Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Carlos Emilio Rimada Cantautor

“Un cantautor é un contador de historias cun punto de vista crítico”

Moi activo durante os seus anos de residencia en Vigo, na década dos 90, Carlos Emilio Rimada (antes Pons) afastouse da gravación de discos tras marchar da cidade por motivos profesionais (traballa no Ensino). Agora, anos máis tarde, retorna. E faino con novos folgos, retomando a súa traxectoria.

Carlos Emilio Rimada nestes días, en Vigo. Eli Regueira

“A pandemia foi un golpe ao traballo artístico e á creatividade, unha tráxica psicose mundial”

decoration

–Despois dun silencio discográfico prolongado, volve Vde. con un CD e un DVD que enlazan coa súa etapa anterior. Quixera que me falase deles: de Volverán las oscuras golondrinas e de Alicia.

Volverán las oscuras golondrinas é un poema intemporal e universal, é unha canción que levaba tempo gravada cun mito como Frances Burrull, que vén de falecer. El fixo os arranxos do LP de Serrat, Miguel Hernández, e tamén foi o director musical do meu primeiro disco no ano 1985, e acompañoume ao piano no poema de Bécquer e en moitos concertos. Por outra banda, Alicia é un poema de Carlos Oroza que tenta convidarnos a unha viaxe imaxinaria á cidade de cristal do “Arquitecto de Suíza”, pero cando Alicia chega comproba que todas as estancias están ocupadas: “a luz piloto dos coches, as físgoas dos trens, a cera dos laboratorios eclesiásticos”... Que complexo é atopar un mundo ideal! Este poema, “Alicia”, lémbrame o Ulises de Homero e, sendo máis optimista, á Viaxe a Itaca de Kavafis, para min un dos poemas máis fermosos que se escribiron sobre a existencia humana; unha fermosísima carta de navegación para o pensamento e a reflexión.

–Estamos diante dun punto e seguido ou dun punto e parágrafo na súa traxectoria musical?

–A pandemia supuxo un golpe complexo ao traballo artístico e á creatividade, foi unha psicose mundial tráxica. Moitos proxectos foron cortados e nomeadamente a maioría de nós estivemos ligados ao “Inconsciente Colectivo da Sociedade”. Agora volven os concertos e os novos dilemas existenciais. No meu caso, seguirei compoñendo e facendo cancións. 

–Antes presentábase como Carlos Emilio Pons e agora faino como Carlos Emilio Rimada. Por que este cambio?

–Foi unha homenaxe á miña nai catalá e ao seu segundo apelido materno; “Pons” era tamén o apelido da miña avoa.

–Gustavo Adolfo Bécquer é un dos grandes poetas en lingua española, pero cáseque ninguén se atreve a poñerlle música aos seus poemas. A que se debe a súa “valentía” de facer unha canción con Volverán las oscuras golondrinas, seguramente a mais famosa das súas Rimas?

–Benito Moreno, cantautor de Serilla, fixo un traballo moi importante sobre o poeta sevillano, e ultimamente Amancio Prada gravou este poema co gallo do 150 aniversario da morte do poeta. No meu caso, estou con Bécquer dende que comencei a compoñer.

–O seu primeiro disco, Cantiga do Plata, estaba interpretado integramente en galego e con moitas cancións con letra e música súas. Que lembranzas tes dese disco?

–Ese álbum foi inesquecible. Laxeiro deume un óleo para a portada e, efectivamente, todas as cancións estaban en galego. Sentinme moi recoñecido polos medios. A TVG convidoume ao seu quinto aniversario. Pedíronme que cantase “Cantiga para Laxeiro”; hai trinta e un anos diso. Agora volvino gravar e publicareino en breve. Todas as letras de Unha Cantiga do Plata son miñas agás un poema de Manuel María, outro de Manuel Rivas e outro máis de Luís Pimentel. Vendín moitos discos, dei moitos concertos e non me arrepentín cando rexeitei a proposta dunha multinacional (CBS) que me ofeceu gravar as cancións en español.

–De que poeta lle gustaría facer un disco enteiro con pezas musicais compostas por Vde.?

–De varios: de Jorge Luis Borges, de Gustavo Adolfo Bécquer ou de Vicente Risco: cada vez que volvo ler O porco de pé , penso que Risco era un escritor xenial. 

–Houbo un tempo en que se dicía que os cantautores xa eran pasado, que formaban parte doutros tempos... Cal é o papel dos cantautores coma Vde. nos tempos que vivimos?

–Os cantautores están á marxe dos modos e das modas. Adoita dicirse que “hai cancións pretendidamente alegres que, de tan malas que son, entristecen e outras tristes que son tan belas, que reconfortan”. Un cantautor é un contador de historias e debe estar moi atento, ser un gran observador, saber interpretar o mundo que o rodea e ver dende un punto de vista crítico, intelectual e poético “el otro lado de las cosas” e coñecer moi ben as técnicas musicais. 

–Gustaríame que me falase de Carlos Oroza e do impacto que lle produciu o coñecemento da súa poesía e da súa personalidade.

–Moitas veces iamos el e mais eu xantar con Laxeiro: o pintor e Oroza admirábanse mutuamente, pero tamén se pelexaban como nenos, e eu participaba na pelexa, nunca nos encollimos ante el, por iso estabamos ao seu carón, Non lle gustaban os aduladores. Lembro unha vez que, ao baixar con Lala (eu coñecina dende neno) dende o sobreático que tiña enriba do Café Gijón -onde vivía con Laxeiro cando residiamos en Madrid-, fomos dar con Carlos, que estaba nunha mesa co se aderezo indumentario inconfundible (nunca “torpe” como escribía Machado). Oroza era unha persoa entrañable. E logo viñeron os concertos. Estivemos no Auditorio de Lugo, no Teatro García Barbón, en moitos lugares.... No Palau da Música Alicia soou como introdución ao seu recital. O traballo que fixemos con Alicia vén precisamente daqueles recitais.Sobre Oroza escribiron verdaderas marabillas: Manuel Vicent, Manuel Jabois e moitos máis. Uxía Blanco sácoulle unha frase maxistral nunha reportaxe publicaa en 2008 : “Paseo mi derrota por las calles””.  

Compartir el artículo

stats