Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Nepotismo e clasismo no século XVII

Bartolomé Barbeito, inquisidor do Reino de Galicia

Portal da Inquisición de Corzáns, no concello de Salvaterra de Miño.

“Soy persona hechura de V.S. Illma. a la que debo toda merced; por mi parte, procuraré la paz y la buena conformidad en todos mis servicios”. Quen isto escribe é Bartolomé Barbeito y Padrón, un presbítero e doutor en dereito canónico nado en Corzáns (Salvaterra de Miño) en 1639, que exerceu o cargo de primeiro Inquisidor do Tribunal de Galicia, ademais de membro do Tribunal de Corte e conselleiro da Suprema Inquisición. A frase é un extracto dunha carta que Barbeito dirixe ao seu protector, o bispo Diego Sarmiento de Valladares, natural do bispado de Tui e parente dos Condes de Salvaterra, presidente do Consejo de Castilla e “Gran Inquisidor General en los Reynos y Señoríos de su Magestad” entre 1669 e 1695.

Procedente dunha familia fidalga, ingresa no Colexio de San Clemente de Santiago, onde consegue graduarse como doutor pola universidade compostelá. En 1670 é nomeado cóengo da igrexa episcopal de Ourense. Xa na década de 1670, un informe sobre o noso presbítero informa que “este pretendiente tiene un hermano, Ventura Barbeito, que es comisario de este Santo Oficio de Galicia y abad de Camba. Juan Teijeira, hermano de su madre, fue familiar en Salvatierra, y aún tenía ésta otro hermano, Jacinto Suárez, comisario del Santo Oficio y abad de Ribarteme; Juan Barbeito y Padrón, abuelo paterno del pretendiente, fue familiar del Santo Oficio y regidor perpetuo de Salvatierra. Juan Teijeira, su otro abuelo materno, fue familiar y escribano de número de la Audiencia Real”. Por todo isto Contreras apunta: “las justicias civiles no encontraban razón que explicase cómo Salvatierra, (...) con apenas 155 vecinos pudiese tener 7 familiares” (da Santa Inquisición) “cuando la Concordia podría permitir 2 ó 3 como máximo por ser paso obligatorio para Portugal.”

Imaxe do desaparecido Pazo da Inquisición (Santiago de Compostela).

O protectorado familiar que exercían os Barbeito y Padrón, que valoraba e promovía as persoas unicamente en función do seu berce, permite entender mellor a Miguel de Cervantes cando, por boca de Don Quixote, denuncia o clasismo e o nepotismo que abafaba a sociedade do s. XVII: “Sábete, Sancho, que no es un hombre más que otro, si no hace más que otro”. E foi na cidade de Pontevedra onde fixaron a súa residencia varios membros da familia Barbeito y Padrón, como testemuñan os brasóns coas armas da familia que se localizan na Praza da Ferrería, na da Estrela (a coñecida popularmente como “A Casa das Caras”), na rúa da Ponte, na rúa Real... incluso no interior da basílica de Santa María, onde fundaron a capela do Santo Cristo, tamén coñecida como da Angustia. José Millán (1920) afirma que na cidade do Lérez Bartolomé financiou a restauración do hospital dos Gafos que existiu no barrio da Virxe do Camiño, xusto á beira do río no que lavaban as súas úlceras os leprosos.

"Financiou a restauración do hospital dos Gafos que existiu no barrio da Virxe do Camiño, xusto á beira do río no que lavaban as súas úlceras os leprosos"

decoration

Despois dunha breve estancia en Llerena (Estremadura), en 1674 concédenlle destino en Murcia como fiscal do Tribunal da Inquisición, ademais de inquisidor apostólico. Segundo Blázquez Miguel (1986) na cidade do Segura protagonizou un episodio polémico cando decide ausentarse da súa sede durante cincuenta días para protexerse dunha peste que padeceron os seus habitantes, incumprindo “con su deber para con ellos, sus familias y la comunidad”. Un ano despois daquel suceso, en 1675, Bartolomé Barbeito consegue o nomeamento como inquisidor.

Nomeamentos

Tres anos despois, en 1678, obtén o nomeamento de Inquisidor Apostólico do Reino de Galicia, o primeiro da historia, como el mesmo se encargará de recordar unha década máis tarde no portalón monumental da súa obra pía en Corzáns. En 1681 “defendió elocuentemente (…) ante el Supremo Consejo, la jurisdicción del Santo Oficio de su distrito, disputada por el de Valladolid que pretendía ejercer aquélla en Astorga, Villafranca y Oviedo” (Millán; 1920). Exercerá o cargo en Santiago de Compostela durante once anos, ata 1689.

Como “buen paniaguado” de Diego Sarmiento de Valladares, a dicir de Contreras (op. cit), que o vai colocando en diferentes vacantes que lle corresponde cubrir en calidade de Gran Inquisidor General, en 1689 Bartolomé Barbeito aparece en Valladolid como inquisidor do Tribunal da Inquisición, paso previo para continuar o seu meteórico ascenso cara a cúspide da gobernanza do Santo Oficio. O ascenso chega tres anos despois, cando contaba con 53 anos de idade, momento no que é nomeado inquisidor ordinario para os asuntos de facenda do Tribunal de Corte e, máis tarde, conselleiro da Suprema Inquisición.

O Portalón da Inquisición

En Corzáns levántase o portalón da que foi a grande obra pía de Bartolomé na freguesía natal: unha escola e unha casa de repouso para cregos pobres da súa familia e, en defecto, para os presbíteros da súa freguesía, tal e como pon de manifesto a inscrición da súa portada: “Mandola fabricar el Sr.Dº. Don BRM (Bartolomé) Barbeito Padrón, natural dessta FRª (Freguesía). INQQor APPco (Inquisidor Apostólico) i mas antigo de este reino de Galicia ano de 1688 para clérigos de su familia i vecinos de esta FRª a falta de aquellos.”

A fachada principal do portalón acolle tres escudos dispostos de forma triangular que representan os emblemas das familias Barbeito, Padrón e Suárez de Puga. O brasón da dereita acolle os emblemas do pai de Bartolomé, mentres que o da esquerda porta os da familia materna. No centro, e nunha posición elevada, sitúase o escudo do fundador da obra pía: un capelo (sombreiro de aba ancha) no timbre, do que penduran doce bordóns (seis e seis), as mesmas que en heráldica recoñecen a dignidade dos bispos. No centro, un escudo sen partir que acolle unha cruz leñosa (símbolo da morte de Cristo e da redención da humanidade); por debaixo outra cruz flordelisada (da que só se ven os extremos), e coroando o escudo, un emblema solar (símbolo da luz).

Compartir el artículo

stats