Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Aser Álvarez Director de arraianos producións

“Con cada vello que morre na aldea, vaise unha sabedoría enorme”

Anacos do rural é un traballo que, con formato de libro, vén de publicar aRRAianos Producións co obxectivo non só de botar unha ollada saudosa a unha Galicia que xa desapareceu, senón, e sobre todo, de poñer en valor e activar o seu patrimonio material e inmaterial e activar novas alternativas.

Aser Álvarez, cun exemplar de Anacos do rural.

Como naceu o proxecto Anacos do rural, como está configurado e cales son os seus obxectivos?

Naceu en 2004, formando parte dun proxecto de investigación intenso que levabamos facendo en aRRaianos Producións, onde tentamos poñer en valor o patrimonio material e inmaterial do mundo rural galego. Daquela, e dentro dese mesmo proxecto, comezamos a colaborar co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no que descubrimos uns fondos extraordinarios tanto fotográficos como cinematográficos sobre Galicia. A nós pareceunos pertinente que todo ese material se visibilizase e fose accesible para a xente. Propúxemoslles facer unha edición de DVD’s que se reflectiu en Galicia na memoria, e a partir de aí xorde Anacos do rural no que partimos do que atopamos nese arquivo do Ministerio e no que contamos coas colaboracións doutras entidades, colectivos e persoas a título individual. O noso obxectivo é amosar a crise actual do rural, que é global, e como aportar solucións dende Galicia, pero tamén é unha homenaxe a todas esas xeracións, grazas as cales hoxe estamos aquí, e una maneira de loitar contra o esquecemento do que son as nosas propias raíces, a nosa identidade rural.

–Que período abrangue todo o material que atoparon?

–Dende os anos 30 aos 80 do século pasado.

–Por que deica os 80?

–Porque é a década que marca a fin da agricultura e gandería tradicional.

Portada do libro "Anacos do rural"

–Un dos primeiros capítulos do libro trata do traballo documental de Jaume Lloveras, en Galicia. Quixera que me falase deste fotógrafo e do seu traballo no rural galego.

–Jaume Lloveras é un personaxe moi interesante. Era un mozo investigador de Xirona que estudou na Universidade de Iowa (Estados Unidos) na que, a inicios dos 70, lle piden que se traslade a Galicia para facer un traballo de investigación que, en principio, era unha parvada. Pero resulta que contactou con Juan Piñeiro quen, consciente de que o rural galego xa estaba a esmorecer, en troques do traballo que lle tiñan encargado, propúxolle que fixese un percorrido pola Galicia rural. O resultado dese percorrido foi unha colección de diapositvas a cor impresionantes que hoxe teñen un valor extraordinario porque recollen un mundo que xa non existe.

–Tamén inclúen unha selección de fotografías da agricultura tradicional galega entre 1978 e 1986 (é dicir, aínda relativamente recentes).

Eses anos reflicten o comezo da época na que en Galicia xa se empezara a rexeitar a vida no campo, con sectores como o leiteiro e vitivinícula que fican moi afectados, por non dicir abandonados. Dalgún xeito, complementan o traballo feito antes por Lloveras.

É de destacar a produción cinematográfica que forma parte do contido do libro. De que arquivos rescataron esas imaxes?. Tiveron que facer algún tipo de traballo de restauración sobre elas?

–Ese material xa fora sometido a un traballo de restauración, realizado pola Filmoteca Española, o cal foi toda unha sorte, porque tivera sido para nós un labor custosísimo.

–Se morre o mundo rural, tamén, dalgún xeito, morre unha cultura. Que habería que facer para conservala?

O mundo rural é moi diverso, por iso a min non me gusta demasiado esa palabra, xa que limita o seu significado; eu preferíría chamarlle o mundo das aldeas ou algo así… Pero, ben, dito isto.. eu son dos que penso que con cada vello que morre vaise unha sabedoría enorme, velaí a nosa teima de rexistrar todo este material, que é a maneira de conservar a cultura. En aRRaianos Producións temos, por así dicilo, dous lemas: valorar e reactivar. E digo reactivar porque acreditamos no futuro desas aldeas, a nosa mirada non é só nostálxica, que tamén, senón con vontade de apostar por ese mundo, de vivir nel e vivir ben, mellor que nas cidades, como se ten demostrado con esta pandemia que fixo que moita xente ollara outra vez eses espazos e fuxise da súa condición de urbanitas para regresar ao campo a vivir, e a traballar, o cal non quere dicir que se teñan que dedicar soamente ao sector primario, senón que abrangue un amplo abano de posibilidades laborais.

“O rural galego require de solucións creativas, anovadoras e axeitadas á nosa realidade”

decoration

– A modernización tamén chegou ao rural galego, pero habería que valorar se o noso agro xa é moderno e se esa modernización se fixo ben ou aínda lle queda un longo camiño por percorrer. Que opina ao respecto?

–Aínda hai moito que facer para que a xente poida vivir no rural e traballar cáseque na profesión que elixa porque iso xa sería factible, se non fora, entre outras causas, polas malas vías de comunicación, a deficiente conexión a Internet e mais a carencia de servizos esenciais. Iso é o que hai que cambiar e, de feito, xa estamos vendo como en grandes zonas rurais dos países europeos máis avanzados, xa se fan cousas moi interesantes. Trátase de entrar en diálogo, dende a nosa identidade cultural de seu, con todas esas otras culturas e esoutros países que están afrontando dende hai anos esta crise rural. Trátase, insisto, en aportar solucións moi creativas e anovadoras e facilitar que a xente poida vivir e traballar no rural. Para iso habemos de ser conscientes do que temos e do que podemos facer a partir de aí, e saber, claro, que non vale calquera cousa.

–Exemplos desas cousas que non valen?

–Encher o monte de parques eólicos que destrúen a paisaxe, implicarse en proxectos que poden hipotecar o futuro das vindeiras xeracións, a gandería extensible, os grandes monocultivos forestais…Galicia non é un país para iso, senón para proxectos de pequena escala, non en balde somos o país dos minifundios, cousa a que a min, por certo, me gustaA partir de aí hai que traballar a prol de iniciativas sustentábeis que non derramen o entorno no que viven, algo que, por certo, souberon facer moi ben os nosos devanceiros.

Compartir el artículo

stats