Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

No Trasmundo de Laxeiro

Pintura de noso no Reina Sofía

Dous momentos da mostra do Trasmundo (1946) de Laxeiro no Reina Sofía.

Por mor da nova estrutura expositiva da Colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, a Fundación Laxeiro e o Concello de Vigo cederon temporalmente a emblemática obra de Laxeiro intitulada Trasmundo (1946) para ser inserida na nova montaxe do centro de arte madrileño.

Froito dese acordo, o Trasmundo (1946) pode verse na sala 425 do edificio Sabatini do Reina Sofía cabo da obra audiovisual do artista granadino José Val del Omar (1904-1982) intitulada Acariño Galaico (De barro) (1961-1995), que rodou en Galicia coa finalidade de integrala, xunto a Aguaespejo granadino (1953-55) e Fuego en Castilla (1956-59), na triloxía Tríptico Elemental de España. Alén de Trasmundo, completan a sala dúas obras do escultor ourensán Arturo Baltar (1924-2017): Nenos cantando Nadal (1960), e Entroido (1990) e dúas fotografías, unha de Enrique Reza (1932-2013) e outra de Anric Massó (1930-2015), unha das moitas que realizou durante a rodaxe de Val del Omar, ademais de numerosos documentos, algúns deles inéditos.

No Trasmundo de Laxeiro

Toda obra artística, se reunir unhas calidades mínimas, é susceptíbel de diferentes lecturas e ilumina diálogos en relación con outras obras. Neste caso, o Trasmundo, en contacto co traballo de Val del Omar, Arturo Baltar, Anric Massó e Enrique Reza reforza a imaxe de Galiza, vista desde valores de ancestralidade fonda. A lectura que se nos propón incide na visión atávica de Galiza, algo evidente no filme de Val del Omar e en Arturo Baltar, un escultor herdeiro da estética de preguerra que desenvolve un inxenuísmo primitivista fortemente barroquizante que utiliza como material principal a terracota. Así e todo, non debemos esquecer que a linguaxe do Trasmundo, e da obra de Laxeiro dos anos corenta, ten chaves de lectura que a podería situan en ámbitos diferentes e complementares, nomeadamente nas correntes internacionais en tránsito entre propostas figurativas cargadas de onirismo e o mundo matérico que se asentará cos informalismos, algo que era ben perceptíbel, por exemplo, nos exiliados chegados de Europa aos Estados Unidos nos anos da Guerra Mundial, como André Masson.

O Trasmundo combina fórmulas modernizadoras cunha temática baseada nunha escena de carácter onírico de fondo etnolóxico, que hipercaracteriza os caracteres locais e ten na arte popular, no románico e no barroco os referentes. É un traballo dunha esgrevia expresividade, onde podemos recoñecer esas figuras deformadas características do seu mundo pictórico, de paleta escura e traballada con densidade áspera. O testemuño do escritor Rafael Dieste fornece chaves para entendermos a recepción deste tipo de traballos de Laxeiro. O rianxeiro sinala que a obra do noso pintor creaba un “vínculo entrañable, dionisíaco, vital” que nace da terra.

De por parte, Trasmundo recolle a retórica visual barroca e os seus esquemas compositivos, cos dous planos: o superior é unha escena de visión, o que o pintor e tratadista sevillano Francisco Pacheco definía fermosamente en El arte de la pintura (1649) como unha “historia del aire” e o inferior sería do mundo supostamente real. No óleo Trasmundo Laxeiro desenvolve, pois, unha escena de visión barroca mais formalmente ligada a esquemas medievais: os tímpanos románicos; porén, nin os referentes barrocos nin o románico conforman nel unha obra historicista. Semella que todo está ligado e que ese todo é unha forma de estar no mundo, de recoñecer que se fai parte dunha desacougante e ao tempo vital realidade colectiva. Neste senso non debemos esquecer o contexto temporal, coa Guerra Civil e mais a II Guerra Mundial como pano de fondo.

En Trasmundo están tamén as angustias do seu tempo, non hai nada de decorativo e nel está tamén a violencia, o medo, a morte, mais en certo xeito naturalizado nese “trasmundo” que nunca deixa de ser parte do mundo. Como en moita arte dos corenta percíbese un fondo freudiano e junginano, con esas imaxes do mundo interior con esa integración do “trasmundo” en contraste coa razón ordenadora do suposto plano real que provoca un atractivo e fondo desacougo.

A nova montaxe da colección do MNCARS

O ambicioso proxecto de reorganización da Colección do MNCA Reina Sofía responde, segundo o propio museo, á necesidade de ofrecer unha relectura integral até os nosos días, con motivo do trinta aniversario da súa inauguración, incorporando centos e obras a través de doazóns, depósitos e compras, nun proceso que culminará coa apertura ao público da nova Colección na súa totalidade, o vindeiro mes de novembro. Un conxunto formado por cerca de 2.000 obras agrupadas en seis espazos diferentes que serán os que acollan esta nova narración.

A presentación ao público vai realizarse dunha maneira tamén novidosa e a modo de serie, dando a coñecer un a un os seis episodios que integran o percorrido completo. Neste primeiro episodio quíxose poñer o foco en distintos puntos fortes, que baixo a denominación conxunta “Nos ven: de la modernidad al desarrollismo” ofrecen ao visitante un percorrido en que se repasan temas como o American Way of Life e a hexemonía cultural de EEUU; o contrapunto europeo do posguerra; os feminismos; o contexto español durante a Guerra Fría ou o exilio que provocou a vitoria fascista na Guerra Civil.

Compartir el artículo

stats