Faro de Vigo

Faro de Vigo

Contenido exclusivo para suscriptores digitales

Annual, 1921

A hecatombe de Afonso XIII

Soldados españois logo do desastre de Annual.

O período histórico que transcorreu entre as dúas repúblicas españolas (1874-1931), coñecido como da Restauración, estivo dominado polos sectores reaccionarios que dominaban unha parte importante dos resortes do poder. Foron estes os que impuxeron a Afonso XII, a quen sucedeu coma rexente a súa segunda esposa, María Cristina durante a minoría de idade do seu herdeiro, o futuro Afonso XIII. Anos marcados pola perda de Cuba, Porto Rico e as Filipinas, que deixaron un exército sobredimensionado, o cal exercía unha enorme presión na política.

Mais a vocación colonial recuperouse en 1912, cando o tratado de Fez estableceu a división de Marrocos en dous protectorados, rexidos por Francia e España. E foi esta circunstancia a que axudou á intervención española nas terras que circundaban as cidades de Ceuta e Melilla.

O xeneral Silvestre (1871-1921).

O xeneral Silvestre (1871-1921).

O obxectivo inmediato foi garantir as actividades da Compañía Española de Minas del Rif, explotadora do ferro desta rexión desde 1908, e vinculada a destacados membros do réxime monárquico e da burguesía catalá. A súa constitución provocou unha primeira ofensiva das cabilas rifeñas. A presenza do exército supuña prestar unha protección pública para un negocio privado que á súa vez, tiña que negociar coas desputas entre os xefes locais e o sultán de Marrocos, que tamén querían levar parte dos beneficios.

O Rif, rexión montañosa de cultura tamazight, nunca estivera dominada por forasteiros. Nos primeiros anos de presenza hispana na zona do protectorado, as súas cabilas tiñan o apoio do Imperio otomán. A política española foi de dominación do territorio, para o cal combinou os pactos coas cabilas, a presencia militar e a creación dunha policía indíxena formada por rifeños con mando español. Pero o comportamento dos militares era rexeitado pola poboación local, o que provocou continuos conflitos. Pola súa banda, a oficialidade era favorable á intervención armada, porque iso favorecía os ascensos. E ninguén representaba tal actitude belicista e de desprezo dos rifeños como o xeneral Manuel Fernández Silvestre, comandante xeral de Melilla desde 1920. Silvestre promoveu, xa que logo, a ocupación militar do territorio malia non dispoñer da estratexia nin do material necesario para tal empresa. Coincidiu co xeneral Dámaso González, alto comisario en Marrocos, en que para tal obxectivo cumpría ocupar Alhucemas, a zona dominada polos Beni Urriaguel, a cabila máis indómita do Rif.

Abd el Krim (1882-1963).

Abd el Krim (1882-1963).

En xaneiro de 1921 comezou a ofensiva, contra a que se formou unha alianza de diversas cabilas. Nas semanas seguintes o exército español estableceu o campamento principal en Annual, poboado situado a 90 km de Melilla. Malia o intento de negociación cos rebeldes, encabezados por Abd el Krim, as tropas de Silvestre continuaron na primavera a campaña de ocupación. En xuño, o intento de dominar o monte Abarrán derivou nunha primeira derrota, que incluíu a sublevación de moitos membros da policía indíxena.

Fracasada a tregua solicitada por Abd el Krim pola insolencia do coronel Manuel Civantos, a vitoria animou as harkas rifeña para atacaren de novo. O líder dos rebeldes coñecía perfectamente a situación do exército español polos espías que tiña nel, e nos dous meses seguintes atacou diversas posicións que foron caendo unha a unha ata provocar unha fuxida masiva na que os militares españois foron caendo por centos. Aquela desbandada, que chegou ás portas de Melilla, provocou arredor de oito mil mortos e desaparecidos.

Afonso XIII (1886-1941).

Afonso XIII (1886-1941).

Semellante derrota foi estudado con detalle por Gerardo Muñoz Lorente en El desastre de Annual. Los españoles que lucharon en África (Almuzara). Nesta obra, o xornalista melillense e valenciano de adopción describe cronoloxicamente o conflito e aporta as traxectorias dos seus protagonistas. Un conflito entre cuxas consecuencias estivo a primeira formulación nacional para o Rif, dunha banda, e a descomposición da monarquía española, cuxa fin apenas se retrasou uns anos grazas á ditadura de Primo de Rivera. Sen esquecer que foi en África onde se forxou a sublevación militar de xullo de 1936.

Ausencias e presenzas

Para a prensa galeguista, o desastre de Annual non existiu. Cabe no caso de "Nós" pola súa condición de revista cultural pero non no de "A Nosa Terra", o boletín do galeguismo político, as Irmandades da Fala. Apenas apareceron dúas mencións indirectas ao conflito no outono de 1921, unha delas unha cita do xornal "ABC" tomada de "La Veu de Catalunya".

Pero a reacción cidadá foi considerable en Galicia. Vigo suspendera as festas de agosto (só saíu a procesión do Cristo da Vitoria) e desde as páxinas do noso xornal, dous socios do Casino promoveron unha campaña para mercar un avión e doarllo ao exército.

Entre as unidades militares tiveron que tomar o relevo das sacrificadas en Annual estaba o rexemento “Murcia”, de guarnición en Vigo. Os seus soldados –entre eles fillos de importantes familias viguesas, unha vez desaparecida a redención monetaria- marcharon a Melilla a ocupar o baleiro dos caídos. Entre os mobilizados estaba Valentín Paz Andrade, quen rematara a carreira de Dereito apenas uns meses antes e que concertou con FARO DE VIGO o envío de crónicas sobre a traxectoria do seu rexemento. Outro galego que encetou a súa carreira literaria dun xeito semellante foi Xose Ramón e Fernández-Oxea, Ben Cho Shey, mobilizado en 1920 coma telegrafista, que escribiu Crónicas de Marruecos.


Compartir el artículo

stats