

decoration

–Nos últimos anos levou a cabo diversas iniciativas educativas relacionadas coa poesía, percorrendo centros dentro e fóra de Galicia… Quixera que me falara desta actividade.

–Si, foi co Proxecto Caligrama 2000, un obradoiro dirixido ao terceiro ciclo de educación primaria co que busco introducir os pequenos no mundo da interpretación e creación de poesía visual á vez que trato de facelos reflexionar sobre cuestións tan relevantes como a importancia da reciclaxe ou os perigos do consumismo, entre outras. Dado que este tipo de poesía se constrúe única ou fundamentalmente empregando elementos visuais, fai que esta sexa moi atractiva para os nenos de hoxe en día, uns nenos que viven nunha época na que a imaxe ocupa un papel máis que relevante. Dende a miña perspectiva, a poesía visual é unha ferramenta con grandes virtudes pedagóxicas de cara ao desenvolvemento da creatividade e do pensamento crítico dos cativos.

En que outros proxectos está inmerso na actualidade?

–Nestes momentos estou preparando unha exposición de poesía visual que se titulará “Marfil”. Do mesmo xeito, despois do parón motivado pola pandemia, en breve volverei aos escenarios con “Fractal”, un recital de poesía con música en directo.

Portada do poemario "Libertad".

Portada do poemario "Libertad".

E no futuro?

–Gustaríame gravar un novo disco de recitados con acompañamento sonoro, así como publicar unha antoloxía poética de toda a miña traxectoria traducida ao inglés.

–Dirixiu recentemente a mostra inclusiva de poesía visual “Vieiros”. Que o levou a organizar esta exposición?

–Con esta exposición busquei fundamentalmente poñer en valor a necesidade da inclusión como un dos piares básicos para construír unha sociedade máis xusta e humana. Na mostra, que estivo aberta ao público durante varios meses na sala de exposicións da Fundación Pazo de Mos, compartiron espazo unha colección de poemas visuais que crearon un grupo de mulleres con discapacidade intelectual do centro ocupacional EVD Galicia de Mos nuns obradoiros que lles impartín, con obras de varios autores contemporáneos e poemas da miña autoría.

Este mesmo mes foi convidado a asinar no Libro de Honra do Concello de Covelo en recoñecemento a súa traxectoria, así como polo seu labor educativo e cultural no municipio. Que supoxo isto para Vde.?

–Asinar no Libro de Honra do Concello de Covelo foi algo verdadeiramente significativo para min. Parte da miña familia é natural de Covelo e alí escribín os meus primeiros poemas. Neste municipo ofrecín recitais, teatro e diferentes dinámicas educativas; así mesmo, na fachada do seu centro educativo reproduciuse un dos meus poemas visuais. Covelo é un concello que sempre me apoiou e recoñeceu ata o punto de facerme sentir fillo da súa terra.

–Este suplemento está íntegramente escrito en galego, e por iso lle fago esta pregunta: sendo galego e vivindo en Galicia, por que elixiu o castelán como lingua principal da súa expresión poética?

–A miña lingua materna é o castelán e é a que utilizo para todo no meu día a día. En todo caso, o galego é unha lingua que me apaixona; de feito, un dos meus poemas máis representativos está escrito en idioma galego: refírome a “Alén do mar”, un poema que non só está recollido nunha das miñas publicacións, senón que tamén forma parte dun dos meus discos e acompáñame en todos os meus recitais, independentemente de que estes se celebren en Galicia ou non.

Compartir el artículo

stats