De Manuel Seixas (Vilagarcía de Arousa, 1961) admirei sempre a súa ousadía creativa, especialmente impactante na novela A velocidade do frío. Con idéntico título editou un disco onde música e narrativa se mesturaban dun modo furiosamente rompedor. Agora, en Trevo. Triloxía de outono, recolle a súa produción poética recente. O primeiro poemario, O camiño natural das bágoas, incide en experiencias devastadoras. A morte dos seres queridos atribula o corazón de quen escribe: “Así que ten o seu encanto opaco/perder un amigo pouco a pouco/en odiado tránsito, (...) neno perdido”. Sen esquecer a sabia ironía do artista que sabe que a fama é un deus efémero: “E os aplausos compilados/adquiren arestora a transcendencia/do mormo que quito do nariz, inocuo”. Tamén recoñece que no grande teatro do mundo a vaidade é un vínculo social tan forte como superficial: “estás tan vivo, tan vivo,/que percibo o agarimo reparado dun fervente coro/de amábeis espíritos”.

"Trevo. Triloxía de outono", de Manuel Seixas.

Na segunda obra, 40 pequenos acordes do corazón doente, observo a fondura dos poemas case aforísticos que ás veces colindan co delirio visionario: “Zoa o vento/Con violencia doméstica/E os paxaros deixan a súa derradeira forza/Nunha árbore que enlouquece”. Textos ilustrados por Xurxo Romero Román, autor da magnífica cuberta do volume.

A derradeira obra, Esta vez fareino ben, inclínase por pezas máis extensas e por un lirismo máis escuro, que o emparentan coa Escola da Tebra dos anos 50 e con Antón Tovar (poeta excepcional a reivindicar). O sofremento das perdas, o desacougo dos golpes da existencia, todo agrede o indefenso autor que berra, suplica e blasfema, angustiado polo sen sentido de vivir para non ser: “Fun outro./Fun ninguén./Estrito estrataxema trabucado./Esganada a cautela,/perdín o norte, o sur, cada un dos puntos da contractura”. Resumindo, aquí atopará o lector a furia iconoclasta, a rebeldía e o temor metafísico, a psicodelia, o desalento e a tenrura, o amor e o desamparo ontolóxico. Unha intensa sinopse do vivido.

SEIXAS, Manuel, Trevo, Triloxía do outono, Galaxia, Vigo, PVP. 15,20 €€