Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A poeta indómita

Equilibros, tigres, intemperies

Xela Arias (1962-2003).

Catro obras poemarios éditos son o legado máis visible de Xela Arias no mundo do verso. Se ben sabemos que a poeta xa escribía versos cando era adolescente, e que asisitiu asombrada á descuberta dos simbolistas franceses, mais tamén á dos grupos de rock que a marcaron, Arias tardou en dar ao prelo a súa primeira obra para o axiña que comezou a crear. Recitaba por primeira vez aos 19, mentres vía editado o seu primeiro poema con apenas 20. Denuncia do equilibrio, cuxa escrita se data no propio volume en 1984, non ve a luz ata 1986, o que evidencia que a poeta non tiña présa, nin tampouco quizais demasiado interese, en que as súas composicións se publicasen como obra de carácter pechado. De feito, esa saída ao mundo en forma de libro vén motivada porque naquel tempo, Arias traballa en Xerais, e o que daquela era o director da editorial, Luis Mariño, a anima a facelo. Este poemario permite descubrir a esa Arias dos primeiros tempos, que amosa xa algúns trazos que marcarán a súa poesía, coma o xogo cos pronomes e coas as palabras que se crean ex novo e que adoita a non deixar indiferente a ninguén. Ademais, o “eu lírico”, que semella camiñar polas rúas dese Vigo que se desfai a cada paso, que abana entre poder cambiar as cousas e deixarse ir, teima en amosar os diferentes desequilibrios que todas e todos temos dentro. Faino, ademais, botando man do simbolismo e do alento surrealista de certas imaxes que deixan entrever as lecturas que a conformaron como poeta.

Portada do poemario Denuncia do equilibrio (1986).

En 1990 verá a luz Tigres coma cabalos, un proxecto ideado a catro mans pola poeta e por Xulio Gil, que cingue palabra e fotografía e que tivo a súa extensión nunha exposición que percorreu os diferentes lugares de Galicia. Pasados máis de trinta anos dende a súa publicación, a obra segue a ser provocadora, non polos corpos espidos que amosa, senón por convidarnos a ler e a mirar diferente, a participar no diálogo entre as artes que alí se convocan. Porque só se pode entender en toda a súa magnitude se pensamos nun álbum fotográfico poético cuxas significacións son indomables. Son as lectoras e lectores os que están (case) obrigados a tirarlle todo o seu zume. Deben atopar o que os versos engaden ás fotografías, e o que as imaxes achegan a literatura nun diálogo que se amosa tan vivo coma libre. Nas súas páxinas hai amor, nas súas diversas formas, pero é obrigado sinalar que tamén existencial reivindicación social e pouso existencial, dous ingredientes que tampouco adoitan faltar nas creacións de Arias.

O camiño poético que segue a autora é o de innovar e arriscar en cada poemario. Por iso, singularísima é Darío a diario (1996), unha creación que nada ten que ver coas anteriores tematicamente, pero que segue posuíndo as marcas estilísticas da súa escrita. O verso vólvese máis transparente ca nunca e o poemario pon no centro os primeiros meses de vida do fillo, o que constituirá unha aposta arriscada e pioneira na poesía galega do momento. A maternidade con todas as súas arestas dondas e punzantes, o acompañamento desposuído, a experiencia de descubrir o mundo a través dos ollos dese outro ser, a transformación de quen se foi e a vontade de propiciar escollas libres naqueles que vemos medrar son os puntos cardinais dun volume que aínda non foi o suficientemente recoñecido nin celebrado. Oxalá o sexa a partir de xa.

A súa derradeira obra, Intempériome (2003), eríxese nunha sorte de síntese esencial da traxectoria poética de Arias, na que o verso aparece definitivamente depurado. Exacérbase a profundidade, ás veces de ton filosófica-existencial, que transita toda a súa poética. Igualmente, xa non só se creban os versos, senón que a palabra se rompe nunha tentativa de facernos parar e reflexionar, antes de nada, sobre quen somos. Se houber que escoller unha das mensaxes máis potentes de toda a obra de Arias, para min sería esta: a necesidade de se coñecer a unha mesma, a un mesmo, para saber cal é o camiño que cómpre seguir. Mentres asómense a estes versos, rebeldes, sorprendentes, intensos, os dunha poeta que nunca deixou de experimentar nin de xogar coa poesía, dende a música, a fotografía ou a arte. Valente nas súas escollas artísticas, firme nas súas eleccións.

A forza do recital

Ás veces tense dito que Arias era unha poeta cunha obra literaria moi breve. E non obstante, para facer tal afirmación hai que esquecer que, alén dos catro poemarios, tivo un interese especial en tirar a poesía dos andeis e achegala así ao público. A forma privilexiada que empregou para facelo foi, sen dúbida, o formato do recital, tan en voga na época dos primeiros oitenta e concibido como un acto singular, de amplo espectro social e artístico, que a esta altura se celebraba nos pubs, pero tamén nas rúas ou nos festivais de poesía. Documentar todos os recitais en que participou Xela, sería unha tarefa inxente e tremendamente meticulosa, mais deixaría de manifesto o seu empeño e o seu esforzo en conseguir outra das cousas que lle preocupaban en relación ao acto poético: levar a poesía á xente e non agardar que a xente fose buscar a poesía. O mesmo se pode dicir da súa participación en numerosas publicacións periódicas, que nos veñen a lembrar que o formato libro non é o único xeito de facer versos e que sen dúbida conecta co seu activismo. Á vez, deixa en evidencia que hai máis Arias que nesas catro obras éditas e que se nos interesa a súa obra en profundidade, temos que ir procurala xustamente aí, onde a palabra se xera polo pracer á palabra.

Compartir el artículo

stats