New York, New York
A cidade amarga de Fontserè e Cela
A exposición Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York amarga reconstrúe a historia dun libro inconcluso e dunha relación de amizade, á vez que nos descobre a penetrante ollada fotográfica de Carles Fontserè Carrió (Barcelona, 1916 - Xirona, 2007) sobre a paisaxe humana da cidade de Nova York, onde vivía exiliado, na década de 1960. No traballo deste polifacético artista, moi característico do documentalismo dos anos sesenta, percibimos a captación de valores e formas de exterioridade na sociedade contemporánea; de feito todas as fotos teñen en común manifestaren experiencias individuais ou colectivas que aparecen moi marcada pola súa situación nun espazo ou un tempo ben definidos.
A orixe da mostra está na incorporación en 2016 aos fondos do CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, do arquivo fotográfico do escritor Camilo José Cela, que até esa altura estaba depositado en Iria Flavia (Padrón) na Fundación Camilo José Cela. Este arquivo está composto por tres conxuntos de fotografías e negativos que foron utilizados polo escritor para proxectos literarios e libros como Viaje a la Alcarria (1948), con fotos de Karl Wlasak, e Nuevas escenas matritenses (1965-1966) con fotografías de Madrid de Enrique Palazuelo, e as fotografías realizadas por Carles Fontserè para Nueva York amarga. Este último libro non chegaría a publicarse aínda que o autor escribiu cinco textos moi breves, cuxos manuscritos se conservan hoxe no arquivo da Fundación Camilo José Cela en Padrón. Este conxunto conta con arredor de 312 fotografías en branco e negro que Carles Fontserè lle fixo chegar a Camilo José Cela en diferentes envíos desde 1966, despois dunha viaxe de Cela a Nova York, até 1971.
A exposición que se presenta en Compostela reconstrúe a historia deste proxecto non realizado pondo en relación as fotografías enviadas por Fontserè a Cela e as cartas que ambos intercambiaron, alén de documentos, informacións e reflexións do artista catalán sobre a cidade de Nova York, que este acrecentaba ás fotografías. A estrutura da exposición segue rigorosamente o esquema ideado por Cela, a modo de índice, para articular o libro. Son en total 28 capítulos, cuxos títulos suxiren imaxes vivas da cidade e da súa xente.
Cela ensaia unha forma de ollar a realidade que, partindo da fotografía, estrutura unha ficción
En cada capítulo, Cela inclúe unha listaxe de fotografías de Fontserè. Cómpre lembrarmos que antes de emprender este proxecto con Fontserè, Cela xa utilizara a fotografía como unha ferramenta de escritura en varios fotolibros realizados coa editorial Lumen: Toreo de salón (1963), con fotografías de Maspons e Ubiña, e Izas, rabizas e colipoterras (1963), con fotografías de Joan Colom no barrio chinés de Barcelona, escenas duras dunhas rúas onde bulía a prostitución portuaria. Cela ensaia unha forma de ollar a realidade que, partindo da fotografía, estrutura unha ficción. Co formato rápido do esbozo, do “apuntamento carpetovetónico”, como microrrelatos que se transforman en fotorrelatos.
Título: Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York amarga
Comisariado: Santiago Olmo, Adolfo Sotelo, coa participación de Covadonga Rodríguez
Artistas: Carles Fontserè, Camilo José Cela
Local: Planta baixa do CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela
Do 3 xuño ao 26 setembro de 2021
Nos campos de internamento franceses
Cartelista e combatente republicano durante a Guerra Civil; pintor, debuxante e gravador no seu primeiro exilio en París, escenógrafo e figurinista en México, Carles Fontserè fíxose fotógrafo en Nova York, para regresar a Cataluña nos primeiros anos da década de 1970. Este singular creador foi un dos moitos artistas que sufriu o paso polos campos de internamento franceses en 1939 onde o frío, a fame e a morte foron parte da paisaxe vital de miles de republicanos que en xaneiro de 1939, perante o avance das tropas franquistas, atravesan a fronteira francesa, sendo conducidos aos campos de concentración que o goberno francés deseña como destino dos refuxiados españois. Recluídos en calidade de “refuxiados”, segundo a terminoloxía das autoridades francesas, mais na práctica prisioneiros polas características dos campos, o ambiente que se respiraba, a disciplina e o comportamento dos xendarmes que vixiaban estes ámbitos de terror.
Carles Fontserè foi un dos artistas que deixou testemuño desta estarrecedora vivencia e das desacougantes condicións do confinamento. Os seus apuntamentos, realizados no campo de Les Harás (Perpinyà), remiten a unha fonda tristeza e soidade. Son debuxos descritivos, que priman a comunicación sobre a experimentación e expresan, nunha linguaxe de enorme sinxeleza tamén a vontade de fraternidade solidaria e saudosa entre as vítimas. Non esquezamos que na arte do exilio a saudade será un elemento dominante e nesta evocación do espazo vital e afectivo deixado atrás xoga un papel fundamental a vontade de resistencia en tempos de enorme dureza, como os vividos nos primeiros tempos do exilio por este interesante artista catalán.
- Un tractor camuflado y una semirrígida con tres potentes motores pone en alerta a la Guardia Civil de Arousa
- Agrio final judicial para la camarera de Vigo que se encontró el bar cerrado tras 10 días de baja
- Salvaje persecución por Vigo y O Porriño: 50 kilómetros a la fuga y cuatro coches policiales dañados
- De ganar el bote de Pasapalabra a ocupar un alto cargo en el Ministerio de Interior
- Hallan el cadáver del joven desaparecido en Silleda
- Una histórica cafetería de Vigo echa el cierre con las uvas después 44 años cotizados: 'Nos vemos en los bares
- Muere el icónico presentador Xosé Manuel Piñeiro
- Trece implicados y 270 toneladas intervenidas en Vigo y otras localidades de Pontevedra por comercializar de forma ilegal productos del mar congelados