Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Narrativa de circunstancias

Unha homenaxe a Domingo Villar

Saen a un tempo Algunos cuentos completos (Siruela) e Algúns contos completos (Galaxia), de Domingo Villar. En ningún dos dous volumes se nos dan datos para que poidamos dilucidar se o libro foi escrito en galego e logo traducido ao castelán, ou viceversa. Na edición castelá, iso si, non aparecen grallas que si están presentes na galega.

O libro, editado en ambos casos fóra de colección, nunha edición en formato grande, acompañado de linogravados de Carlos Baonza, reúne, en palabras do propio Villar na introdución, relatos “recollidos no diario La Voz de Galicia”, outros “ían quedando en narracións orais reservadas para xuntanzas familiares, sen outra intención que celebrar a risa compartida e a amizade”. Esta é unha óptima definición para o monllo de dez historias que agora ve a luz. Narrativa de circunstancias, ás veces pueril, ás veces conducida por temas, técnicas e desenvolvementos directamente calcados de autores anteriores. Pura escuma literaria que apenas deixa pouso logo dunha rápida lectura.

Villar apela aos grandes contedores temáticos da tradición da narrativa curta galega do século XX: o mar, os tipos populares, o ronsel da emigración, os mitos e as fantasías, máis cotiás ca solemnes. Unha chisca d’Os outros feirantes, de Cunqueiro, por aquí, do Castelao de Cousas por acolá. Tamén, esluídos: Dieste, Avilés de Taramancos, Neira Vilas, Celso Emilio… Polo tanto, o libro non é que teña un alento clásico, máis ben teno reseso. Non é que o autor vigués busque un ambiente intemporal, é que preferiu, seguramente levado polo conxuntural de toda a experiencia, ancorarse en modelos facilmente recoñecibles e doados de asimilar polos lectores; unha constante, por certo, de toda a súa obra literaria.

Ao autor parece prestarlle máis a atmosfera ca o propio relato. Deléitase nas localizacións das súas historias, consegue algo de brillo literario nalgunha imaxe concreta: as labazadas dun falso santo, o augur que adiviña o futuro na zaragallada, a freguesa que aproveita a confesión para seducir o párroco cunha frase xenial.

En definitiva, o libro é unha homenaxe a Domingo Villar, autor da serie policial protagonizada por Leo Caldas de grande éxito comercial, con decenas de miles de exemplares vendidos. Podemos imaxinar o propio Villar nesas “xuntanzas familiares” das que fala no prólogo, atendendo como pode a demanda dos que o acompañan, desexosos de ver ao vivo a pericia do parente famoso escritor. E el defendéndose como pode, improvisando relatos coma Sherezade. Logo de dous anos e medio desde a publicación da súa última novela, talvez o autor se defende con esta obra dos que lle reclaman nova materia editorial.

contos completos

contos completos

VILLAR, Domingo, Algúns contos completos, Galaxia, Vigo, 2021, PVP. 18,95€-

Compartir el artículo

stats