Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Dramawalker Vite

Outras formas de armar escenas

Cartel publicitario da representación de Dramawalker Vite.

Foi o noso Rafael Dieste o que, en resposta a Nietzsche, ofreceu no volume La vieja piel del mundo (1936) unha das hipóteses máis plausibles para explicar o nacemento do teatro. Para o rianxeiro, o teatro tería nacido da necesidade de contar o que pasou, o que se viviu, o que foi, porque nese contar mantemos a memoria, e mantemos a vida que se foi, e traemos de volta aos que se foron. Así tamén naceu a historia. Ao mellor por iso o teatro ten sobrevivido a tantas crises e persecucións, pois forma parte da nosa esencia como seres culturais e históricos. Teatro é memoria.

Non debe, pois, estrañar que cada poucos anos se produza unha vaga de traballos escénicos nos que se busca documentar pasados e presentes, para poñer diante do espectador, pero tamén coa axuda do espectador, retallos de vida mesma de todos eles e de todos nós que nos poidan explicar, pero que, a ser posible, nos poidan transformar, pois adoito eses proxectos apostan por unha visión crítica e humanista da orde social, e late neles unha pulsión emancipadora derivada na crenza de que outro mundo, e ben mellor, é posible. A industria cultural ten outro programa político.

No século XX producíronse varias vagas documentais, e unha das primeiras decorre na Unión Soviética, cando se pon en marcha o Programa Factográfico, impulsado desde a revista Novi Lef, editada entre 1927 e 1928 por Vladimir Maiakovski e Sergei Tretiakov, contando coa colaboración de activistas ilustres como Viktor Schklovski, Ossip Brik, Boris Pasternak, Alexander Rodtchenko, Sergei Eisenstein ou Varvara Stepanova. A influencia deste movemento no teatro mundial será moi notable, e máis ao confluír en Alemaña con outro movemento importante como foi o da Nova Obxectividade, e coas experiencias de teatro político de Erwin Piscator, que terán continuidade nos traballos de Bertolt Brecht e Peter Weiss.

Melpémene, filla de Zeus e Mnemósine, a musa da traxedia grega.

Esa necesidade de documentar presente e pasado, con casos reais de individuos, grupos, comunidades ou nacións, e sempre cunha deriva sociocrítica, estará presente na escena do século XX ben que subsistindo na periferia do sistema ou habitando espazos alternativos ás correntes dominantes, e conformando un discurso contrahexemónico especialmente comprometido contra tantas tiranías, micro e macro. En diferentes países e momentos abrolla a tendencia, ás veces asociada a proxectos moi específicos, en teatros comunitarios, de mulleres, da terceira idade, con adolescentes, no amplo abano da diversidade, ou emigrantes de toda condición.

Por iso debemos salientar o feito de que o Centro Dramático Nacional, que dirixe Alfredo Sanzol, poña en marcha a iniciativa Dramawalker, concibido como ficcións sonoras xeolocalizadas, para recuperar a historia de barrios e comunidades, en colaboración con outros teatros institucionais e compañías de España. Así, en Barcelona, en colaboración coa Sala Beckett, presentarase o Dramawalker Poblenou, mentres que en Madrid será Dramawalker Cañada Real. Na escolla dos lugares onde activar a acción teatral, coa colaboración activa da veciñanza, xa se adiviña con claridade a mirada crítica e política da iniciativa, ben salientable.

En Santiago de Compostela, coa ideación e creación de Chévere, e a implicación activa do Centro Dramático Galego, o 13 de xuño terá lugar a estrea de Dramawalker Vite, unha proposta para recuperar as moitas historias do barrio de Vite, que coma outros noutras cidades do pais, Coia en Vigo, se erguen para acoller familias que habitaban o mesmo espazo ou noutros puntos da cidade, ou chegan de vilas e aldeas da contorna, na procura dunha vida supostamente mellor. Baixo a coordinación artística de XRon, coa colaboración moi activa da veciñanza na achega de relatos, recreados por Paula Carballeira, Esther F. Carrodeguas, Manuel Cortés, Carlos Santiago ou o propio Xron, e un destacado elenco de relatores, a experiencia promete mostrar outras formas de facer teatro, e un país máis aberto e plural. Que todo importa.

Frínico

Este creador teatral grego, nado contra o 540 e falecido arredor do 470 ANE, que obtén o seu primeiro premio nas Dionisias no 511, ocupa un lugar central na historia do teatro por cousas varias, entre elas por ter sido discípulo directo do mesmo Tespis, a quen se ten por inventor do teatro como artefacto cultural. Non obstante, na historia da literatura dramática Frínico é lembrado como autor da traxedia O saqueo de Mileto, e malia que a peza non se conservou, sabemos que na mesma recreaba a conquista da cidade Lidia por tropas persas, comandadas por Ciro II o Grande.

Conta Heródoto de Halicarnaso, no libro seis da súa Historia, que cando Frínico presentou o espectáculo en Atenas todo o público rompeu a chorar, lamentando a berros as desgrazas padecidas polos seus irmáns xonios da outra beira do Mar Exeo. Por esa razón, por ter alterado gravemente os humores da cidadanía, Frínico foi condenado a pagar unha multa de 1.000 dracmas, que hoxe virían sendo uns 40.000 Euros. Desde aquela a traxedia grega abandonouse no territorio de vellas narrativas de Homero ou Hesíodo. Despois de aboar a multa, Frínico seguiu escribindo mais optou pola autocensura. Velaí un precursor do drama documental. Nihil sub sole novum.

Compartir el artículo

stats