Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

A gran metrópole

Citania de Sanfins, Paços de Ferreira

Na imaxe grande: vista parcial do conxunto de cabanas. De arriba abaixo: baños; panorámioa de parte do poboado; maqueta da citania.

Situada nunha extensa planicie elevada, nunha posición estratéxica que lle permitía gran seguridade fronte ás invasións, a citania de Sanfins, no concello luso de Paços de Ferreira, é un dos principais poboados castrexos do noroeste peninsular, declarado Monumento Nacional. Desde o século II antes de Cristo deica o seu abandono na cuarta centuria da nosa era desempeñou un papel de gran metrópole e de centro cultural de toda unha rexión. A visita ao asentamento e ao centro de interpretación próximo é unha viaxe pola historia.

Vista parcial do conxunto de cabanas.

Esta cidade de pedra ten unha área amurallada de 15 hectáreas e case dúascentas construcións ao descuberto, con amplas zonas escavadas que mostran unha aprezable organización xa desde o mesmo momento da súa fundación, con patios, barrios e baños públicos que destacaban pola súa técnica e deseño.A citania impresiona non só polo seu tamaño e as súas edificacións, senón tamén polas panorámicas que se enxergan. Nas proximidades sitúase o museo arqueolóxico dedicado a este poboado, instalado no Solar dos Brandões, un fermoso edificio de traza barroca, outrora habitado pola nobreza local. A exposición permanente mostra o legado das escavacións e materiais arqueolóxicos recolleitos na área do concello de Paços de Ferreira, ademais de documentar numerosos vestixios das comunidades situadas na rexión desde o Neolítico.Entre os achados representativos do lugar atópase a figura do guerreiro ao que competía velar pola seguridade do poboado. No centro do castro érguese a estatua deste xefe militar que protexía a poboación. O paladín orixinal pode verse exposto no Museo Arqueolóxico.

Maqueta da citania.

As escavacións iniciáronse no século XIX por Francisco Martins Sarmento e José Leite de Vasconcelos. Continuaron en 1944 e desde entón foron retomadas por diversos arqueólogos en sucesivas campañas. En Sanfins destaca tamén un balneario abastecido por un manancial. Podíanse tomar baños de auga fría e baños de vapor grazas a un forno que quentaba a auga que xurdía do nacente.

Baños do castro.

Os numerosos vestixios atopados no poboado van desde cerámica da Idade do Ferro á época romana, pasando por muíños de man, moedas, utensilios domésticos ou pezas de adorno, tanto en ouro como en prata. Tamén aras con inscricións e a emblemática imaxe do soldado de pedra.Todo este legado pode verse no Solar dos Brandões, reconvertido en Museo Arqueolóxico de Sanfins. O edificio barroco, xunto á igrexa e a antiga casa parroquial forman un conxunto arquitectónico de grande interese. A casona foi construída en 1722, dotada con pedra de armas en 1775. O museo foi fundado como tal en 1947, ocupando inicialmente unha sala cedida polos propietarios do inmoble. Oficialmente foi inaugurado en xaneiro de 1984, tras a compra do edificio pola Câmara Municipal de Paços de Ferreira. O espazo museístico reformulouse en 1995, cunha área de exposición que ocupa o edificio principal do Solar dos Brandões; a sección de investigación e administración alóxanse na antiga residencia parroquial e o vello templo serve de auditorio e de zona para exhibicións temporais.

Ademais da metrópole castrexa, neste concello atópase un dos monumentos máis expresivos do románico portugués, o mosteiro de San Pedro de Ferreira, edificación do último cuarto do século XII, dunha soa nave e máis de quince metros de altura.De notable factura, a orixinalidade da igrexa de Ferreira é reunir fachadas e motivos escultóricos provenientes de diferentes orixes xeográficas e obradoiros de canteiros: Zamora-Compostela, Coimbra-Porto e Braga- Unhão, destacando a representación de xograres nun dos capiteis da capela maior.

Historia e patrimonio

Todo o concello de Paços de Ferreira ten historia, patrimonio e cultura. Os ríos Ferreira e Sousa deixaron memorias de muíños, de pontes, de igrexas e de vales que conforman fermosos espazos naturais. Merece a pena subir ata o Monte do Pilar para admirar a contorna. O cumio alberga unha pequena ermida e unha imaxe de Cristo Rei, reconstruída nos anos corenta con fervor popular tras o paso dun ciclón. Baixando o monte, a Capela de Santa Marinha atópase nunha zona de innegable valor paisaxístico, xa na parroquia de Penamaior. Da cultura megalítica queda –entre outros– o dolmen de Leira Longa, tamén coñecido como Forno dos Mouros. A súa construción data do III milenio antes de Cristo. Trátase dun monumento de gran tamaño, con preto de vinte e cinco metros de diámetro e tres de altura, de cámara poligonal con nove columnas e unha laxe como cuberta.

Preto do Porto e coñecida como “a Capital do Móvel”, Paços de Ferreira conta cun museo dedicado á artesanía que levou o nome do concello por todo o mundo. Instalado no edificio que ata 1997 foi Câmara Municipal, o Museu do Móvel fai un percorrido polas artes e oficios da rexión, con especial incidencia no uso da madeira. As ferramentas expostas constitúen a secuencia da transformación da materia prima, desde a talla e moldeado ata os seus posibles destinos, en especial a construción de mobiliario.

Compartir el artículo

stats