Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

César Lorenzo Gil Director de Aira editorial

“En Aira tamén lle damos importancia ao libro como obxecto”

César Lorenzo Gil, estes días en Vigo. Eli Requeira

“O xerme de Aira -conta César Lorenzo Gil- é a libraría Aira das Letras, que leva aberta en Allariz desde o 2010, propiedade de Carlos Airas e Margarita Fernández. Carlos Airas sempre di que, logo de anos “vendendo libros bonitos” ,decidiu que tamén quería fabricalos. É por iso que no 2017 funda Aira editorial. A nosa estratexia inicial, cun horizonte de cinco anos, foi probar diferentes proxectos no mercado antes de especializarnos naquelas áreas onde notemos maiores carencias no eido do libro editado en galego. Estamos a piques de culminar esa fase de aprendizaxe”.

Malia a súa, aínda curta, traxectoria, Aira, fundada hai só catro anos, está a chamar a atención no panorama editorial galego polas súas cuidadísimas edicións, algunhas de auténtico luxo, e por ter unha autora que está a actuar algo así como de buque insignia: a exitosa escritora viguesa María Oruña

–As súas edicións caracterízanse por estaren moi cuidadas, algunhas son de auténtico luxo. Isto non encarece demasiado o prezo dos libros que publican?

–Obviamente, un libro con moitas ilustracións, a cor, cun papel de calidade e encadernación en capa dura vas ter que vendelo a 25 ou 30 euros. Son caros? Non máis ca os seus equivalentes en castelán. Para nós, o importante é que a persoa que compra unha das nosas obras fique satisfeita, non só polo contido senón tamén co obxecto. Investimos moito esforzo e enxeño en facer que os libros sexan fermosos e transmitan o universo que levan entre as súas páxinas.

–Teñen xa un bo número de libros de literatura infantil e xuvenil publicados. Por que é tan potente a LIX galega…ou estase a esaxerar moito?

-É certo que hai autores e autoras galegas que gañan premios fóra de Galicia e conseguen traducións. Títulos LIX xa imprescindibles, que van pasar á historia da literatura no seu conxunto. A LIX atopa en Galicia unhas condicións óptimas de desenvolvemento: un mercado maduro, un sistema de prescrición escolar en consonancia coa rede comercial das principais editoriais e unha boa canteira de autores, froito da tradición, recente pero moi ben asentada, que iniciaron nomes como Agustín Fernández Paz, Xabier P. Docampo, Concha Blanco e outros.

–Un dos ocos que pretenden Vdes. cubrir é o da tradución ao galego de obras clásicas da literatura universal. Tendo en conta que a maioria delas xa foron publicadas en castelán, onde está o público potenciamente lector destas traducións?

-No campo da tradución, nós procuramos o lector coleccionista, que talvez xa leu o Frankenstein, mais que quere telo, desfrutalo quizais despois de moitos anos, nunha bonita edición, cunha tradución actual. Cando se traduce un libro ou un autor ao galego, convertémolo “nun dos nosos”. Pasa a formar parte da biblioteca galega e hai moitos lectores que o agradecen porque lles gusta sentir esa proximidade, coma cando a TVG empezou a dobrar filmes e nos fascinaba ver a Audrey Hepburn ou a Humphrey Bogart falar coma nós.

–Aparte de calidade (no amplo sentido da palabra), que lle exisen a un libro para que poida ser publicado en Aira (sobre todo se é un dun autor novo ou descoñecido)?

-Nós publicamos xa os primeiros libro de Xosé Manuel Vega, Beatriz Cabaleiro, Ana Moreiras ou Jorge Campos. E fixémolo porque as súas obras eran distintas, cada unha ao seu xeito. Valoramos moito a innovación e o entusiasmo. Este non é un negocio de grandes cifras, pero si de intensas emocións. Ver feito un libro que imaxinaches, provoca, en quen o escribe e en quen o edita, unha sensación moi poderosa.

"María Oruña levaba anos querendo que as súas novelas se publicasen en galego"

decoration

–A súa autora estrela é María Oruña. Xa publicaron en galego O souto dos catro ventos e agora anúnciase O que a marea esconde. Como unha editorial tan nova, e aínda pouco coñecida, conseguiu esta “fichaxe rutilante”?

-María Oruña levaba anos querendo que as súas novelas se publicasen en galego, igual ca en catalán, por exemplo. Dáse a casualidade de que dous dos seus grandes amigos e primeiros lectores dos seus manuscritos, Lourdes Álvarez e Nacho Guisasola, son tamén amigos da Aira das Letras e de Aira editorial. O contacto deuse a través deles. Para nós era fundamental que unha autora galega coma ela formase parte desa biblioteca propia da que falaba antes. A resposta do público foi espectacular. O souto dos catro ventos xa vai pola cuarta impresión. Pero aínda non é o noso libro máis vendido.

–Cal é entón?

-O Atlas da Galicia pequeniña, un libro visual no que se resumen os principais elementos da cultura galega, que os cativos e cativas adoran. Xa vendemos máis de catro mil exemplares e no Nadal publicaremos un novo título da colección, “Historia da Galicia pequeniña.”

–Qué lle sobra e que lle falta á actual oferta do panorama editorial galego?

-Sobrar nunca sobra nada nun mercado tan axustado coma o da edición. Se as empresas publican un libro é porque saben que vai suscitar un interese ou cobre un oco, sexa comercial ou cultural. Faltar, coido que faltan moitas cousas. E aquí falo como lector. Gustaríame máis novela histórica, máis divulgación para públicos amplos sobre actualidade, ciencias e humanidades. Estraño sagas infantís, novelas gráficas e biografías, por dar algúns exemplos.

–É posible a subsistencia de editoriais en Galicia sen que reciban subvención pública?

-É que a industria editorial galega vive sen apenas axuda institucional. O Goberno inviste, por traballador/a, dez veces menos no sector cultural ca no sector da automoción. Polo que teriamos que concluír que sería o clúster do automóbil o que non subsistiría sen subvencións. Se falamos da situación de Galicia en relación con Euskadi ou Cataluña, a relación vén sendo parecida. Por cada euro que a Generalitat inviste en libros, a Xunta gasta dez céntimos.

–Ademais da literatura, que outros ámbitos queren abarcar na oferta editorial de Aira?

Interésanos moito o cómic. Este ano publicamos tres obras de banda deseñada infantil e xuvenil e o ano pasado tamén inauguramos a colección “Mulleres ilustradoras”, coa obra Madialeva. En poucas semanas publicaremos unha biografía de Moncho Reboiras, de Xosé Manuel Pereiro e Xurxo Martínez González. Tamén publicamos libros de viaxes, un dicionario de gastronomía…

–A pandemia e o confinamento, de que xeito afectaron? Temeron pola desaparición da editorial?

-Ao primeiro vivimos a mesma incerteza ca o resto das empresas, pero logo do confinamento estrito observamos que aumentabamos as cifras de vendas e decidimos aproveitar a situación para dar un salto adiante. Entre outubro e decembro do 2020 publicamos máis dunha ducia de títulos, máis dos que publicaramos nos nosos dous primeiros anos de existencia.

Compartir el artículo

stats